martes, 28 de abril de 2020

Literatura actual , 3ª av. 2º de Bacharelato. Textos para comentario. Novos modelos selectividade

En primeiro lugar, esta semana ou no comezo da próxima, no tema da literatura do exilio, cómpre facerdes as preguntas relativas aos textos poéticos (texto  de Luís Seoane) e logo  a un de narrativa.

O de Luís Seoane é:

Oración do artista que volta

Queremos cos ósos da nosa testa
crocar na túa testa de pedra,
Mestre Mateo
Andamos polo mundo con medo
Medo a todo.
 Coma ti, mestre Mateo,
quixeramos perder ese medo
aos homes, aos deuses, ás cousas,
a todo o que non sabemos.
Solicitar perdón pola nosa obra
non sabemos a quen.
Quizais
aos deuses, aos homes, ás cousas.
Dende moi lonxe vimos camiñando
pata atopar cos ollos esta terra nosa.
Túa e nosa, Mestre Mateo.
Para dar coa nosa testa de ósos
na túa testa de pedra,
e dicir a esta terra:
"Témoste levado sempre connosco
ao través da mar e do deserto
entre homes cobizosos e vagabundos,
temedo perdernos.
Agora que estamos soios e é tarde
vimos dende moi lonxe,
dende as sombras,
coma tantos outros viñeron denantes
a ofrecerche unicamente,
terra:
A nosa morte".
Amén
Luís Seoane, Na brétema, Sant-Iago

1. Que recursos estilísticos fan que este texto non sexa prosa, senón un poema?
2. Explica as alusións á estatua orante do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria.
3. A quen se dirixe o poeta nas palabras que van entre comiñas? Que lle di?
A que volve o emigrante?

Florderrei

Flor de Rei ou Florderrei, é unha aldea na ladeira sur dun castro que leva o mesmo nome do pueblo: Castro de Florderrei Vello. Este castro ten sido moi pouco explorado. Enriba del érguese unha ermita, dentro da ermita hai unha Virxen pequeniña, linda como unha flor, e ten un nome fermoso: Nosa Señora de Portas Abertas.Ten moitos devotos, centos de forasteiros acoden á súa misa o día da Ascensión. Fatos de mulleres rezando por grupos dan voltas darredor da capela, algunhas de xoellos. A ermita está unhos douscentos metros desviada do camiño que vai de Vilardevós a Florderrei; por el pasou moitas veces a mai de Manoliño , e sempre ao pasar por diante da capela lle rezaba á Virxen<; e sempre ao chegar ao lugar en que a capela se deixaba ver, detíñase, voltaba a cabeza e tornaba a rezarlle. A mai de Manoliño transmitiu aos fillos a súa devoción por esta Virxen, pequeniña coma unha muñeca e linda como unha fror.
Pero Manoliño nunca soupo de ningún milagre desta Virxen. Quizais non fixo ningún. Digo, se é que non é milagre un feito que acontez todos os anos, aínda que din que o milagre se repite noutras ermitas. Pró caso é o mesmo.
Polo mes de setembre, sempre nos mesmos días e sempre todos os anos, millóns de formigas, en longas ringleiras, suben até a capela, pasan por embaixo da porta, e van morrer todas aos pés da Virxen. Milagre ou non, este é un feito comprobado e comprobable por claquera.
Esta imaxen, igual que o San Roue de Vilardevós, foi tamén sacada da capela por un tolo, fai anos. O tolo era portugués e levouna pra Portugal.Anduvo con ela polos pobos do país irmao, mostrándolla aos veciños. A xente de Florderrei, ao decatarse de que a imaxen non estaba no seu sitio, coidou que a Virxen marchara da capela pola súa conta, e anduveron buscándoa polos xestás e polas terras de arredor. Pensaron, incruso, que non eran dignos de ter unha Virxen tan fermosa, e viviron desacougados até que os guardiñas portugueses mandaron razón de que tiñan a imaxen en poder seu. A Virxen voltou á súa capela cun dedo de menos, da mao dereita. Un mes despois, un probe de pedir atopou o dedo na serra de Vilaverde, e a santa ficou outra vez coa mauciña enteira.
                  Silvio Santiago, Vilardevós, 1961

1. Clasificaas palabras do texto segundo sexan castelanismos, dialectalismos ou vulgarismos e indica a súa forma estándar.
2. Que feitos narrados poden pertencer á biografía do autor?
Cal está tomado do folclore? Que superstición se reflicte?
Cal é a actitude do narrador ante estes feitos ligados coa relixiosidade?




A seguir, faremos algúns sobre poesía actual.

1º. Lede no tema do libro de texto o contexto histórico relacionado con esta etapa e resumide os trazos máis relevantes.

