Mostrando entradas con la etiqueta refráns. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta refráns. Mostrar todas las entradas

jueves, 4 de febrero de 2021

Febreiriño corto ...

 Febreiro é un mes curto pero intenso. De frío, sen podermos traballar na terra apenas, á parte de comezar coas podas de froiteiras ...Os días van medrando e hai máis luz. O día 2 é a Candeloria, cando casan os paxariños. Por mediados lembramos o amor e a amizade con actividades da Biblioteca onde pode participar toda a comunidade escolar. 

Animámosvos tamén a seguir cos refráns e aportamos algún noso recollido en Sarria e do que hai variantes noutros lugares:

Febreiriño corto cos seus días vinte e oito; se tivera máis catro, non quedaba can nin gato nin hastas ao carneiro nin orellas ó pigureiro.

Quere dicir que en febreiro, grazas que o mes é curto, porque se non acababa con todo e todos, polo tempo cru característico deste mes. O "pigureiro" é o pastor de ovellas, que ao andar polo monte, está pouco protexido fronte ao frío.

Outro referido tamén a dureza do tempo deste mes é : febreiro frebas dá, se non as deu xa as dará.

Outro máis recollido de Nós, diario (12-2-2021): Polo San Valentiño, a amendoeira esbrocha o grumiño.

Póñovos tamén enlace a un interesante artigo de opinión de Marga do Val en Nós diario: https://www.nosdiario.gal/opinion/marga-do-val/febreiro/20210204204049115205.html

Pero tamén ten cousas boas este mes, como as nabizas, os grelos, ... o entroido cos seus traxes e tradicións, ... as sobremesas de entroido.

De nabizas e grelos fala tamén Nós, diario hoxe. As nabizas son as follas do nabo, que poden comerse no comezo do inverno. Mais agora en febreiro saen os grelos, mais tenros e máis saborosos. Son os rebentos que saen da perola do nabo e que máis tarde botarán a flor e a semente. Esta chámase nabiña e ten forma semellante á das coles, chamada coíña.

Lugo ten fama de bos nabos. Antes eran moi consumidos para alimentación do gando pero vanse sementando menos; máis ben só algúns para nabizas. Na TVG saíron en Malicia Noticias hai uns días uns nabos xigantes que chegaban a pesar 13 quilos. Os meus non lles envexan nada, como podedes observar. 




É unha variedade moi produtiva, con enorme perola, que roen con degoro os coellos, e tamén dá moi bos grelos. Noutros lugares de Galicia estes chámanse cimos ou cimóns. Nós recollemos a semente, e nace moi ben.

Tamén é tempo de doces de entroido como as filloas ou as flores. Eu fixen unhas chulas de mazá moi xugosas e sabedeiras.


Xa apuntan as primerias flores: os crocus e os narcisos xa empezaron a florecer e anímanse a saír os gromos do nashim ou pera xaponesa.




Tamén vou poñer enlace ao vídeo sobre a defensa da diversidade lingüística elaborado por varias institucións culturais de diversas comunidades de España. En días anteriores saíron novas sobre as dificultades para empregarmos o galego en certos ámbitos como o da xustiza, onde despois de 33 anos de normalización lingüística seguimos tendo un 1% de uso do galego e moitas dificultades se queremos facer unha denuncia na nosa lingua.,https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/horas-comisaria-poder-poner-denuncia-galego/20210209165532115457.html .

Para os interesados na poesía galega, poño enlace á nova sobre Alba Cid e o seu recente Premio Nacional  de poesía joven Miguel Hernández: https://praza.gal/cultura/en-mais-dun-caso-a-poesia-galega-contemporanea-foi-quen-de-adiantar-exploracions-tematicas-ou-abrir-linas-de-fuga

Para rematarmos o mes alegremente, poño algo de música, un enlace a un vídeo de Xavier Díaz e adufeiras de salitre, grupo do que forma parte a profesora do noso centro Noemí Basanta. Fermosa música abofé!

E xa para deixarvos, póñovos enlace a unha nova de La Voz de Galicia sobre o novo profesor de galego, que queda no meu posto, Miguel Silva Sande. Estades de sorte!!!  Un artista!!!

O curso pasado xa ecoitaramos na celebración do Día de Rosalía as súa versión da poeta. Espero que saibades aproveitar as súas ensinanzas.

Apertas virtuais a todos!!!!!!! Sede felices pero con xeitiño!!!!!!

💚💜💗💛💓💔💗💚💙💜💛😍💗💖💙💚💛

martes, 28 de abril de 2020

Abril, augas mil , e que non saian do seu carril. Traballo para 4º e tarefas de recuperación.

Neste curso académico, o alumnado de 2º de BAC. fixo traballos sobre refráns, consistente na recollida, ilustración e explicación do significado dos mesmos. Estes traballos estiveron colgados no corredor e expostos; tamén fixeron vídeos con eles..

Agora sería a quenda dos de para facer algo semellante, pero deberiades procurar non repetir os xa recollidos. Por ex., hai moitos sobre partes do corpo (dar de man, ter man para algo...se lles dás unha man collen un brazo); sobre experiencias humanas (vivir á miñoca, verlle as orellas ao lobo ou verlle o rabo ao gato...) sobre maneiras de ser, etc ... Para non repetir os xa recollidos, debedes mirar no blog a entrada sobre refráns.

Cada alumno preguntará no seu entorno e recollerá un refrán e ilustrarao cunha imaxe. Debe estar debuxado a man e nunha cartolina tamaño folio. Tamén ten que ter por detrás a explicación do sentido do refrán.Antes de pasalo á cartolina, enviádesme nesta semana o que escollestes e a explicación, para comprobar que estea ben. Logo xa vos digo se podedes pasalo.

Como actividades de repaso para a semana poño:

1. Clasificar as palabras do texto, é dicir, analizalas morfoloxicamente.

No mesmo documento, a portadora deberá declarar que leva desprazándose aos predios en cuestión durante un período mínimo dun ano. Ao tempo, mantense a norma que impide a máis de dúas persoas traballar na mesma finca. Esas dúas produtoras deberán respectar as distancias de seguridade en todo momento, segundo especifica Medio Rural.

2. Buscar os adverbios nas oracións, clasificalos e dicir un sinónimo.

- Se vas ao supermercado anda devagar. Non é preciso que vaias ás présas.
- Somos quen de fecer dúas cousas asemade.
- Agora non podemos ir a clase.
- Antano vivíase peor.
- Vives preto da escola. 
-Fixo os traballos ao xeito.

3. Busca as locucións preposicionais e substitúeas por preposicións.

- Deixou o libro encol da mesa.
- Non chegou a tempo por mor de axudar a nai.
- Manifestáronse a prol da igualdade da mulller.
- A casa está cabo do río.
- Ía a carón dela todas as tardes.

4. Busca as conxuncións nas oracións. De que clase son? Dá un sinónimo.

- Antón e mais María son sarriaos.
- Non son medoso, pero isto dáme medo.
- Non o fixen porque non quixen.
- É tan alta coma seu irmán.
- Chovía moito, así que non saín.
- Ainda que o quixese, non o diría
- Se vés connosco, pasarémolo ben.

Mirade na entrada anterior. Puxen algunha aclaración sobre o texto de Luz Pozo.

miércoles, 25 de diciembre de 2019

Refráns dos alumnos de 2º de Bacharelato




Na primeira avaliación o alumnado de 2º de Bac. fixo un traballo de recollida e ilustración de refráns.
Velaí algúns resultados.







Ademais de facer os vídeos, tamén os expuxemos no corredor para que se poidan ver.