miércoles, 27 de mayo de 2020

E remata o maio con máis traballos do alumnado sobre Carballo Calero e tarefas para o alumnado de 4º e 2º bac.

Aproveito para poñer algúns traballos sobre R. Carballo Calero do alumnado de 2ª Bac. Trátase de presentacións  sobre o autor.

A primeira é de Patricia Rodríguez Díaz:

https://mail.google.com/mail/u/0?ui=2&ik=a408db24ba&attid=0.1&permmsgid=msg-f:1664318630222130704&th=1718d8f9eb746e10&view=att&disp=safe&realattid=f_k95ohrrm0

A segunda é de Celia López Rodríguez:

https://docs.google.com/presentation/d/1aOd7vETQDP99jtd7kYcvKBROYrWmzW-BR05sjRAr8Yo/edit?usp=gmail


A terceira de Diego Porral López:

https://mail.google.com/mail/u/0?ui=2&ik=a408db24ba&attid=0.1&permmsgid=msg-f:1663606727646303262&th=171651812f4ed41e&view=att&disp=inline&realattid=f_k8ugbscs0

E algo de música, para amenizar un pouco:
https://www.youtube.com/watch?v=8JKLngtfNl4&feature=youtu.be

Tarefas para 4º ESO, prazo ata o 12 de xuño:

Hoxe as tarefas son de repaso sobre as relacións semánticas, en primeiro lugar.

1. Clasifica as palabras en polisémicas ou homonímicas, axudándote do dicionario.
banco, peto, xornal, chama, artigo, real e queixo.

2. Clasifica as palabras en homófonas e homógrafas: botar/votar, naval/nabal, viña/viña, vin/vin, habano/abano.

3. Escribe unha oración con cada palabra deste par de parónimos: actitude/aptitude, adoptar/adoitar, misto/mixto, alagar/alegar e captar/catar.

4. Emparella os sinónimos:

a) recordar, escorregar, gabear, morder, amañar, matinar, trabar, cavilar, lembrar, arranxar, esvarar, agatuñar.
b) beizo, verme, bico, néboa, nugalla, pinga, preguiza, brétema, labio, beixo, coco, gota.

5. Emparella os antónimos:

abundante, abrir, secundario, gañar, móbil, mozo, serodio, recender, introvertido
temperán, inmóbil, primario, vello, insuficiente, perder, cheirar, pechar e extravertido

6. Substitúe por contrarios os termos subliñados:

- A empresa pechou o balance anual con superávit.
- Esa cuestión é agora irrelevante.
- O comedor está agora mesmo cheo.
- Gústame o leite quente con mel.
- Este pantalón é moi claro.

7. Busca sinónimos das palabras destacadas no texto:

- Aquí hai un morto!- exclamou un dos traballadores.
- Mirade! Ten un furado na cabeza- engadiu outro que estaba ao seu carón.
Aquel comentario fixo que eu tamén reparase no que a primeira vista non observara. Na tempa esquerda da caveira había un oco circular, un furado que ata eu, supoño que pola experiencia que dan as películas, identifiquei  decontado. Non había que se moi intelixente para deducir que aquel orificio só podía ser o que deixa  unha bala cando penetra na cabeza. Lembro ben o abraio que experimentei, un abaraio compartido tamén polos que acababan de descubrir aqueles restos.
-Non toquedes nada!Hai que deixalo todo como está e dar parte disto-dixo o capataz-É mellor avisar a don Vitor canto antes.
A. Fdez. Paz, Corredores de sombra, edicións Xerais

 Buscade tamén os sinónimos de furado que hai no texto.


En 2º lugar,  poño algunhas sobre a Nova Narrativa Galega: Carlos Casares, Xosé Luís Méndez Ferrín e Mª Xosé Queizán.

I. Para comezar, ides ver o vídeo do conto de Carlos Casares "O xogo da guerra" de Vento ferido.

Podedes tamén ler o relato en https://docplayer.es/45642386-Relato-en-galego-o-xogo-da-guerra-de-carlos-casares.html

Logo tedes que responder:

1. Cal é o tema ou idea principal do texto?
2. Como é o ambiente que se describe? Onde se sitúa o relato?
3. Resumo do argumento.
4. Que mensaxe se desprende co conto?