A seguir, empezamos por uns textos de Xosé Luís Méndez Ferrín, de Poesía enteira de Heriberto Bens. Este autor ten uha longa traxectoria poética que empeza na posguerra e que se prolonga á actualidade. É un autor capital para a renovación da poesía e o inicio dunha nova etapa, coa publicación do libro Con pólvora e magnolias.

Texto 1


Terra de proseguir e non dar nada,
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti! Lento veleno
que pon nos ollos unha cousa verde!
Lingoa que me enche a boca enteiramente
e coma un río interno me asolaga.
Quero dicir teu nome e digo apenas
xente de terra, homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
Galicia coma un río que se estiña,
terra de esmorecer, patria do vento!
Quero dicir teu nome e digo dorna
baleira, mergullada dorna negra,
grande arado sen bois, feira sen xente,
noite que vén, enorme noite fría...

Quixera alzar meu canto coma un puño
e pór na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.

2ª. Que visión dá o poeta da terra? Que recursos literarios emprega para expresala?Explica o significado concreto dalgunhas expresións.

Texto 2

"Atópome coa testa contra o muro.
Convócome a min mesmo coma quen olla un pozo.
Volta un neno perdido
por rúas de fume, por pasigos brancos,
tráxico, con tatuaxes nas meixelas
e lumes pequenos en cada dedo.
Voltan tempos ourizo de rapiña e disparos,
de angurias decoradas por cregos e trompetas,
estampas e desfiles. E todo que se para.
Locen asombros, fórmanse estalidos, redondéanse lombos,
e mamai dime algo tremendamente pedra
que me pon no meu sitio.

Retorna agora o día da ira, o tremendo intre
en que perdín os ollos e fíxenme acibeche, cactus e pedra alumbre.

e quedeime en Ourense
fitando con horror este río do tempo"


Xosé Luís Méndez Ferrín (Con pólvora e magnolias, 1976)


3ª. O poeta atópase en actitude pensativa. De que lembranzas fala?Cal é o recurso literario máis destacado? Explica o seu significado.

Póñovos tamén un enlace a El Progreso, onde aparecen os novos modelos de selectividade deste ano.

Abril, augas mil , e que non saian do seu carril. Traballo para 4º e tarefas de recuperación.

Neste curso académico, o alumnado de 2º de BAC. fixo traballos sobre refráns, consistente na recollida, ilustración e explicación do significado dos mesmos. Estes traballos estiveron colgados no corredor e expostos; tamén fixeron vídeos con eles..

Agora sería a quenda dos de para facer algo semellante, pero deberiades procurar non repetir os xa recollidos. Por ex., hai moitos sobre partes do corpo (dar de man, ter man para algo...se lles dás unha man collen un brazo); sobre experiencias humanas (vivir á miñoca, verlle as orellas ao lobo ou verlle o rabo ao gato...) sobre maneiras de ser, etc ... Para non repetir os xa recollidos, debedes mirar no blog a entrada sobre refráns.

Cada alumno preguntará no seu entorno e recollerá un refrán e ilustrarao cunha imaxe. Debe estar debuxado a man e nunha cartolina tamaño folio. Tamén ten que ter por detrás a explicación do sentido do refrán.Antes de pasalo á cartolina, enviádesme nesta semana o que escollestes e a explicación, para comprobar que estea ben. Logo xa vos digo se podedes pasalo.

Como actividades de repaso para a semana poño:

1. Clasificar as palabras do texto, é dicir, analizalas morfoloxicamente.

No mesmo documento, a portadora deberá declarar que leva desprazándose aos predios en cuestión durante un período mínimo dun ano. Ao tempo, mantense a norma que impide a máis de dúas persoas traballar na mesma finca. Esas dúas produtoras deberán respectar as distancias de seguridade en todo momento, segundo especifica Medio Rural.

2. Buscar os adverbios nas oracións, clasificalos e dicir un sinónimo.

- Se vas ao supermercado anda devagar. Non é preciso que vaias ás présas.
- Somos quen de fecer dúas cousas asemade.
- Agora non podemos ir a clase.
- Antano vivíase peor.
- Vives preto da escola. 
-Fixo os traballos ao xeito.

3. Busca as locucións preposicionais e substitúeas por preposicións.

- Deixou o libro encol da mesa.
- Non chegou a tempo por mor de axudar a nai.
- Manifestáronse a prol da igualdade da mulller.
- A casa está cabo do río.
- Ía a carón dela todas as tardes.

4. Busca as conxuncións nas oracións. De que clase son? Dá un sinónimo.

- Antón e mais María son sarriaos.
- Non son medoso, pero isto dáme medo.
- Non o fixen porque non quixen.
- É tan alta coma seu irmán.
- Chovía moito, así que non saín.
- Ainda que o quixese, non o diría
- Se vés connosco, pasarémolo ben.

