jueves, 4 de febrero de 2021

Febreiriño corto ...

 Febreiro é un mes curto pero intenso. De frío, sen podermos traballar na terra apenas, á parte de comezar coas podas de froiteiras ...Os días van medrando e hai máis luz. O día 2 é a Candeloria, cando casan os paxariños. Por mediados lembramos o amor e a amizade con actividades da Biblioteca onde pode participar toda a comunidade escolar. 

Animámosvos tamén a seguir cos refráns e aportamos algún noso recollido en Sarria e do que hai variantes noutros lugares:

Febreiriño corto cos seus días vinte e oito; se tivera máis catro, non quedaba can nin gato nin hastas ao carneiro nin orellas ó pigureiro.

Quere dicir que en febreiro, grazas que o mes é curto, porque se non acababa con todo e todos, polo tempo cru característico deste mes. O "pigureiro" é o pastor de ovellas, que ao andar polo monte, está pouco protexido fronte ao frío.

Outro referido tamén a dureza do tempo deste mes é : febreiro frebas dá, se non as deu xa as dará.

Outro máis recollido de Nós, diario (12-2-2021): Polo San Valentiño, a amendoeira esbrocha o grumiño.

Póñovos tamén enlace a un interesante artigo de opinión de Marga do Val en Nós diario: https://www.nosdiario.gal/opinion/marga-do-val/febreiro/20210204204049115205.html

Pero tamén ten cousas boas este mes, como as nabizas, os grelos, ... o entroido cos seus traxes e tradicións, ... as sobremesas de entroido.

De nabizas e grelos fala tamén Nós, diario hoxe. As nabizas son as follas do nabo, que poden comerse no comezo do inverno. Mais agora en febreiro saen os grelos, mais tenros e máis saborosos. Son os rebentos que saen da perola do nabo e que máis tarde botarán a flor e a semente. Esta chámase nabiña e ten forma semellante á das coles, chamada coíña.

Lugo ten fama de bos nabos. Antes eran moi consumidos para alimentación do gando pero vanse sementando menos; máis ben só algúns para nabizas. Na TVG saíron en Malicia Noticias hai uns días uns nabos xigantes que chegaban a pesar 13 quilos. Os meus non lles envexan nada, como podedes observar. 




É unha variedade moi produtiva, con enorme perola, que roen con degoro os coellos, e tamén dá moi bos grelos. Noutros lugares de Galicia estes chámanse cimos ou cimóns. Nós recollemos a semente, e nace moi ben.

Tamén é tempo de doces de entroido como as filloas ou as flores. Eu fixen unhas chulas de mazá moi xugosas e sabedeiras.


Xa apuntan as primerias flores: os crocus e os narcisos xa empezaron a florecer e anímanse a saír os gromos do nashim ou pera xaponesa.




Tamén vou poñer enlace ao vídeo sobre a defensa da diversidade lingüística elaborado por varias institucións culturais de diversas comunidades de España. En días anteriores saíron novas sobre as dificultades para empregarmos o galego en certos ámbitos como o da xustiza, onde despois de 33 anos de normalización lingüística seguimos tendo un 1% de uso do galego e moitas dificultades se queremos facer unha denuncia na nosa lingua.,https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/horas-comisaria-poder-poner-denuncia-galego/20210209165532115457.html .

Para os interesados na poesía galega, poño enlace á nova sobre Alba Cid e o seu recente Premio Nacional  de poesía joven Miguel Hernández: https://praza.gal/cultura/en-mais-dun-caso-a-poesia-galega-contemporanea-foi-quen-de-adiantar-exploracions-tematicas-ou-abrir-linas-de-fuga

Para rematarmos o mes alegremente, poño algo de música, un enlace a un vídeo de Xavier Díaz e adufeiras de salitre, grupo do que forma parte a profesora do noso centro Noemí Basanta. Fermosa música abofé!

E xa para deixarvos, póñovos enlace a unha nova de La Voz de Galicia sobre o novo profesor de galego, que queda no meu posto, Miguel Silva Sande. Estades de sorte!!!  Un artista!!!

O curso pasado xa ecoitaramos na celebración do Día de Rosalía as súa versión da poeta. Espero que saibades aproveitar as súas ensinanzas.

Apertas virtuais a todos!!!!!!! Sede felices pero con xeitiño!!!!!!

💚💜💗💛💓💔💗💚💙💜💛😍💗💖💙💚💛