II: Xosé Luís Méndez Ferrín, "O Suso".Está na páx. 323 do voso libro.

Preguntas:

1. Relaciona as palabras co seu sinónimo:
rinchar. fiestra, cepa, casopa, demandar, néboa, poutada, rumor, pegadas, bruído, escoar, tatexar, fedor, parellas, brétema, choupana, murmurio, gaquexar, escorrer, pisadas, similares, videira, ventá, pescudar, tufo, gadoupada, ruxido, rechiar.

2.Que tipo de narrador presenta?

3. O narrador recorre a símiles ou comparacións. Búscaos no texto e completa:

A voz do Suso chegou a min fortemente,...
Sentía un pracer húmido e doce...
A néboa era lixeira ...
Botábame unha poutada igual...
O gran rumor dos canavais, axitados ...
Berroume como adoitaba berrar ...
Berro liso e longo ....

4. Cales son as razóns de que Manolito teña medo?

5. Como era a relación entre o Suso e Manolito?
En que sentido esta relación determina a acción?
Que relación había entre Suso e os outros rapaces do Barbaña?

6. De que momento do día a cal outro transcorre a acción deste conto?
O día e a noite correspóndense con dúas situacións psíquicas contrapostas de Manolito. Explícao.

7. Que elementos da paisaxe do Barbaña se citan no conto e que adxectivos se lle aplican?

8. Cal será o valor simbólico do espazo?

III. Mª Xosé Queizán.
1. Busca información sobre a autora no libro de texto e en Internet e fai un resumo dunhas 15 liñas sobre a súa obra.

Póñovos aquí un poema da autora:

A amante nunca ten os dentes postizos
graus no nariz
pelos nas coxas
gorduras nos cadrís.
A amante nunca lle inchan os ollos ao
dormir
O poeta ama a perfección
non te ama a ti.
Es idealización
mito
metáfora da metáfora.
De non seres perfecta, como te amarían?
         Do libro Metáfora da metáfora, 1991

2. De  que fala o texto?Que é o que desmitifica?




Para 2º de Bac.: 

De repaso
:

1. Introduce o inf. conxugado de maneira correcta, facendo as transformacións precisas na oración:

- Se sabedes quen o fixo podedes explicarmo.
- Non chegaron a tempo por que non madrugaron suficiente.
- Para que o saibades facer vóuvolo explicar outra vez máis.
- Aínda que o fixesen perfectamente, non lles chegaría para gañar.
- Se o soubeses antes, non llo dirías.
- Antes de valorar (nós) os datos, temos que ter en conta os datos da enquisa.
- Cando chegastes vós, nós xa comeramos.
- En canto veñan Luísa e María, facemos o traballo todas xuntas.
- Non entendiches nada porque non prestaches atención ningunha na clase.
- A pesar de realizar todas as xestións non te puideches librar da denuncia.

2. Usa o participio regular ou o irregular, segundo conveña:

- Os cafés quedan ................. (pagar); podedes ir tomalos cando queirades.
Non deu ...................... a hipoteca e embargáronlle o piso.
- Non dou ..................... (escoller) ningún vestido porque o que quería poñer non está ................... (enxugar).
- As patacas ............ (fritir) foron .................. (fritir) con aceite de oliva.
- No museo habíe unha sala con cadros ..................... (torcer) que foran ............................. (torcer) á mantenta.
- A cadeira estaba ........................ (comer) pola couza. Deixei nela o pantalón mollado e ao día seguinte estaba .......................... (enxugar).
- Non levas ......................... (gañar) moitos cartos pero estás satisfeito por cada euro  ................. (gañar).

Outra actividade sobre verbos con dobre participio.