Mirade na entrada anterior. Puxen algunha aclaración sobre o texto de Luz Pozo.

martes, 21 de abril de 2020

Lirios e rosas para Luz Pozo. Máis tarefas para o alumnado de 2º de Bac. e 4º.

Onte faleceu Luz Pozo, con 97 anos. Tivo unha vida longa e ben aproveitada (publicou durante 70 anos); era unha persoa de vasta cultura, grande talento e vitalidade e deixou unha obra de enorme trascendencia, comezando a tendencia feminina e feminista na nosa poesía xa na posguerra.

Estudámola nos dous cursos, polo que vou mandar ler dous artigos de prensa sobre ela e tamén facer algún comentario de texto.
Poño unhas fotos de flores que teño actualmente, que plantei o ano pasado e acaban de florecer por primeira vez. E un enlace a unha entrevista á autora da Universidade de Vigo.

Mesmo é unha poeta recoñecida a nivel internacional, xunto con outros poetas galegos, como podedes comprobar en Nós diario.
https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/chus-pato-manuel-rivas-alba-cid-poetas-galegas-portal-internacional-asymptote/20200417135419095471.html










Mirade en Nós diario a nova e tamén en  https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2020/04/21/span-langglas-faiscas-facian-fuxir-as-tebrasspan/0003_202004G21P35992.htm



Póñovos tamen enlace  a cambios importantes para o 2020 na ABAU.

Para bacharelato: facer a proba de selectividade do exame da 2ª av., os de 2º A e B, pero farán outra os de 2º C.

Está nas probas de selectividade 2014. O poema empeza "As veces me pregunto por que eu non son como as demais mulleres"..., Luz Pozo.
Os de 2ª C farán outra do poeta lugués Darío Xohan Cabana, de setembro  2008: " Non volverei á casa onde nacín"...
E vede que son os pampillos. Moi coñecidos por usarse por ex. na confección de alfombras florais. A segunda foto son os chuchameles:






Prazo: Os que poidan envialo esta semana, que o envíen. O resto,  a semana que vén.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmos/system/files/lingua+galega.+s%C3%ADntese+te%C3%B3rica.pdf

Para 4º de ESO: comentario de texto do poema. Enviar ata a fin da semana que vén (maio).

Primeira memoria
Abrín os ollos
 e sentín a chuvia polas tempas e a nuca.

Cheguei cando o silencio oscila
para se erixir en pórtico do tempo.
Unha forma interior compartía os movementos
dos astros
e chegan palabras,
ríos escuros de ledicia,
voces que traspasan os muros,
navíos inocentes que foxen nas pupilas.

Abrín os ollos e e sentín a chuvia.

Agora recordo unha praza baleira
por onde pasan ventos de saudade como unha man
coñecida e incerta.
Lémbrome das rúas sen arestas,
das pedras marcadas con líquenes,
dos vaporiños que soan nas tardes de néboa
cando fica o peirao en sombras e silencio.

Tería que dicir co poeta
"Vin  a sombra, sen ollada, sen lámpadas".
Mais a luz vai comigo.

Abrín os ollos.

Luz Pozo, Códice calixtino

Cuestións:

1. Analiza no poema cal é o suxeito lírico? En que situación se atopa?
2. Cal é o tema do poema?
3. Estrutura.
4. Explicación do contido e dalgúns recursos literarios.
5. A métrica.

Aclaracións para a realización do comentario:

- Para entenderdes o texto, sería bo que o lésedes varias veces. Tamén que busquedes o léxico que vos resulte descoñecido.
- A pregunta 1 refírese a cal é a perspectiva que adopta a poeta. Iso vese pola persoa que emprega.
- A 2 refírese a cal é a idea máis importante do texto, expresada de maneira breve, nun sintagma.
- A 3 consiste en indicar as partes do texto e dicir a idea principal de cada unha.
- 4. Explicar todo o que entendamos do que comunica este texto.
- 5. Métrica. Axústase a estrofas tradicionais ou non? Hai rima?

De repaso de lingua para BAC.: O infinitivo conxugado.

1. Conxuga sempre que sexa posíbel o infinito. Se non se pode, explica por que.

- Para calcular a forza da descarga eléctrica debedes empregar este dispositivo.
- Para escribir unha nova carta fai falla que nos ditedes punto por punto que queredes poñer.
- Non vos é posíbel saber quen telefonou para pedir a cita co oculista.
- Ao vir os teus irmáns, ponte a fritir o peixe para comer logo todos.
- Con disolver as manifestacións contra a fraude electoral non van lograr que as autoridades internacionais deixen de apoiar as protestas.
- Convén tirar das camas todos os colchóns e poñelos nas ventás para evitar o fogo inimigo.
- Vimos chegar os veciños ás cinco da mañá.
- Querías saber que pasaría coa terceira avaliación.
- Calar os do cuartel e saír ti chorando, foi cuestión de minutos.
- Non deberías pedir a súa partida de nacemento sen agardar a que volva de Cuba.
- É imprescindíbel preparalo axiña se queremos marchar hoxe.
- Se sabedes quen telefonou podedes dicirllo a Martiño.
2. Forma oracións de infinitivo conxugado cos seguintes pares de palabras. Procura que as haxa de diferentes tipos de subordinadas.
- parador/elixir
- aloumiñar/rapaces
- rebater/argumentos
- esnaquizarse/alma
- agachar/segredos

