jueves, 25 de junio de 2020

Máis sobre o Día de Rosalía: fotos de actividades, refráns 4º, traballos sobre léxico 2º Bac.



Vai ser a última entrada do curso e nela vou incluír algunhas fotos máis de actividades feitas durante este curso como a exposición sobre R. Carballo Calero en Lugo, as Rutas Literarias do Museo Provincial, que non puxera antes, ou algunha máis do Día de Rosalía, así como unhas de traballos do alumnado de 4º sobre refráns e de 2º de Bac. sobre léxico de nomes de plantas.
Tamén vou incluír un enlace á nova sobre a publicación do cómic sobre Elisa e Marcela por parte de Xulia Vicente con motivo do Día do Orgullo.
Recomendo tamén o artigo de opinión de Mª Xosé Queizán en Praza pública.



                                           Rutas Literarias do Museo Provincial de Lugo:




Día de Rosalía:


















Refrán de Silvia López Díaz


Refrán de Laura López López


Nubes de palabras de léxico sobre plantas:






Parabéns a todos. alumn@s e compañeir@s, e grazas pola vosa colaboración para que puideramos chegar a porto en tan boas condicións nunha travesía con tantas dificultades engadidas! Puiden aprender moito convosco! Moitas grazas de corazón!

Que teñades un bo verán e tomedes alento para continuar un camiño frutífero e decidido cara a unha formación como futuros cidadáns responsables e felices.
   

                                                                          Unha aperta!











jueves, 18 de junio de 2020

Manter a lingua materna

Aínda que o Día Internacional da Lingua Materna se celebrou o 21 de febreiro en 2020, batín por casualidade en Praza pública co artigo de Moncho Iglesias Míguez sobre a necesidade de manter a variedade lingüística do mundo e considerei que é algo que está na base do labor da normalización lingüística sobre o que convén que reflexionedes.

Póñovos entón o enlace: https://praza.gal/opinion/bangladesh-martires-pola-lingua

Mirando en Internet, atopei tamén un interesante vídeo de Guadi Galego, con motivo de serlle outorgado este ano o galardón pola defensa do multilingüismo en España.

Podedes velo en:
https://youtu.be/gxLZ-H1Mb5E

E en El Progreso informan da posibilidade de ver a película María Solinha, de Ignacio Vilar, polo San Xoán, no campo de rugby o 25 de xuño.(En realidade foi na Praza de Vila coa presenza do seu director, Ignacio Vilar). Impresionante o traballo musical de Abraham Cupeiro. Parabéns!










Poño enlace a un artigo de crítica sobre esta película.

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/critica-cinema-maria-solinha/20200630143650100501.html


En Praza Pública atopamos a mención aos premios enreguéifate 2020.



miércoles, 10 de junio de 2020

Aportacións desde Sarria a palabras con memoria; manchar as mans; recomendación lectora

Convído a toda a comunidade educativa do Xograr a que participe e aporte o seu gran de area á recollida do léxico da nosa comarca, colaborando coa sección "palabras con memoria" da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega).
 É algo doado e sinxelo de facer: cubrir un formulario coa palabra recollida, o contexto de uso e o lugar e nome do informante, o correo electrónico. Eles responderanvos dicindo se a palabra está presente ou non nos dicionarios e se a van recoller.

Eu xa enviei durante varios anos as que puiden e vounas poñer aquí para que as vexades.

apaxuar Levarse ben dúas persoas por compartir gustos, carácter, etc. (Fontabuín, Sarria)
apilicado, -a Dise da masa do pan cando se pega á artesa (Lier, Sarria)
berengo (ter moito berengo). Refírese a traballo, ocupacións. Por ex. dise cando un labrego ten diversas actividades como granxa, gando vacún, agricultura... (Lier, Sarria)
bizarro, -a Dise das plantas cando están vigorosas e tenras.
cabezas (do leite) Graxa do leite que se acumula na súa superficie cando se deixa en repouso, coa que se fai a manteiga.
carouba ou garouba óso da cereixa (Lier)
caroubeira, garoubeira cerdeira brava. sen enxertar; as súas cereixas teñen menos carne e son acedas.
cendedallo garabullos para acender o lume. (Recollina de miña avoa, de Cesar, cun dito. O carrizo explicaba como se acende o lume dicindo: "Primeiro cendedallo, cendedallo e logo troncos coma a miña perna").
chaparro tipo de fabas de forma arredondada; hainos brancos e pintos. (Na Rioxa tamén se cultivan e mesmo hai unha festa gastronómica adicada a eles; chámanlle caparrón).
chorar (unha planta, unha árbore). Dise cando unha planta ten pouco vigor e semella que vai morrer (Fonteabuín, dise por ex. que o trigo chora cando lle amarelean as follas de pequeno e ten pouca forza, ou dunha árbore recén plantada cando non acaba de arrincar).
chuco (ser bo) Dise dunha persoa que é pouco de fiar.
conxomenear Organizar algo ou chegar a un acordo.Por ex. algunha celebración. Ex. A ver se conxomeneamos a celebración da graduación de Bac.
engorrea engurra. Así dicía a avoa (Cesar, Sarria). Por ex. Parece máis nova do que é, se non foran as engorreas.
espolingarse colocarse nas pólas delgadas dunha árbore para coller o froito. Por ex. na cerdeira. Non te espolingues moito, que podes caer!
espostizar poñer a galiña ovos deformados, con defectos na casca, fráxiles, debido a carencias alimenticias.
mao chámase así cada tira ou franxa en que se partía a terra para a sementeira do pan. Delimitábase cravando unhas pallas ou unhas ramas no chan e logo sementábase a boleo.
mandaxe e faxe Mandar algo e tempo despois ter que facelo, porque aínda non foi feito. Dicíamo miña nai cando era pequena e me mandaba algo.
parxabán (ser un) persoa ou animal simples, sen malicia.
ratibadas (dar) dores abdominais, cólicos.
sepostallo Úsase na frase deixar o sepostallo. Iso dicíao miña nai cando alguén deixaba parte da comida no prato por ser mal comedor ou non comer a feito.
soñaraza Feito de pasar a noite enteira soñando. Pasei a noite nunha soñaraza.
verdina (ter) Dise que a nabiza ou outras verduras teñen verdina cando están moi verdes e vizosas. As nabizas só saben ben despois de xear porque entón perden algo esa verdina.
zamalatrós (ser un z.) Ser unha persoa pouco coidadosa, que destroza todo (por ex. a maquinaria) (Lier, Sarria)

