jueves, 28 de noviembre de 2019

Máis comentarios: "Excelsior", de Manuel Antonio e "Lelías ao teu ouvido", de Fermín Bouza Brey







Este texto pertence ao libro Foulas de Manuel Antonio, composto entre 1922 e 1925, de publicación póstuma. É unha mostra de caligramas (relación con Guillaume Apollinaire, Caligrammes) na que xa amosa a súa vontade rupturista.
O poema é unha mostra do creacionismo característico da poética de Manuel Antonio: escaso emprego dos signos de puntuación, valor expresivo da disposición do texto e da tipografía, cosmopolitismo, individualismo, orixinalidade.

O título "Excelsior"(comparativo latino que significa superior, excelente, sublime...) relaciónase coa disposición gráfica do texto. O máis importante é o "eu" e a súa relación co cosmos (os puntos cardinais).
O texto forma unha rosa dos ventos (instrumento usado para orientarse na navegación) coa frase "EU SON" apuntando a cada punto cardinal: ao oeste en francés, ao sur en inglés. ao leste en latín e ao norte en galego. Con isto expresa o seu individualismo e tamén o seu compromiso coa lingua galega (o seu norte, o que o guía como creador); esta lingua xorde do latín e é compañeira doutras como o francés ou o inglés, idiomas internacionais. Así expresa o seu cosmopolistismo e o seu desexo de universalidade.
Por medio do caligrama amosa visualmente o contido, pois para os poetas vangardistas o poema debía falar a varios sentidos.
Na segunda parte do poema, versos inferiores, pode dividirse á súa vez en tres partes, sendo o núcleo "EU SON", destacado coa tipografía e a admiración (función expresiva da linguaxe).
Esta parte comeza co uso de palabras técnicas como radiograma e pirotecnia. A primeira remítenos á situación actual do poeta, no mar aínda que o poeta elude falar de si mesmo. A palabra pirotecnia suxire a idea de "explosión de luces de cores", que podemos relacionar coa primeira parte do poema onde había unha explosión de palabras. Isto pode entenderse como o desexo do poeta de fundirse co universo. O poeta, só no mar, envía mensaxes que se espallan no universo, o cal é unha maneira de afirmarse individualmente.
O poema remata nun ton esperanzado e optimista, expresado mediante o uso do futuro e a sublimación da fusión do poeta co cosmos (imaxe plástica: o seu nome acenderá unha estrela nova en cada constelación, que lembra o comezo do texto).
A nivel morfosintáctico destaca a escaseza de verbos e o predominio dos substantivos. O poema carece de anécdota.
No nivel fónico podemos sinalar algunhas rimas: instintos, labirintos; son, constelación, que axudarían a crear unha certa musicalidade. 


  Neotrobadorismo: Lelías ao teu ouvido, de Fermín Bouza Brey




O pumariño da noite quer froitificar estrelas
o tanxer desta cantiga é o sinal para acendelas...-¡ai, meu amor!-
... é o sinal para acendelas.

Agárdanos na ribeira, sob o descordo do mar,
no seo dos cons, o leito de herbiñas de namorar...
-¡ai, meu amor!-
... de herbiñas de namorar.

As nove ondas do ensoño espreitan co seu engado
pra enguedellar a toleira desta noite de noivado.
-¡ai, meu amor!-
... desta noite de noivado.

Así ó fontegal da espranza, antes de que saia o día
iremos enguedellados catar a flor da auga fría...
-¡ai, meu amor!-
... catar a flor da auga fría.

¡Ó alén! que no pumariño madurecen os luceiros,
nosos dous corazóns bailan tolos nos ledos turreiros,
¡Ai, meu amor!

no labradío das ondas albea a flor do luar
lámpada para o teu leito de herbiñas de namorar...
¡Ai, meu amor!

Se algún malfado nos fere, axotaremos o mal
a bicos, ouh caramiña dun virxe caramiñal...
-¡ai, meu amor!- ...
dun virxe caramiñal.