De repaso do verbo para 4º ESO:

1. conxuga:
P1 presente ind. valer; p2 pret. indicativo reducir; p3 copretérito poñer e pór; p4 antepretérito estar;
p5 pospretérito ir; p6 pres. subx. valer e vir.
2. Segmenta indicando os seus constituíntes e analiza:subades, esperarei, seredes, facermos e dixeren.
3. Pon exemplos de tres casos diferentes (con distintas vogais radicais) de verbos con alternancia vocálica e conxúgaos no pres. indicativo, pres. de subx. e imperativo.
4. Inventa oracións correctas con estes tipos de perífrases:
- aspectual imperfectiva, aspectual perfectiva, aspectual reiterativa, aspectual incoativa, temporal de futuridade e modal de probabilidade.

jueves, 16 de abril de 2020

Exercicios de repaso para 4º de ESO

Ola, rapaces! Como andades? Espero que ben e con bo ánimo.

Vouvos deixar exercicios para que practiquedes e poidades recuperar a materia os que estean suspensos nas primeiras avaliacións, pero estaría ben que os fixese todo o mundo e mos enviase ao correo (mellor nun doc. de word). De paso, ides ocupando o voso tempo en algo de proveito e avanzando e mellorando. Prazo de entrega máximo: semana  do 20 -25 de abril.

Os que xa levades o traballo máis adiantado ou todos os que queirades podedes participar nun concurso literario do xornal El Progreso. Póñovos o enlace. Hai premios e tamén o contarei para nota se mo enviades a min previamente para corrixir.

1. Unha actividade fácil e formativa que propoño é ler algún xornal en galego. Por ex. recomendo Nós diario ou Praza pública, que podedes ler na rede.
Podedes escoller unha noticia do voso interese e facer un comentario: por que vos interesou? Estades de acordo co plantexado no texto?Cal é a vosa opinión sobre o tema?Que vocabulario novo aprendestes?
Ler e redactar son exercicios magníficos que aumentan as nosas competencias lingüísticas de maneira notábel.

2. No voso libro de texto: ler textos literarios dos temas xa estudados e responder as preguntas.
Por ex. ao comezo, algún poema de R. Cabanillas, algún texto de V. Risco, Otero Pedrayo ou Castelao.
Despois algo de Manuel Mª, Uxío Novoneyra, Luz Pozo.
Iso daravos un coñecemento máis amplo da literatura que estudar só a teoría. Se eses escritores son considerados clásicos, será porque fixeron algo de mérito e iso vese lendo os textos concretos, procurando entendelos e tentando explicalos. E dese xeito aumentará tamén o voso interese pola literatura.

3. Redacta sobre o tratado  no texto de opinión do enlace. Procura ordenar as ideas mediante unha correcta puntuación, separando os parágrafos, e achegando unha conclusión breve ao final. Coida tamén a ortografía: tiles, b/v, etc.

4. Busca nos dous primeiros parágrafos do texto os pronomes persoais. Di se son tónicos ou átonos e cal é a súa función sintáctica.

5. Substitúe o subliñado polo pronome persoal átono correspondente.Lembrade ter en conta a acentuación.

- María pediu un prato vexetariano e Xacobe carne á grella.
- Trouxeron un agasallo ao seu sobriño.
- Merquei ao avó unha pouca froita.
- Dixen aos nenos que fixesen o traballo.
- Fixo o traballo o rapaz.

6. Usa en oracións correctas os pronomes: llo, llelo, nolo, volo, cha, lla.

7. Inventa oracións correctas coas seguintes parellas de palabras:

ravo/rabo, cavo/cabo, vota/bota, rebelar/revelar, vast/basto

8. Acentúa cando cumpra: accesit, atmosfera, subiu, instruido, cambiou, azuis, ademais, zulu,
despois, rapidamente, el, si, miudo, amosounolo, termostato, avaria, gladiolo, rubeola, popurri.

Explica por que non levan til as que non o precisan. (E faino ben! Moléstate en mirar a páx. 42 do libro!)

9. Pon os tiles diacríticos necesarios nas oracións:

- O vento partiu a pola da árbore do xardín.
- A pola xa pon ovos. A nos gústannos moito mias cos da tenda.
- Non che da vergoña facer iso? E que tes pouca.
- Compre ollalo todo a luz do día; vense mellor as cousas! As veces trabucámonos a primeira impresión.
- Non sei se ven teu irmán. Había que sementar a mes.

