lunes, 28 de junio de 2021

Adeus

 Quero despedirme de todos vós, comunidade do Xograr, agradecervos todo o apoio recibido, todas as emocións compartidas en tempos difíciles para alumnos, profesorado, persoal non docente. Grazas á colaboración puidestes chegar a fin de curso de maneira máis que satisfactoria. Parabéns! Desde a distancia seguín a vosas actividades marabillándome do voso bo facer.

Comparto convosco algúns refráns de xuño: A auga de San Xoán tolle o viño e non dá pan, Deica San Pedro o viño ten medo, As tormentas por San Xoán tollen o viño e levan o pan (Así o fixeron este ano destrozando os viñedos na ribeira de Chantada), Ao estar xuño xa na beira, busca a fouce e limpa a eira (Cómpre ir preparando a eira para logo colocar as medas cando se segue e carrexe o pan), No mes de San Xoán secan a fontes e arden os montes, De San Xoán prás Navidás os días van pra atrás, Polo San Xoán a sardiña molla o pan..

Como amante da literatura póñovos un enlace ás interesantes reflexións de Fran Alonso no artigo Ler, ecribir, en Nós, diario.

E despídome afectuosamente mentres ollo como pasa o río da vida.



Ata sempre 

Vou inserir un interesante vídeo sobre libros que aparece na web de El País.



viernes, 14 de mayo de 2021

Maio de letras









 As celebracións das Letras Galegas quentan motores por todas partes. Xa ten rúa Xela Arias na súa vila.

Ten mural na parede xunto á capela de San Lázaro, exposición en paneis en distintas zonas, traballos dos escolares dos distintos centros sarriaos que gustosos recitaron os seus poemas e posaron a carón do mural, o parvulario xa lle puxo o seu nome ao centro, Eloi Caleiro dedicoulle un disco. A cousa foise animando e participaremos nos actos de celebración na Casa de Cultura nos próximos días.

Bonita exposición a da Panadería Pallares!

Penso que a autora suscitou un enorme interese e mellorou o coñecemento da súa obra, malia os atrancos derivados do tardío nomeamento para dedicarlle a efeméride e da pandemia.

Van saíndo artigos sobre ela nos xornais así como novos libros sobre a autora. Póñovos enlace a un artigo de Nós diario sobre a súa figura.

E a unha entrevista ao fillo  de Xela, Darío Gil en El Progreso.

Moi interesante o traballo realizado polos institutos que deu como resultado o documental "Vencerse é cousa de se tratar". Parabéns aos compañeiros profes e a todos os participantes.

Ademais, estes días tamén saíu unha interesante nova que afecta ao galego, tendo que ver co seu avance e futuro. Poño tamén enlace a ela.

martes, 6 de abril de 2021

Deica abril!

 Quero compartir convosco unha importante nova sobre a situación do galego publicada en Nós, diario.

Tamén vou poñer un poema de Cunqueiro co título "Deica abril", de Herba de aquí e acolá, que tomei prestado para a entrada.

Abril lémbranos o paso do tempo, a vida que repite o seu ciclo e se renova coa primavera.

Engado tamén algúns refráns deste mes: A auga de abril enche o carro e o carril (e vista a mudanza do tempo, habería que dicir: así sexa1), Abril e maio son a chave de todo o ano, Abril frío e mollado enche o celeiro e farta o gado, Garda do pan pra maio e da leña pra abril (É curioso que neste último aparece un artigo partitivo, semellante ao do francés. Ex. manger du pain).

Máis refráns sobre o tempo no blog enribademelqueiroas.blogspot.com, nas entradas de xuño de 2014.

Máis sobre o Consello de Europa e o galego en https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/diplomacia-do-galego-gana-batalla-ue/20210414230108119564.html




martes, 2 de marzo de 2021

Refráns de marzo e máis ...

 É o mes do San Xosé, algún ano de Semana Santa, tempo de facer a poda nas viñas, de comezar outros labores do campo para ir preparándoo para sementar. O tempo é cambiante, con raiolas  de sol e tamén frío, choiva. Van chegando paxaros coma o cuco ou espertando outros animais do letargo invernal.

Póñovos logo algúns: Marzo marzán, pola mañá cara de rosas pola tarde cara de can. Quen en marzo non poda a súa viña, perde a vendima. No mes de marzo e abril, o cuco ha de saír, se ós tres meses non volveu é porque morreu. O que en marzo non fende en abril non estende. Cobras en marzo, neves en abril.

O sol de marzo mata a dama no palacio, o de abril mata o porco o cubil e o de maio mátao no pasto (recollido en Sarria).

Codex Manesse /Dixitalización da Universidade de Heidelberg ( http://digi.ub.uni-heidelberg.de/)

E como este mes é un mes de mulleres, póñovos enlace ao artigo de La Voz de Galicia sobre 20 mulleres da cultura en Galicia.

Tamén poño enlace ao interesante artigo de Iria Veiga en Nós, diario, para que vexan eses que consideran as feministas unhas radicais ou obsesas que repiten sen razón un mantra. Segue habendo no mundo razóns para o feminismo, e por iso é necesario seguir coa loita pola visibilidade e polo futuro, polas nosas fillas.