Fermín Bouza Brey: Nao senlleira, 1933



Neste texto podemos atopar elementos que nos vinculan á tradición galega da poesía medieval, por ex. os motivos e o léxico usados son parecidos (fontegal, mar, descordo, sob). A temática é amorosa, como nas cantigas de amor e de amigo; o tema é a iniciación amorosa, e o ambiente é un locus amoenus. Aparece o amor acaroado á natureza e a simboloxía da auga (fonte, mar) relacionada coa pureza e tamén coa fertilidade. Tamén usa o procedemento formal do refrán.
Por outra banda, aparecen elementos novidosos, principalmente imaxes vangardistas.

Neste poema a voz poética é a dun home. Este fálanos da chegada da noite, que se manifesta con sensacións visuais e auditivas: estrelas que se acenden (como se tivesen un botón para acendelas)  e "o tanxer desta cantiga")o acompañamento musical que tamén está relacionado coa poesía medieval). A noite está identificada cun pomar, no que as mazás son as estrelas (imaxes). O refrán é unha invocación á amada.
Na segunda estrofa o poeta anima a amada para iren á ribeira onde os agarda un leito de herbiñas (diminutivo con valor afectivo) de namorar, unha natureza acolledora onde escoitarán o son das ondas do mar. 
Nese ambiente idílico desenvolverase a súa primeira noite de amor. Logo irán xuntos ao mencer catar a flor da auga fría (imaxe).
A seguir volve aparecer a imaxe do comezo: os luceiros=mazás maduras, igual que os corazóns dos namorados, axitados no seu peito, semellan bailar como as persoas que bailan no turreiro, na praza dun lugar en festas (os corazóns bailan. en lugar de seren as persoas quen o fai.metonimia, a parte polo todo)
Segue o poema con novas imaxes: as ondas co seu movemento semellan un labradío. Están iluminadas pola luz do luar, identificada cunha lámpada protectora; esta normalmente aparecería nun lugar pechado que aseguraría a intimidade dos amantes (luz e brancura significarán pureza).
Finalmente, os amantes senten que os seus destinos están unidos e móstranse fortes fronte a calquera adversidade que poida afectarlles. A amada é identificada cunha caramiña, imaxe que expresa a fusión desta coa natureza e polo tanto tamén terá a pureza atribuída ao caramiñal.

Trátase dun poema moi emotivo no que abundan as imaxes plásticas. Iso permítenos imaxinar a paisaxe na que se produce o encontro amoroso e compartir as ilusións dos protagonistas.

miércoles, 27 de noviembre de 2019

Poema "Bonecas rotas", da miña autoría.



Nena fermosa de loura cabeleira...,
dende a infancia vivindo alerta.
Moza en “idade de merecer”,
estreando galas no día da festa.
Embutida en vestidos estreitos,
cintura de avespa, tacóns de agulla,
exhibindo o corpo na pasarela.



Muller dez, muller floreiro,
conservando a figura con eternas dietas.
Recuperándose en tempo récord
despois dun parto …
Recorrendo á cirurxía,
-carne de quirófano-.
Sen poder ser humana.
Non envellece nin lle saen canas.
Ha de ser a “superwoman”,
a eterna “girl”
de riso conxelado para a cámara.



Conciliando...
Só ela ten que conciliar.
Nunca cansa nin precisa ir ao bar.
A de usar e tirar.
Escoitando discursos
dos coleccionistas de trofeos,
mentres serve a cea...
A que colleu anorexia
porque se vía imperfecta.

A que o tiña todo
pero quería máis:
pretendía que a amaran.
Perdeuno todo;
el non podía soportar
que o superase en algo.








Escribín o poema con ocasión da morte da modelo Reeva Steenkamp en Sudáfrica, asasinada polo noivo o día de San Valentín de 2013.

Envieino a un concurso internacional da Uned chamado "Grito de mujer" e publicárono.










lunes, 25 de noviembre de 2019

O comentario de textos: "Na taberna", de Ramón Cabanillas e "Toda humilde belleza", de Noriega Varela




..........Na taberna



Os mozos mariñeiros da fiada

lémbranse rindo alleos de coidados;

cheira a aceite e pemento requeimados

rustrido de xurés en caldeirada.