Preparando a selectividade:

Hoxe vivimos moito máis ca os nosos antepasados. En 1890, en Estados Unidos, a esperanza de vida media dun neno branco ao nacer era de só 45 anos, mentres que na actualidade chega aos 75. Este cambio non se debe a que a medicina moderna prolongue a vida dos vellos e dos enfermos. Unha parte moi importante na mudanza na esperanza de vida é o resultado da extraordinaria diminución da mortalidade infantil. Antes do cambio para o século XX, e aínda máis canto máis recuemos no tempo ao longo do século XIX, a probabilidade de que un neno non chegase a facer o ano era moi alta (en 1860 a taxa de mortalidade infantil nos Estados Unidos era do 13%).
Como todos sabemos, hoxe en Europa as mulleres viven máis ca os homes, pero isto non sempre foi así. Antes do século XX as mulleres morrían máis cedo ca os homes. A explicación habitual que nos dá a ciencia médica é que a causa principal de morte nas mulleres no tempo anterior á medicina moderna eran as febres puerperais (posteriores ao parto). De acordo con este punto de vista, a medicina antiséptica moderna e a práctica hospitalaria desempeñaron un papel fundamental na redución da taxa de mortalidade das mulleres máis novas en idade fértil.
Se reparamos nas estatísticas, axiña nos decatamos de que as febres puerperais eran unha causa secundaria de morte durante o século XIX, mesmo nas mulleres en idade fértil, e, de certo,  non era esta a causa da alta taxa de mortalidade.  Os altos índices de mortalidade eran consecuencia da tuberculose. Cando a tuberculose deixou de ser a principal doenza mortal, tamén as mulleres deixaron de ter unha vida máis curta ca os homes.
                                                      Richard Charles Lewontin,  A  doutrina do ADN

Cuestións:

1.     1.   Indica o tema e fai un esquema da estrutura do texto.
2.     2.   Explica por que cres que hoxe as mulleres en Europa viven máis ca os homes (Tema de redacción).
3.     3.   Sinala a que clase pertencen as palabras en negriña e indica o seu significado.
4.     4.  Indica se son pechadas ou abertas as vogais: moderna, homes, neno, fértil, ter e febres.
5.     5.  Segmenta, indica os constituíntes e clasifica as palabras pola estrutura: puerperais, extraordinaria, recuemos, antiséptica e mortalidade.
6.      6.  Dá otras solución posíbeis para as o. comparativas do texto.
7.      7.  Analiza sintacticamente: A explicación que nos dá a ciencia médica é que a causa principal eran as febres puerperais.
8.     8.   Busca no texto cinco clases de oración subordinadas distintas, sinala o nexo e indica en cada caso o tipo de oración.

E póñovos tamén unha foto que fixen a fin de semana durante un paseo sobre plantas da nosa flora: a herba de San Pedro.






martes, 19 de mayo de 2020

Traballar coas mans /vs/ traballar coa cabeza. Tarefas para 4º e 2º de Bac. Máis sobre Carballo Calero

Para empezar vou propoñer lecturas, que non virán mal e poden interesarvos: Poño un enlace á interesantísima entrevista a Cesáreo Sáchez Iglesias, presidente da AELG, en Nós diario, sobre o papel do escritor como axente cultural.

Tamén é moi esclarecedora a entrevista a África López Souto sobre igualdade.

E en relación coas Letras Galegas, poño outro dunha fermosa iniciativa cultural en Lugo para dar a coñecer os escritores, de xeito que formen parte da vida cotiá dos cidadáns.

Sobre o sueco que amaba as dornas e a Illa de Ons:

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/falace-staffan-morling-sueco-electrizaron-dornas/20200514160141097623.html

Sobre as tecedeiras luguesas : https://www.elprogreso.es/articulo/comarcas/fio-une-tecedeiras-da-provincia/202005181734311439040.html

