O inverno chegou. Con el o frío e as cores tristes, os días pequenos, a calor do lume a carón da cociña. Tamén traemos un pouco de
poesía para alegrar estes días tristes. É tempo de estudar para termos logo un bo nadal.
Choveu e arroiou, "ameteu " o río, alagouse a horta. Logo xeou e houbo néboa.
Déixovos algúns poemas para ler. Espero que vos gusten e vos fagan gozar. A vida continúa e hai moito que celebrar.
Inverno na miña vila
Fino ceo de telaraña
cinza de pérola.
Un galo canta,
flama sobre a neve.
As murallas durmen,
redondas e brandas.
Roto o resorte do pobo,
as voces caen en cabezales
de nardos.
Horas sin ferro.
Reló de fariña:
neve.
Sairá a lúa,
como unha raxa de melón
fría e dulce.
Luís Pimentel (1885-1958)
Sombra do aire na herba (1959)
Panos brancos
esfiañados
da nebra
ouveando
polos vales
polos soutos
i as devesas marelas
en busca dun caborco
ou dunha valiña outa que os acolla
i os faga acougar!
Fiañas da nebra
rubindo
e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos espidos
do Nadal!
Uxío Novoneyra
No poema, como nos caligramas das vangardas (Caligrammes, Guillaume Apollinaire), disposición do texto ten valor expresivo, querendo imitar as nubes da néboa.
LOAIRAS de sol
Ventaladas d´aire
E razadas d´auga!
/
DENDE nino pequeno
Voun ver sempre o ríu que ameteu
Que me fai ise aceno
Que sein eu.
Uxío Novoneyra, Os eidos
SOL
DE INVERNO
Quen escribe
lembra como entramos
tras a intensa nevarada:
os ollos
cegados pola luz,
as folerpas no cabelo,
os pálidos
semblantes recubertos
por esa frialdade nova,
chegada
furtivamente do exterior,
que penetra os aterecidos membros
como
un lampexo revelando
unha certa perplexidade, un aceno.
Trátase da
mesma situación unha
e outra vez, baixo aparencia
ben
distinta: a neve,
a ponte vella, a canteira abandonada
á
vexetación, os escuros camiños.
Intactos
lugares do temor
que nos recollen en nós mesmos.
Como o vento
que pouco
a pouco se vai debilitando
e deixa pousado nos
muros
o aroma das follas, o alento do bosque,
así a túa
respiración,
así a túa respiración
ao pé do lume,
íntimo
latexo que captura a mirada,
que nos recolle en nós
mesmos.
E nos
entrega cinza, espello
tal vez do deterioro, tal vez
do
desafecto, o frío.
O teu amor é
como unha brisa entre ramaxes.
O teu amor é sol de inverno.
Martín Veiga