Conta o patrón nun corro a treboada

do ano setenta –historia de afogados–;

e empuxándose, inando, entran mollados

os homes dunha "lancha de enviada".



Pasa de man en man a xerra roiba

de albariño, e namentres cae a choiva

o vento fai tremar a casa enteira,



detrás do mostrador clarexa o ceo

nas trenzas de ouro, no mirar sereo,

na sorrisa de luz da taberneira.


Ramón Cabanillas, No desterro,1913

A foto e o texto sacámolos da unidade da AELG sobre o autor.


Para facermos un comentario de textos, o primeiro paso é lérmolo as veces que sexa preciso. A seguir, consultaremos as dúbidas, por ex. mirando nun dicionario as palabras descoñecidas ou noutras fontes.

Aclaracións sobre o vocabulario:

fiada: reunión de veciños para fiar liño ou la. Normalmente neses traballos colectivos tamén se facía festa.
alleos de coidados: despreocupados.
rustrido: adubo feito con aceite, allo e pemento para dar sabor á comida.
xurés:  peixe azul. A norma actual é xureis.
inar (inando) impar. Facer o ruído característico do impo. Saloucar, arfar, respirar con dificultade.
"lancha da enviada" lancha de socorro.
roiba cor dourada do viño albariño
tremar O normativo é tremer. Estremecerse pola acción do vento e a choiva.
sorrisa O normativo é sorriso.

Unha vez lido e entendido o texto, comezamos o comentario.

Empezamos por unha pequena introdución na que situamos o texto en relación co contexto histórico, social, político. Indicamos o autor, a obra, o movemento literario. A continuación indicamos o xénero literario.Logo a perspectiva que adopta o autor.
Despois dicimos cal é a temática e o tema concreto. A seguir indicamos a estrutura.

O paso seguinte é a análise da linguaxe tendo en conta os diversos niveis desta: nivel fónico, nivel morfosintáctico e nivel léxico semántico. En cada nivel analizamos os recursos literarios propios dese nivel.
Pasamos entón á interpretación do contido.
Finalmente, facemos unha pequena conclusión.

O poema "Na taberna" pertence á primeira obra de R. Cabanillas titulada No desterro. Esta publicouse en 1913. A época é a preguerra, unha etapa moi importante na literatura galega polo número e calidade das obras literarias publicadas. Isto foi posible grazas á evolución do galeguismo que se transformou en nacionalismo co nacemento das Irmandades da Fala (1916;1918).
R. Cabanillas foi coñecido como o "poeta da raza" pola súa colaboración coas iniciativas da época: as Irmandades, o movemento agrario e pola súa poesía combativa e anticaciquil, que lembraba a de Curros.Considérase o poeta máis importante da súa xeración por combinar na súa obra elementos que lembran os grandes autores do Rexurdimento xunto con outros innovadores: a influencia do modernismo e do saudosismo.

Este poema pertence á súa poesía lírica, xa que predomina nel a expresión dos sentimentos do autor.
A temática é costumista, pois presenta unha escena típica: recrea un ambiente. O costumismo de Cabanillas é innovador por incluír elementos do modernismo.
O tema o ambiente dunha taberna mariñeira.

Respecto á estrutura, `podemos dividir o texto nas seguintes partes:

1ª parte: versos 1 a 8 Trata sobre o que fan as persoas na taberna: os mozos/o patrón.
2ª parte: versos 9 a 11 Contraste entre o que se fai dentro e o que pasa fóra.
3ª parte: versos 12 a 14 O efecto marabilloso da taberneira.

Polo que se refire á linguaxe, no plano fónico destaca o seguinte:

Trátase dun texto formado por catorce versos hendecasílabos con rima consonante distribuída como segue: ABBA,ABBA,CCD,EED. Polo tanto é un soneto, unha estrofa clásica.