Ben, hoxe vou falar dos distintos tipos de traballos que se poden facer na vida. A miña reflexión é que todos son dignos de ser respectados e valorados.
As persoas somos diversas e diversas son tamén as nosas cualidades, gustos e habilidades. Cada un debe escoller aquilo para o que teña máis aptitude e atopar o que é o seu.
Eu valoro enormemente moitas persoas que en Galicia se dedican a facer traballos artesanais como poden ser os carpinteiros de ribeira que facían as dornas, ou os oleiros que elaboran diferentes tipos de cerámica, as palilleiras, as tecelás, os fabricantes de instrumentos musicais... etc.
Tampouco poderiamos vivir sen carpinteiros ou sen mecánicos ou moitos outros oficios, que non debemos minusvalorar e que ademais permiten ás persoas vivir decentemente. O único inconveniente dalgúns destes traballos será a indignidade coa que os deben desempeñar algúns ou as más condicións laborables.
A propósito disto lembro un texto de lit. española  (non me acorda agora o autor) que falaba do "escudero", ese personaxe que non quería traballar porque non estaba ben visto iso na súa clase social, e prefería alimentarse do que lle daba o seu criado do que conseguira pedindo esmola polas rúas. Iso foi así mentres chegaron a España as riquezas de América, pero rematou hai tempo!
Como non nacín princesa, non fuxo de traballos que poden luxar as mans, como o traballo na horta ou no xardín. E ademais encántame ver como vai mudando a natureza co paso dos días.

E póñovos unha foto do meu oceanatus, e dun traballo de cerámica que fixen hai ben anos, e xa me rompeu un pouco.  A flor da cala partiu algo.





E agora veñen as tarefas para 4º, prazo ata o 29 de maio:

A/ No voso libro de texto fala no tema 8 do texto argumentativo e persuasivo. Lede as súas características. Logo facede a pregunta 1 da páx. 149 e da 4 unha redacción: argumentar sobre a eliminación dos reality shows nas televisións públicas.
B/ Facer a actividades da páx. 151 do libro. Son catro exercicios.
C/Facer os exercicios do 2 ao 6, ambos incluídos da páx. 155 do libro.

E para 2º de Bac., probas de selectividade, obrigatorio para os que non enviaron as primeiras, prazo ata o 25 de maio. Os demais poden ir facéndoas tamén para corrixir logo na clase presencial.

PAAU Setembro 2005, opción I, texto de Manuel Rivas, 1995.

 PAAU Xuño 2008, opción I, texto de Carlos Glez Reigosa, 2001.


Engado tamén un enlace a un artigo de opinión interesante de Nós diario: https://www.nosdiario.gal/opinion/iria-veiga/vacina/20200520161644098041.html

Podedes repasar a morfoloxía segmentando estas palabras do texto: observacional, microesferas, subxacente, codifiquen e celeridade.

E finalmente, un enlace á nova web sobre R. Carballo Calero, da man da UDC:

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/web-don-ricardo/20200521210817098138.html

martes, 12 de mayo de 2020

En maio, aínda a vella quenta o tallo.Propostas de traballo para 4º e 2º bacharelato.

Seguimos con refráns, algo que viñemos traballando todo o curso.

Este significa que aínda que en maio vai quecendo o tempo, non quenta o suficiente para deixarmos de precisar achegarnos ao lume e máis, claro, se un ten certa idade. E o tallo é un mesote pequeno que xustamente se usaba para iso, para sentar a carón do lume. Podedes velo na imaxe (talo, en troques, é unha parte dunha planta.Por ex. o liño é unha planta de talo leñoso). Tamén se ve algo, na marxe esquerda, un escano, que era o banco das cociñas de lareira no que se comía, pois soía ter un mesado que podía subirse ou baixarse a conveniencia. A foto é de Creative Commons CC BY-SA 3.0, e o autor P. Lameiro. Esta lareira está en Lalín.



Tamén vos poño un enlace a unha canción nova que fala sobre as circunstancias que estamos a vivir e dános pistas para ocuparmos o noso tempo, aínda que sei que non estades ociosos, precisamente. Parece que esta situación esperta a creatividade e tamén as ganas de compartir.Tamén é interesante outra proposta publicada tamén en Nós diario, Mañá, que vos recomendo.

E tamén algo de baile.

A proposta de traballo desta semana (prazo ata o venres 15) é de lectura, tradución, reflexión e crítica a partir dun texto xornalístico de opinión. Se xa estivese en galego sería perfecto. Porén, así poderemos traducilo. É traballo voluntario para Bac., pois algúns alumnos pedíronme máis traballo (os que precisan obter nota alta).