Póñovos unha foto dos chaparros pintos que sementei despois de anos sen velos por ningures. Por aquí deixaron de sementarse este tipo porque ao cocer soltan tinta e deixan a auga escura; soen preferirse os brancos por iso. 




Non sei se puxen todas as que enviei, pero polo menos estará a maioría.

Sigo actualizando os contidos pata aludir á palabra enviada polo alumno de 2º de Bac. Daniel Fernández Villanueva, recollida en Samos:
tardura co significado de tardanza, aparece no refrán que lle dixo súa nai e ilustrou.
En decembro o sol quenta con tardura e pouco dura.





Póñovos o enlace a un artigo de opinión publicado Praza Pública, moi interesante e clarificador en relación co papel dos traballadores sanitarios na presente crise. Salientaría a reflexión sobre a manipulación da realidade que se fai a través da linguaxe.

Igual de interesante, pero sobre a sementeira, recoméndovos un artigo de opinión de Manuel Vilar en Nós diario.

E tamén unha recomendación de lectura, o libro O paxaro de nácara, de Pura Salceda:
 https://praza.gal/cultura/quixen-apartarme-da-aldea-idilica-virxiliana-pequenos-mundos-tamen-poden-ser-grandes-infernos

Interesante tamén os novos camiños para o teatro galego que se abren actualmente coa obra "Somos criminais": 
 https://praza.gal/cultura/o-exito-de-somos-criminais-na-sua-emision-na-rede-abre-un-camino-para-outras-companias-para-todo-o-teatro-galego.

E o cinema tamén comeza a transitar por novos camiños e a buscar canles para o seu desenvolvemento.
Dando a coñecer o cinema galego en París







lunes, 8 de junio de 2020

Reflexións sobre actualidade e tarefas para 4º de ESO

Póñovos un enlace a un artigo de opinión de Juan Antonio Pinto Antón en El Progreso, un dos poucos autores que soe escribir os seus artigos en galego nese medio. Trata sobre diversos conflitos abertos no mundo neste momento:

https://www.elprogreso.es/opinion/juan-antonio-pinto-anton/corazons-das-
tebras/202006031942211442097.html


Tarefas para 4º sobre léxico e  sintaxe (prazo ata o día 12 de xuño):

Realizar as actividades do libro de texto de 1 a 4 da páx. 168, 1 ata a 3 da 169 e do 2 ao 6 da 173, todos inclusive.


Tamén vou traervos un artigo sobre Luz Pozo de Francisco  Díaz- Fierros, "Ambiente e natureza en Luz Pozo Garza":
https://academia.gal/tribuna

Nel menciona, por ex. a presenza das flores na poesía da autora como unha manifestación da beleza que ela quere comunicarnos.

Subo tamén as fotos do lilium (laranxa e abaixo vermello), actualmente en flor, as rosas e as azucenas. E tamén puxen unha dun dente de allo, que a algúns lles viria ben levar para a selectividade. Vistes o tamaño? As cabezas deses allos só teñen uns catro dentes. E as cereixiñas do verán, que este ano se adiantaron un pouco e andan os paxaros a facerlles a festa.












E máis música galega, para todos:

https://www.nosdiario.gal/video/cultura/boyanka-kostova-muinheira-interior-video-oficial/20200605091256099057.html

E poño tamén un enlace a un texto para a reflexión de Suso de Toro en Nós diario:

https://www.nosdiario.gal/opinion/suso-de-toro/negros-negras/20200604094830098972.html