No plano morfosintáctico destaca o predominio dos substantivos e adxectivos que axudan a describir o ambiente que o autor intenta recrear.
No comezo do texto aparece un hipérbato: "os mozos mariñeiros da fiada lémbranse"... Na seguinte estrofa tamén están desprazados do lugar habitual os suxeitos das oracións, que aparecen despois do verbo: o patrón, os homes. Deste xeito faise énfase nas accións.
Os verbos están en presente de indicativo ou en xerundio, o que indica acción durativa.
No plano léxico semántico usa vocabulario corrente relacionado con accións cotiás dos mariñeiros no tempo de descanso: contar historias, falar, beber viño, co estado anímico: alleos de coidados, mirar sereo...
Para recrear o ambiente usa substantivos e adxectivos e presta especial atención ás sensacións percibidas por diferentes sentidos: auditivas (o riso, as historias que escoitan, o son da choiva e o vento, o de impar), olfactivas (cheira a aceite e pemento requeimados, rustido de xurés en caldeirada), cromáticas (a cor roiba do viño, as trenzas de ouro da taberneira). Este é un trazo modernista.
Ademais aparecen recursos literarios como a antítese: o contraste entre o que ocorre fóra e dentro da taberna. Mentres fóra se conxuran os elementos para crear desasosego, dentro respírase paz e tranquilidade. Usa a hipérbole: "e o vento fai tremar a casa toda".
Tamén hai imaxes como "as trenzas de ouro", "a sorrisa de luz da taberneira". O ouro pode connotar beleza, riqueza, paz e a luz brillo, fermosura, sabedoría e acougo.
Tamén está usado metaforicamente "Detrás do mostrador clarexa o ceo". É dicir, a beleza e o acollemento que atopan os mozos por parte da rapaza fanos sentir ben, como se o mundo exterior non existise. Fanlles sentir que o mundo é perfecto. Esquecen calquera aspecto negativo que poida haber.

Podemos interpretar o contido como segue:

O poeta fálanos duns mariñeiros que se atopan reunidos na taberna ao regreso do seu traballo no mar. Con eles está tamén o patrón e entretéñense falando de lembranzas e naufraxios, mentres beben albariño (isto permite situar a taberna pola zona de Cambados, lugar onde naceu Cabanillas). Están relaxados e entón entran os membros dunha lancha de socorro.
Remata a historia falando da paz que se respira na taberna, en boa parte debida á presenza da fermosa taberneira.

O poeta recrea marabillosamente o ambiente dunha taberna dunha pequena poboación mariñeira cunhas poucas pinceladas e escollendo o léxico, fixándose nas percepcións sensoriais que a definen, como os olores, os sons, as cores que lle dan a súa peculiaridade. Nela atopan acougo os mariñeiros despois da dura xornada no mar, protexidos dos elementos e contemplando a beleza da taberneira.



A seguir imos comentar un dos poemas máis fermosos de Antonio Noriega Varela.


Toda humilde belleza

Vago xirón de brétema, atavío

soberbio da irta xesta, reidora,

fulgurante doíña de rocío

(pazo do sol e lágrima da aurora);



raiola de luar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,               
ou das redes da a araña un tenue fío,
toda humilde beleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso… Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,

que nos mantos dos pinos, que se engríen,

que nas blondas do mar, que se rebela.
          Do ermo

Para o presente comentario imos seguir o publicado no libro Lecturas de Nós, de Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Comezamos polo léxico.


fulgurante brillante, que desprende luz, resplandecente
doa cada bóla dun colar
irta ergueita, erecta
caro querido
nume a inspiración poética
blondas hoxe diriamos  ondas do mar
engreirse castelanismo, mostrase orgulloso, fachendoso

Ramón Gutiérrez considera que este poema pertence á etapa do poeta do lirismo da natureza. É un texto moi logrado no que o autor rompe coa súa produción anterior, que continuaba o ronsel costumista do séc. XIX, para incorporar elementos relacionados co saudosismo portugués de poetas como Antero de Quental, Guerra Junqueiro ou Teixeira de Pascoaes. 
O texto pertence polo tanto, á poesía máis excelsa e orixinal do autor e nel dá conta do santuario que é para o poeta a montaña espida e inhóspita (o ermo), un locus amoenus onde o vate se recrea na contemplación dos aspectos mínimos do cosmos, facendo unha loanza á vida retirada e amosando unha vocación de misantropía.