Para 4º é obrigatorio, xa que a súa avaliación é máis tarde.

Trátase dun artigo de opinión de Manuel de Lorenzo en  El Progreso.
Tamén vos animo a participar na iniciativa publicada en Nós diario en apoio do uso da lingua galega.

A/ Para 2º de Bac.:

1.Traducir.
2.Elaboración dun texto ben estruturado, coherente, cohesionado, adecuado á situación comunicativa, que respecte a gramaticalidade.
Reflexionar como cambiou o mundo e como debería cambiar.
En xeral, é tan boa a vida da xente como a que describe o autor como a súa vida actual?Que problemas están a xurdir por ex. no mundo do traballo ou da escola?
3. Gramática: explicar as diferenzas no sistema verbal entre galego e castelán neste texto e a colocación dos pronomes átonos no texto galego. Enlace ao curso de galego de Nós diario.
4. Fonética: indicar os tipos de n nestas palabras e expresións: non o vía, insensato, inhumano, ben, ben o sabías, enredo, trouxérono, trouxéronnolo. Indica transcrición fonética e realización en cada caso e por que.
5. Sintaxe: analiza a oración.

Ningún pais do mundo que aspire a niveis altos de desenvolvemento pode non contar coa súa lingua propia".

Poño tamén o enlace a unha páx. que me mandou Lucas para repaso de Literatura Galega de 2º de Bac. O autor é un estudante de 2º tamén.
https://www.youtube.com/channel/UClZ-fWAY2dGzcKXBW5HmlLA/videos.


B/ Para 4º:

1.Traducir os catro primeiros parágrafos.
2. Redacción: Cando eramos felices. Co mesmo título que pon o autor, pero mudando a perspectiva. Como vemos cada un a nova situación e como cambiou a nosa vida.Que cambios nos gustaría que se producisen no futuro próximo?
A redacción debe ser un texto ben organizado; non só a resposta a esas preguntas usadas como pistas.

 Déixovos tamén unhas imaxes das miñas plantas que rebentan en cores coa primavera.











lunes, 4 de mayo de 2020

Maio de letras. Novas tarefas para 4º e 2º de Bac.

Comezamos cun enlace ao traballo do Departamento de Lingua Galega e Literatura e alumnado do CPI dos Dices sobre Ricardo Carballo Calero, o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, publicado en Nós diario. Entre outros contidos, aparece a súa relación con Lugo a través do Colexio de Fingoi, tema sobre o cal xa tivemos a oportunidade de ver a exposicíón no noso centro.

Tamén quero achegarvos algo sobre a tradición dos maios, que se resiste a desaparecer neste ano por culpa do confinamento. En Redondela celebraron maios dixitais ou desde os balcóns, como puidemos ver nos medios de comunicación. Tamén en Ourense houbo maios malia a pandemia. Se vos fixades, vedes que tamén nos maios ten protagonismo a humilde flor amarela chamada pampillo, da que xa vos falara, xunto con outros elementos como os bugallos, o fiúncho ou a xesta.

E xurdiu unha nova versión do célebre poema de Curros Enríquez, O maio.

Tamén nos quedaremos sen Correlingua. A ver se polo menos xorde algunha actividade relacionada con el tamén.

Tarefas para 4º:

Repaso:

1. Recoñecer a estrutura das palabras, os distintos constituíntes que as forman (Poden ser morfemas derivativos: prefixo, sufixo; lexema ou raíz; morfemas flexivos: xénero, número ou os morfemas verbais- VT, MMT,MNP).

 Para iso: A/ segmenta nos seus constituíntes as seguintes palabras: funcionamento, desacougo, percorrido, poemarios, reintegracionismo, vichelogrego, tradicionais, paraugueiro.

B/ Clasifica as palabras en simples, derivadas, compostas e parasintéticas.

2. Indica o xénero destes substantivos: costume, viaxe, ponte, arte, dor.
A seguir busca un adxectivo variable que poida acompañar cada substantivo e constrúe unha oración correcta con cada par (subst. + adx.). Ex. Cor vermella

Avance:

Fai as actividades de ortografía da páx. 139 do libro de texto.