10.a) Clasifica os determinantes e pronomes (excepto os persoais) que haxa nas oracións:

 - Calquera diría que non o coñeces.
- Ese non ten razón ningunha. Dixo que o voso era o peor traballo.
- Teño varios máis este é o meu cadro preferido.
- Lembro todas as cidades que visitei.
- Fun mercar un cento de repolos e vounos plantar na miña horta.

b) Usa en oracións correctas oito contraccións de prep. + determinante ou prep. + pronome (excepto as de prep. + artigo). Con que outros tipos de determinantes ou pronomes se fan contraccións?Se tes dúbidas mira no libro a páx. 58).

A ver, rapaces, ide facendo e ánimo e fe no futuro.

miércoles, 15 de abril de 2020

Repaso de morfoloxía , para alumnado de 2º de Bac. ; exercicios de semántica

Empezamos con música sobre a realidade actual, con Guadi Galego:

 https://www.nosdiario.gal/video/cultura/guadi-galego-xente-confinada/20200414111420095179.html

Póñovos tamén unha canción dun grupo ourensán, Guezos: escoitádea, parte dos beneficios van a fins solidarias.https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2020/04/14/comezar-cero-guezos/00031586880406045920759.htm

Na terceira avaliación na parte de lingua temos que repasar todo o visto. Ademais temos como parte nova a semántica. Especialmente deberían facer estes exercicios as persoas coa segunda avaliación suspensa.
Os que ademais teñan suspenso o libro de lectura de calquera avaliación, deben facer un traballo e enviarmo o máis axiña posíbel (prazo máximo: fin de abril). Nel tratarán os seguintes puntos: temas relevantes e tratamento que lles dá o autor, interpretación do contido (que reflexións suscitou en nós a lectura deste libro?, que sacamos en conclusión?); tratamento do espazo e do tempo; hai un tratamento realista da historia ou non? Aspectos que destacamos como méritos da obra. Por ex. algunha reflexión sobre a linguaxe.
Debería incluír algunha cita do texto en relación coa explicación que fagamos.
Conclusión.

Lémbrovos que hai que enviarme na semana do 20-25 de abril como prazo máximo os exercicios de semántica do libro de texto, unidade 5. Mandáraos cando se suspenderon as clases coa esperanza de corrixilos en clase á volta, pero agora, como isto se prolonga. tedes que enviarmos. Se tedes algunha dúbida, enviádema a través do correo.

DE REPASO:

1. Recoñecer as clases de palabras.

Indica que palabras son as que aparecen nos textos:

a) O mesmo día que Francia anunciaba que no país galo as garderías e escolas reabrirían "progresivamente" a partir do 11 de maio, diversas ONG facían un chamamento ao Goberno español para que as crianzas poidan saír á rúa por quendas e con supervisión".
(Por certo, como é o plural de ONG?)
b)“Fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas, que é unha cuestión dunha altísima complexidade", aseguran. Daquela lembran que "ao comezo ninguén tomou en serio as nosas predicións".

2. Clases de pronomes: indíca en cada caso o tipo que son os que aparecen nas oracións.

Nisto, chegou Fidel.
Algúen cho diría.
Non o sabía ninguén.
Esta non me gusta; tráeme esoutra.
Ese era o meu. Xa volo dixera antes.
Mercaches abondos. Podías darme un.

3. Uso de contraccións; indicar clase de palabras que contraen. Facer enunciados correctos.

Nesta, desas, nel, naquela, diso, doutro, noutras, estoutro, esoutras, aqueloutros, naqueloutros, daqueloutra, desoutros  (e aquilo + outro, pode contraer?)

4. Usos especiais de demostrativos e posesivos. Inventar exemplos cos distintos valores. Por ex. cinco distintos de cada.

5. Funcións dos pronomes persoais e clases (tónicos, átonos). Incluídos pron. de solidariedade, dativo de interese.
- Vímola onte á noite convosco.
. Nunca nolo contaches; gustaríanos sabelo.
- Élles moi bo rapaz; nunca mo quixo cobrar.
- Dóechelle moito a cabeza; padéceas (por ex. migrañas).
. Rompéronchelleme o xoguete ao neno. Pelexáronse por el e acabaron rompéndoo.

6. Conxugar verbos:

p1 pres. ind. valer
p1 pret. ind. vir
p2 pres. subx. moer
p2 pret. subx. rir
p3 antepretérito facer
p3 pospretérito ler
p4 copretérito caer
p4 pres. subx. roer
p5 copretérito instruír
p5 inf. conx. traer
p6 fut. subx. poñer
p6 fut. ind. pór

7. Segmentar palabras: independencia, independente, dependentes, ollomoles, instrución, malentendido, confinamento, aterradores, desafortunadamente e asalariados

8. Segmentar e analizar verbos: caiban, diminuíu,  estiver, faceren, houberdes, irían, teñas e vires.

9. Colocación do pronome átono. Introduce o pronome no lugar correcto (se hai varias posibilidades, indícaas). Xustifica a colocación.