No texto o poeta declara a súa fascinación polos elementos máis humildes da paisaxe montesía como a brétema, a pinga de orballo, a flor do toxo ou o vagalume, que iluminan a súa musa, fronte a outros esplendorosos, soberbios e bravíos, que conforman o aspecto máis perceptible da paisaxe, pero non teñen un engado especial para o eu lírico.
Isto ten que ver coa concepción franciscana do autor, que recorre á nominación deses elementos mínimos que conmoven o seu ánimo.

A estrutura do texto é : primeira parte, os dous serventesios onde presenta o tema. A beleza presente en aspectos da natureza que soen pasar inadvertidos. A segunda parte fórmana os tercetos, onde se reforza e contrasta a idea temática. A inspiración do poeta baséase nos elementos humildes, opostos a outros máis maxestosos, que non merecen a súa atención.
Todo o poema aglutina moitos termos alusivos á natureza e algúns tamén teñen relación coa temporalidade, como a aurora, o lunar ou a estrela, e tamén as flores do toxo ou as rosas, que nos remiten á primavera.

A primeira estrofa está ateigada de imaxes que revelan unha mutación ou metamorfose. Esta prodúcese grazas a unha serie de metáforas en aposición. A brétema faise atavío soberbio da irta xesta; a pinga de orballo transfórmase en pazo do sol e lágrima da aurora. Nesa dobre imaxe hai ademais unha hipérbole e unha personificación, que resaltan a magnificencia e tenrura das cousas humildes. Os adxectivos tamén contribúen a destacar a dignidade dos elementos nomeados: vago pode interpretarse como "vagoroso" e irta como "erecta" para falar do porte nobre e distinguido da xesta; reidora pode aplicarse á xesta ou á doíña de rocío; esta tamén é enxalzada co adxectivo fulgurante, relativo ao esplendor desa xoia de auga. Ademais nesta estrofa a ausencia de verbos ponnos diante dunha contemplación estática do esplendor e palpitación emotiva dos elementos modestos da natureza.

A estrofa II desenvolve o motivo sentimental co que concluía a anterior (a lágrima) mediante as prosopopeas xeradas polos verbos bica, chora e mais a declaración do eu lírico: toda humilde belleza me namora. A adxectivación é nesta estrofa menos solemne, máis contida: mareliña, tenue, humilde.
Logo vén a alteración sintáctica ou da tea de araña un tenue fío para expresar co hipérbato a emoción do poeta, que volve dicir "toda humilde belleza me namora", verso que constitúe a perfecta síntese da poética de Noriega.

O primeiro terceto enlaza co último verso da estrofa precedente, pois volve aparecer o eu lírico  e resalta  outra vez a súa preferencia polo minúsculo, referíndose agora ao vermiño de luz, incrementado cun sufixo de valor afectivo. O poeta di que o seu nume,  a súa inspiración é debedora dos aspectos sinxelos da natureza, os cales agachan unha poderosa luz reveladora. Isto explica que aparezan tantos elementos luminosos dispersos no poema: fulgurante, sol, aurora, raiola de lunar, vermiño de luz, estrela.

A continuación o eu lírico manifesta a súa opción estética e conecta con outra contraposición  da derradeira estrofa; sen rexeitar  abertamente o esplendor, altiveza e furor da natureza grandiosa, relega estas rechamantes manifestacións a prol do que é pequeno e luminoso.

En resumo, a nominación capta a esencia dos elementos mínimos da natureza, que transmutados, revelan a súa riqueza estética. ao tempo que as personificacións suxiren a emoción que exhalan as cousa humildes, cifra do lirismo franciscano de Noriega Varela.







miércoles, 6 de noviembre de 2019

A tradición do samaín

Publico esta entrada coa intención de dar a coñecer a tradición do samaín, especialmente para aquel alumnado que vén de fóra e descoñece a orixe desta celebración.