Le a páx. 140 no libro de texto. Logo fai unha refutación dos preconceptos máis frecuentes relacionados co galego (que aparecen no cadro do fondo). É dicir, tes que rebater as ideas erróneas sobre o galego que ás veces se emiten por descoñecemento da realidade.

Entrega ata o 11 de maio.

Para 2º de Bac.:

Vocabulario en relación co tema de semántica e con foto:



Lugar onde se sementan e se crían certas plantas durante un curto período de tempo para seren logo transplantadas.

morteiro, semilleiro, pebideiro, porral, porreiro e sementeiro.

Ex. Sementei un alcouve de leitugas (sembrar, castelanismo). Para teres bos sementeiros, recolle a túa propia semente (e naceránche as leitugas bastas coma pelos de can; non se perderá un gran).

Na primeira foto vese o morteiro onde entresachei as leitugas (fun quitando as sobrantes, rareándoas). Na segunda, no pebideiro que entresachara antes, xa medraron as leitugas (estas, coma nós, precisan de espazo para crecer). E as que están en regos foron transplantadas.

De coñecerdes outros nomes para isto, enviádemos.

Outra maneira de reproducírense as plantas é por esgallos, escallos ou tanos (castelán esquejes).
É dicir, cortando unha galla e plantándoa. Así sairalle logo raíz.

Pero para que unha árbore dea froito de calidade, cómpre enxertala, e isto faise introducindo pugas nun patrón. Este logo ten que prender.

Póñovos tamén unha foto dun cacto chamado rabo de gato, que florece en primavera.


                                   

 A primeira tarefa é a lectura dun artigo sobre o ruralismo e a soberanía alimentaria, de Gustavo Duch. Ler e logo redactar. Facer unha reflexión persoal sobre o tema que comenta o autor no texto (unhas vinte liñas).


Seguimos con tarefas sobre literatura actual:

Poesía dos 80 e os 90. Poesía actual.

Facer as actividades da páx. 261-262 do libro de txto: 2, 5, 7 e 11.
Da páx. 264: 14.

Narrativa:

Da páx. 285: 2,3, 5. 7 e 8.

A data de entrega é ata o 11 de maio.

Póñovos tamén un poema de Emma Pedreira, que foi galardoado como o mellor poema do mundo no IV Premio Internacional de poesía Jovellanos. Espero que vos guste.


‘Lista da compra da viúva’, Emma Pedreira

Lista da compra da viúva
Na lista da compra só hai cousas para min.
Non coitelas, non arrebatadas ameixas e infusións contra doenzas inventadas.
Non hai pan exótico para queimar nunha tixola mentres ti e mentres eu,
non hai caprichos para desfacérseche na lingua.
Nin tabaco para o despois.
Na lista da compra só hai aire e sombra,
ítems dos que eu preciso,
e xa non gasto en comer nin en chorar,
xa non tatúo nada na porta da neveira nin escollo lugares en mapamundis contritos para fixar aquí fomos/ou non/felices.
Na miña lista da compra volven mesturarse os meus dez anos cos meus oitenta.
Hai panos do naris e algodóns e doces polos que doo entre bágoas, entre moas.
Na lista da compra volve haber cousas que fai tempo que non.  Tiritas e suturas, contencións para o desangrase. Fío para o desgarro, xeo para as feridas.
Xa me vou esquecendo de luxar as lúas das uñas con canela e curry, xa non me sinto na danza da fritura e da noite e xa non elixo a froita por como se pareza a súa pel á túa,
afundindo  as miñas xemas dos seus extremos.
Volve haber cigarros, tapóns para os ollos, pinturas para recalcar os meus poros lacazáns, e etiquetas nas que marcar cada lugar de min que non se pode tocar máis.
Volve haber pintalabios que non me arrincarás a beixos, maquillaxe para este último golpe (que irá mudando a súa cor como o plátano maduro), panos de papel para desbordamentos, masilla para as miñas fendas de ruína.
E compresas.
Porque esta mañá -probablemente- perdemos a última oportunidade
de ser os terribles pais
dunha indómita nada.