Tamén poño enlace a outra nova relevante relativa ao galego en La Voz de Galicia.

Recomendo tamén o interesante artigo sobre unha moza galego-alemá en La Voz de Galicia.

jueves, 4 de febrero de 2021

Febreiriño corto ...

 Febreiro é un mes curto pero intenso. De frío, sen podermos traballar na terra apenas, á parte de comezar coas podas de froiteiras ...Os días van medrando e hai máis luz. O día 2 é a Candeloria, cando casan os paxariños. Por mediados lembramos o amor e a amizade con actividades da Biblioteca onde pode participar toda a comunidade escolar. 

Animámosvos tamén a seguir cos refráns e aportamos algún noso recollido en Sarria e do que hai variantes noutros lugares:

Febreiriño corto cos seus días vinte e oito; se tivera máis catro, non quedaba can nin gato nin hastas ao carneiro nin orellas ó pigureiro.

Quere dicir que en febreiro, grazas que o mes é curto, porque se non acababa con todo e todos, polo tempo cru característico deste mes. O "pigureiro" é o pastor de ovellas, que ao andar polo monte, está pouco protexido fronte ao frío.

Outro referido tamén a dureza do tempo deste mes é : febreiro frebas dá, se non as deu xa as dará.

Outro máis recollido de Nós, diario (12-2-2021): Polo San Valentiño, a amendoeira esbrocha o grumiño.

Póñovos tamén enlace a un interesante artigo de opinión de Marga do Val en Nós diario: https://www.nosdiario.gal/opinion/marga-do-val/febreiro/20210204204049115205.html

Pero tamén ten cousas boas este mes, como as nabizas, os grelos, ... o entroido cos seus traxes e tradicións, ... as sobremesas de entroido.

De nabizas e grelos fala tamén Nós, diario hoxe. As nabizas son as follas do nabo, que poden comerse no comezo do inverno. Mais agora en febreiro saen os grelos, mais tenros e máis saborosos. Son os rebentos que saen da perola do nabo e que máis tarde botarán a flor e a semente. Esta chámase nabiña e ten forma semellante á das coles, chamada coíña.

Lugo ten fama de bos nabos. Antes eran moi consumidos para alimentación do gando pero vanse sementando menos; máis ben só algúns para nabizas. Na TVG saíron en Malicia Noticias hai uns días uns nabos xigantes que chegaban a pesar 13 quilos. Os meus non lles envexan nada, como podedes observar. 




É unha variedade moi produtiva, con enorme perola, que roen con degoro os coellos, e tamén dá moi bos grelos. Noutros lugares de Galicia estes chámanse cimos ou cimóns. Nós recollemos a semente, e nace moi ben.

Tamén é tempo de doces de entroido como as filloas ou as flores. Eu fixen unhas chulas de mazá moi xugosas e sabedeiras.


Xa apuntan as primerias flores: os crocus e os narcisos xa empezaron a florecer e anímanse a saír os gromos do nashim ou pera xaponesa.




Tamén vou poñer enlace ao vídeo sobre a defensa da diversidade lingüística elaborado por varias institucións culturais de diversas comunidades de España. En días anteriores saíron novas sobre as dificultades para empregarmos o galego en certos ámbitos como o da xustiza, onde despois de 33 anos de normalización lingüística seguimos tendo un 1% de uso do galego e moitas dificultades se queremos facer unha denuncia na nosa lingua.,https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/horas-comisaria-poder-poner-denuncia-galego/20210209165532115457.html .

Para os interesados na poesía galega, poño enlace á nova sobre Alba Cid e o seu recente Premio Nacional  de poesía joven Miguel Hernández: https://praza.gal/cultura/en-mais-dun-caso-a-poesia-galega-contemporanea-foi-quen-de-adiantar-exploracions-tematicas-ou-abrir-linas-de-fuga

Para rematarmos o mes alegremente, poño algo de música, un enlace a un vídeo de Xavier Díaz e adufeiras de salitre, grupo do que forma parte a profesora do noso centro Noemí Basanta. Fermosa música abofé!

E xa para deixarvos, póñovos enlace a unha nova de La Voz de Galicia sobre o novo profesor de galego, que queda no meu posto, Miguel Silva Sande. Estades de sorte!!!  Un artista!!!

O curso pasado xa ecoitaramos na celebración do Día de Rosalía as súa versión da poeta. Espero que saibades aproveitar as súas ensinanzas.

Apertas virtuais a todos!!!!!!! Sede felices pero con xeitiño!!!!!!

💚💜💗💛💓💔💗💚💙💜💛😍💗💖💙💚💛

viernes, 29 de enero de 2021

Paisaxes de paz

 Mirando en Internet para propoñer actividades sobre o Día da Paz vexo este título que me semella suxerente e que casa ben coa actividade que os dun 4º ESO fixeron por iniciativa propia: un mural sobre a paz. As cores dos paxaros representan diferentes bandeiras.


O título lévame a reflexións sobre o tema. Partindo de frases sobre a paz que aparecen tamén na Internet, como a de Isamu Noguchi (creador do Xardín da paz, na foto abaixo, xunto ao edificio da Unesco en París): "Nós somos unha paisaxe de todo o que vimos".