Trátase dunha tradición moi antiga, cuns 3000 anos de antigüidade, que provén dos celtas. Samaín significa en gaélico "fin do verán". É dicir, dá comezo ao período considerado escuro, en que rematan as colleitas,  pois no tempo frío non se pode sementar, e isto prodúcese o 31 de outubro.
A festa entendíase como unha celebración en que os vivos e os mortos entraban en contacto; críase que ese día os mortos podían acudir a comer e beber ás súas casas. polo que se dispuñan altares con comida e bebidas para eles nas portas das casas e facíanse grandes fogueiras
En Galicia, soíanse poñer candeas ou brasas no interior de nabos ou cabazas previamente baleiradas para que se mantivera a luminaria sen se apagar co vento ou a choiva, co que se cumpriría o ritual de guiar as ánimas que esa noite andaban liberadas polos camiños. Tamén podía cumprir outro fin, que sería meter medo aos nenos.
A tradición mantívose viva especialmente nalgunhas zonas de Galicia, como Cedeira, onde ás cabazas lles chaman calacús, e recentemente estase a recuperar en moitos outros lugares, grazas ao labor desenvolvido nas escolas.
Entendemos que ten moito sentido revivir as nosas raíces en lugar de copiar o que os americanos nos exportan como algo seu, cando en realidade é algo que primeiro houbo aquí e que eles fixeron derivar nunha cousa distinta e moito máis macabra.
O samaín é unha tradición ancestral que logo foi cristianizada, asociándose ao Día de defuntos e despois ao Día de Todos os Santos.
No mundo anglosaxón derivou no Hallowen, que significa Día de Todos os Santos.

Esta tradición aparece por ex. na película de Oliver Laxe "O que arde", situada no Courel.

No xornal El Progreso alude tamén a unha tradición local sarriá que era facer "santos", uns bonecos de masa doces que se comían por esas datas (lembro mercalos de nena na cantina da miña parroquia). Agora volven facelos nalgún establecemento da vila.
Lástima que a noticia se escriba en castelán. 

Sería interesante que o alumnado se implicase un pouco máis nesta celebración.

Póñovos un enlace a imaxe da wikipedia sobre decoración do samhaín. Nela vense nabos e cabazas decorados.
.
O outono é ademais tempo de colleitas antes da chegada dos fríos do inverno. Póñovos algunhas fotos para ambientar a entrada un pouco.

Roxamos o forno para facermos pan e empanada, porque como di o refrán: Tempo frío e fornos quentes, alegría prós meus dentes.











Tamén probamos a cultivar millo branco, que é ese que tedes abaixo. Era unha variedade autóctona que se usaba para comer a xente; chamábanlle tamén millo da xente. Colgámolo nun cabo para que  seque. Logo degrañámolo e moémolo e peneiramos a fariña con idea de elaborar pratos tradicionais que facía miña nai cando eramos nenos: a torta de millo e as papas de millo.


Na casa dos avós fixeron algúns arranxos. Na entrada consérvase unha árbore xenealóxica da familia.


Velaí o meu bodegón, coas mostras da colleita enriba da artesa onde amaso o pan.


E tamén vos poño unha das galletas que fixo a miña amiga Rocío para o Samaín e unha torta decorada cunha tea de araña.





Debaixo móstrovos o hórreo da casa dos avós, que se mantén como vedes, aínda que agora terá pouco uso. Lembro a avoa sentada xunto da porta degrañando millo para dárllelo ás pitas.





Mirando en internet atopei este fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro que fala sobre o hórreo e as paisaxes da infancia, esas que nos conforman, segundo di Oliver Laxe, o famoso cineasta.

Daquil perdido Edén soio me queda,
na néboa da memoria, un hórreo.
Un mundo, ¡tan inorme!,
nas tépedas tardiñas do outono.

Alí o fogar, alí a oficiña,
alá o teatro i os cómicos.

Alí navigaciós e viaxes,
alá cantigas e contos.

Brincaba a ser un home sin sabere
que era moi triste aquil meu xogo.

Todo pasóu. A vida
foi polo tempo dando tombos.

De todo me esquecín. Soio me lembro
daquil Edén, na sombra  daquil hórreo.

Celso Emilio Ferreiro
(Longa noite de pedra, 1962)