- Logo fas  (a)
- Xa dicía túa nai que ías facer (me, o)
- Eu tamén cría (as).
- Ninguén quería admitir (o)
- Temos que contar (vos, a)

10. Análise sintáctica de:a incógnita sobre canto tempo durará esta situación fai que a sensación de vulnerabilidade sexa maior.

11. Analizar as perífrases: tipo e valor:

- Non dei rematado o traballo; non vou entregalo.
- Deixa de dicirme o que debo facer.
- Púxose a chorar como un desconsolado; debeulle pasar algo grave.
- Teño comido alí moitas veces.
- Tropecei e houben caer polas escaleiras.
- Acabo de chegar e estou empezando a facer a cea.


martes, 14 de abril de 2020

Tarefas de literatura, 4º de ESO

Os exercicios da páx. 306 tratan sobre a poesía de posguerra, na que ten unha grande importancia a figura de C. E. Ferreiro.
Trátase de coñecer mostras dos seus textos, lelos, entendelos e logo explicalos.

Tamén poderiades escoitar versións musicadas deses textos. por ex. do poema "Irmáns".

1. O texto 1 ten unha temática social ou cívica. Lembrade que co nome de "longa noite de pedra"designouse a etapa da posguerra, pola opresión, falta de liberdades, a persecución política...

O texto 2 tamén ten temática cívica, pois fala dun dos sinais de identidade máis relevantes do noso pobo: a lingua.

Desa mesma temática é o texto 3. que fala sobre a irmandade entre os homes, que sería un tema universal.

O texto 4 é de temática satírica, vai dirixido aos xoves para animalos a construír unha Galiza mellor.

O texto 5 tamén ten temática satírica pois denuncia o imperialismo opresor.

O texto 6 ten temática satírica, xa que ridiculiza unha persoa pola súa decadencia moral.

O texto 7 é poesía intimista, xa que llo adica á súa amada, dicindo que é ela quen lle dá forza para vivir.

2. A pedra é un símbolo, unha realidade concreta obxectiva mais a palabra emprégase tamén  cun significado abstracto.
Por unha parte está o significado denotativo da palabra, o significado ordinario desa palabra como aparece definida no dicionario. Mais por outra, cobra importancia o significado connotativo, que é o máis importante na poesía.
Celso Emilio escribiu ese poema estando encerrado nunha cela do mosteiro de Celanova, por culpa dunha denuncia falsa. É dicir, que hai esa realidade: unha cela escavada na pedra, onde el está rodeado por esta.
Peo tamén hai o uso simbólico da palabra para suxerir algo abstracto relacionado cos sentimentos do autor nesas circunstancias. A pedra asóciase entón á escuridde, ao frío, á insensibilidade dos homes, que non son quen de amosar sentimentos, empatía, comprensión... Por iso el se sente morrer e identifica todo o que o rodea cunha longa noite de pedra, unha época terrible na que todo é sufrimento. O único que non é de pedra é a voz do poeta.

3. É unha lingua proletaria porque é usada polas clases baixas, os obreiros ou os mariñeiros e labregos, os que a mantiveron historicamente desde os Séculos Escuros.
No poema expresa unha dicotomía entre os que a usaron e sufriron represión e os que non o fixeron, os opresores.
Os  versos que falan dos defensores da lingua son:

a fala dos avós que temos mortos ... e os tres seguintes.

Tamén:

Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

E ademais:

que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío
pra os que súan e choran...

4. Fai referencia ás persoas comprometidas con Galicia; os homes "bos" do himno galego. Sofren unha alienación, pois a súa historia non se conta na lingua propia, que sería o normal.

5. Os que a falan: mariñeiros, labregos da linguaxe, homes bos que sofren longo,...
Os que non: patufos desleigados, pequenos mequetrefes, soberbios, ruís e poderosos, finchados, estúpidos e valeiros.

6.Trátase dun poema de verso libre sen rima, polo que o ritmo se constrúe coas repeticións e o paralelismo. Por ex. non falo pra os soberbios/non falo pra os finchados...; eu fáloa porque si... porque...

7. O poema vai dirixido a persoas que el considera irmáns, por compartir con eles ideas ou sentimentos, vivencias..., independentemente da súa orixe. Mentres, di que non se identifica con persoas que ten ao seu carón. É dicir, a proximidade é física pero non interior.

8. Os recursos máis destacados son as repeticións e os paralelismo. O verso Coma un irmán che falo, repítese continuamente (cinco veces), dándolle ao poema características semellantes a un himno.

9. O poeta expresa a esperanza de que a xente nova actúe de maneira distinta  a como o fai a colectividade galega de Venezuela, á que critica.