  Michel Ravassard, CC BY-SA 3.0 IGO  Wikimedia Commons

Paréceme tan certo iso que di!
A paisaxe sempre foi algo importante para nós os galegos, para todos os nosos escritores, e esta moldea a alma.
Como pode haber paz cando todos os días só ves ao teu redor destrución? Como ocorre en tantos lugares do mundo como Palestina, Siria, Libia, Somalia... cando todo ao teu redor é miseria e inxustiza? 
Non pode haber paz se non hai xustiza, se non hai dignidade, se non contas co imprescindible para vivir, se non hai igualdade. Tampouco sen auga potable, imprescindible para a vida. Por iso as xentes no mundo actual teñen que ver paisaxes indesexadas que non son de paz, que non lles permiten crecer como persoas. 
Deberiamos sentirnos privilexiados por estarmos nunha paisaxe de paz e facermos o posíbel para que non mude, porque as consecuencias diso son devastadoras para os individuos. 
Paisaxes de paz son os bosques antigos de árbores autóctonas que aparecen nas fotos de paisaxes galegas senlleiras en La Voz de Galicia. 



Tamén me chamou a atención neste diario hoxe unha ilustración nun artigo de opinión que ten por protagonistas dous nenos emigrantes explotados. Moitas paisaxes non deberían existir, pero hainas: a destrución en Palestina, os asentamentos xudíos, a paisaxe desolada que deixan as guerras, as fábricas téxtiles e as minas onde traballan nenos metendo os seus corpos miúdos entre as fendeduras do terreo...



Aquí entre nós tamén é preciso traballar pola paz desde a educación e a formación en valores. Ensinar actitudes de respecto polos demais, de respecto á diversidade, de colaboración e resolución pacífica dos conflitos.






miércoles, 20 de enero de 2021

A Xela Arias In memoriam

 Comezou un novo ano coa esperanza de que as cousas vaian a mellor, pois o pasado xa foi bastante desventurado, e os humanos temos límite de resistencia á adversidade. Por iso acáelle ben o dito: 

Ano novo con ben veñas,

como o sol entre as estrelas,

os cabritos coas cabras

e os años coas ovellas.

Seguimos cos refráns dos meses e xa houbo aportacións interesantes do alumnado, que poñeremos e tamén vou facer eu algunha.

Por ex. algúns refírense ao crecemento dos días que inflúe no ánimo da xente, na produción de ovos das pitas, que vai a máis; outros aluden á climatoloxía ou aos labores propios deste tempo.

Aí van uns cantos: 

As verzas en xaneiro saben  a carneiro; en marzo darllas ao criado; en outono volven ao mesmo dono (recollido en Sarria); Por San Xulián adianta o día o paso dun canXaneiro xieiro. A madeira da túa casa en xaneiro has de cortala; En xaneiro, pon o alleiro; En xaneiro, dúas capas e un sombreiro; Chamáchesme galo cairo porque nacín en xaneiro, mais se o zorro non me come, hei cantar no teu poleiro (tamén de Sarria). En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro; Polo Santo Antón xa a galiña pon, pola Candelaria, a boa e a mala.

Coñecemos recentemente a nova da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Xela Arias. Case inmediatamente puxémonos a traballar na difusión da súa obra entre o alumnado e estamos á agarda das súas creacións.



💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧

 


Moitas persoas sentíronse conmovidas pola súa morte temperá e subscribirían sen dúbida estes versos:



O MEU 💙 ESTÁ 

SEN TI

AO VENTIMPERIO


                             
                        Foto de Gelís López (DSC_8010) tirada no Courel, do blog 

                                                           allidondereinalacalma.blogspot.com

  Poño tamén un enlace a un poema de Cristal Méndez Queizán adicado a Xela Arias e ao seu libro Darío A diario.

E remato cos meus poemas escritos na súa memoria.

I. A Xela Arias, in memoriam

Na noite de insomnio

xorden par ti

palabras,

Xela Arias.

Fuches da terra ao mar

ave ávida de vida

liberdade.

Os teus pés

levaban na memoria

o tacto da terra

 o voo das aves

os prados os bosques antigos 

da Vilerma.

Logo veu o mar

e as algas

a busca da voz.

A fala foi compás

para moverte na cidade

ameazada

polo ruído de máquinas.

No medio do tráfico

andaches veloz

ás veces ás apalpadas.

Levaches unha vida

fulgurante e rápida.

Goza de paz e acougo,

Xela Arias!

II. O idioma

O idioma é iso

que nos fai sentir vivos

saltimbanquis

mantendo o necesario equilibrio

meténdome 

nun mar abisal de algas e salitre

ondas que nos fan sentir bicos

amar o mar

amigo de peixes algas verdes visguentas

sentindo o arrolo

de sons e auga

surfeando na táboa

con medo a caermos

érgueteme manténteme

protéxeme da destrución

da nada.

Entre a tempestade e  a calma

sentimentos encontrados.

Tes que estar tes que ser

ou non somos

nada.

O idioma: ese mar 

que por enteiro me asolaga!