10. O poeta pídelle á mocidade que sexa revolucionaria e rebelde e rexeite as persoas que lle mintan, respectando a terra onde se vive (Venezuela) ou onde se naceu (Galiza).

páx. 308.

1. O maior obxecto de interese da obra de Neira Vilas é o mundo infantil e a emigración.

2. Certamente houbo distintas maneiras de tratar o tema da emigración na literatura. O curso pasado vistes o tratamento dese tema en Rosalía; este curso en Castelao e C. E. Ferreiro e agora en Neira Vilas. 
Rosalía denuncia as causas e consecuencias sociais da emigración. Algo parecido fai Castelao. (Recoméndovos ler o conto "O pai de Migueliño"). Os dous ven a emigración como un fracaso de Galicia e algo moi doloroso para os que a protagonizan. Celso Emilio Ferreiro amosa nos seus textox dúas posturas contrapostas respecto ao tema. Nun poema anima a xente a emigrar, ante a terrible situación que hai no país; é dicir, presenta a emigración como unha oportunidade. Pero logo de emigrar el mesmo a Venezuela amosa unha visión negativa dela. Quéixase os galegos emigrados que se adican a explotar os seus propios compatriotas. E di que a emigración é unha ferida, unha sangría que non remata.
Neira Vilas tamén presenta a crúa realidade da emigración, as dificultades de adaptación, o fracaso...

3. O termo aplícase a aqueles libros que venden moitos exemplares ao longo de moito tempo., mentres que un bestseller sería o libro do que se venden moitos exemplares pero nun tempo limitado.

4. Memorias dun neno labrego está traducida ao asturiano, éuscaro, portugués, catalán, castelán, inglés, francés, alemán, italiano, checo, búlgaro, ruso, chinés e esperanto e conta ademais cunha adaptación para braille. Podedes lelo se queredes nesta avaliación en lugar do de lectura.
Pódese ler na rede en PDF.

Aínda que está ambientada no rural galego na posguerra, a situación social da que fala é extrapolábel a calquera lugar do mundo. Os desexos que amosa Balbino son tamén universais: a xustiza, ter unha vida digna, expresar o que sente mediante a escrita. É unha obra universal

viernes, 3 de abril de 2020

Música para o confinamento

Pata empezardes, podedes escoitar a Guadi Galego. Moi fermosa a canción Fronteiras ou outros temas recomendados en Nós diario no día de hoxe por unha médico de urxencias de Vigo. Entre eles o do grupo portugués Madredeus, Ao longe o mar.

Esta sección segui completándose no xornal Nós diario e cada día unha persoa indica a súas recomendacións musicais. Onte volvía haber unha de Xavier Díaz, o baile de Noró e hoxe unha de Oh! Ayatolah, moi interesante.

Póñovos tamén un enlace a unha canción moi fermosa de Luar na lubre, Memoria da noite, un verdadeiro pracer escoitala.

Tamén podedes ler en Nós diario (30-3-2020) o artigo de opinión  "A primeira grande guerra do século XXI", de Silvia Rosende González moi interesante, sobre o que estamos a vivir; unha experiencia extraordinaria da que conviría que sacásemos aspectos positivos, xa que de todo se aprende, e notablemente cos sucesos dramáticos.

Por ex. podedes extraer do texto o vocabulario descoñecido e definir as palabras ou facer un comentario crítico sobre o que expón a autora. Se mo enviades, corrixireino e enviareivos a corrección.

jueves, 2 de abril de 2020

Ortografía para 4º, solucións

Ola de novo! Todo ben?

Aí vos deixo as solucións. Corrixide os exercicios confrontando co que vós puxestes.

1. asasino, helio, heptasílabo, ombro, hidroterapia, coherencia, bah (interxección), valaí, arpa, inhibir, trauán, hipermercado, hoxe, habitáculo, hospedar, orfanato, exuberante, irto (=ergueito), hurra, cacahuete, harmonía, hedra, humillar, desinflar, harén, hasta, ombreiro.

2. incorrectas:
menir, exortar, ahí
hola, hala, boh ei En galego ola pode ser Saúdo ou recipiente de barro.
adesivo, hombro, elmo
exhorbitante, eih, hinchar
emiciclo, orticultura, omónimo

3. Sopa de letras:
con h: hibernar, hípica, bohemia, herexe, ho ou oh ou ah
sen hache: ovíparo, irmandade, inusual, óseo, ora

4. a artigo feminino sing.; pronome átono 3 pers. sing., CD; preposición.
ha p3 pres, ind. verbo haber, pode ser símbolo de hestárea ou expresión que imita a risa.
ah interxección

as pronome átono, p3 sing.; artigo feminino plural; pron. átono p3 plural, CD
has pres. ind. verbo haber

abano subst. utensilio para dar aire
habano cigarro puro feito con tabaco de Cuba.

ai interxección que indica dor
hai p3 pres. ind. verbo haber
(aí sería adverbio de lugar)

ala subs. sinónimo de á, a extremidade das aves
hala pres. ind. verbo halar (úsase na expresión halar as redes, atraelas cara a un mesmo)

o artigo masc. sing. ou pronome persoal átono p3 sing, CD
oh interxección
e tamén hai ho, abreviación de home. Ex. Non fagas caso, ho, que e vai solucionar.

ora conx. distributiva Ex. Ora ri ora chora. É dicir alterna esas dúas accións.
hora subst. parte do día

ule p2 do imperativo do verbo ulir.
hule tea impermeable cun lado cuberto dun verniz que se usa para cubrir superficies. Por ex. un mantel de hule.

uno pres. do verbo unir, p1.
huno subst. ou adx. relativo a un pobo que invadiu Europa Oriental e se asentou no Cáucaso.

5. escusa, ex-parella, excitar, escavar, exasperar, estrangular, escravo, extensión, estender, extratosfera. ex-amante, excesivo.

6. bixutaría, axóuxere, cornixa, liso/lixo, pírex, ambidextro, esixir, solfexo, buxo, ameixa, xiringa, espolio, laranxa, clímax, enxiva, sebe, escisión, cónxuxe.

7. escusa, estranxeira, xordo, esterno (=castelán esternón), clixé, xastre, enxalzar, xilaba (vestimenta árabe), ameixa, Xangai, caxemira, xerarquía.

8. Co fonema fricativo, palatal xordo, representado como fonema por unha especie de s estirado:
graxa, taxa, inxección, enxame, lexislación, xeo, xamón, xerarquía, xeografía, lumbalxia.
O resto con /ks/.

9.Naquela tenda venden obxectos de rituais esotéricos.
A xuíza chamou unha experta en balística.
Escondeuse na casa e púxose a espiar a veciñanza detrás das cortinas.
Ten unha infección no conduto auditivo externo.
Cómpre extremar as precaucións cando viaxes a África.
Os seus antepasados proceden dunha estirpe real.
Tráeme unha caixa de mistos.
Adoro este libro de texto.

10. luxar con fricativo palatal xordo, emporcar, manchar; luxar, con ks , facer saír do sitio un óso, unha articulación. Son homónimos.
E lixar  serían parónimos.
sema é parónimo de xema (a xema dos dedos, a parte amarela do ovo).
e seo e parónimo de xeo.

miércoles, 1 de abril de 2020

Para 4º, solucións aos exercicios destes días. Comentario, C.E. Ferreiro

Ola, rapaces! Todo ben? Espero que si dentro do que cabe.

Ide traballando, que logo poñerei as solucións, pero déixovos un tempo aínda para que me enviedes os exercicios. Por certo, que vos atopo un pouco vagos, pois moitos aínda non contactastes comigo. Eu responderei a todos!
 Un consello:
se dubidades, podedes consultar o dicionario da RAG para comprobar se é como vós pensades ou non. Así teredes menos erros.
Polo que se refire aos exercicios de literatura, debedes ler con atención os textos e responder razoando. Non se responde copiando a teoría. Non chega escribir unha liña de resposta e ao chou!

Tamén sería desexable que aproveitásedes o confinamento para ler en galego. Podedes ir lendo o libro da terceira avaliación, facer un traballo e enviarmo ao correo. Póñovos un esquema dos puntos relevantes que tedes que tratar.
Propoño ademais un novo, por se vos resulta interesante: Sechu Sende, Made in Galiza. Acabo de ver que o hai na rede en PDF, e ten relación con contidos deste curso de sociolingüística.

1. Introdución. Podedes falar un pouco do autor, da importancia da súa obra, éxito, etc., brevemente.
2. Os temas máis importantes do contido. Non só enumeralos; reflexionar un pouco sobre o tratamento que lles dá o autor.
3. A caracterización dos personaxes: físico, maneira de ser, evolucionan ou non... Non é relevante o anecdótico.
4. O espazo e o tempo. Con explicacións. Non só sucede en tal sitio e en tal ano. Por ex. mencionando como describe os lugares, de que época se trata, o ambiente...
5. Valoración persoal: conclusións que tiras ti despois desta lectura. razoar e amosar que o comprendiches.

Tamén é moi recomendábel mantervos informados co xornal Nós diario, que podedes ler en Internet.

Vou poñer un comentario literario do poema "Deitado fronte ao mar" de Celso Emilio Ferreiro.

Para facer un comentario literario completo cómpre tratar polo menos estes puntos:
I. Introdución, onde se fala do autor, o libro ao que pertence, o movemento literario, a época.
II. Temática e tema. Punto de vista.Argumento.
III. Estrutura: partes e idea principal de cada parte.
IV. Análise da linguaxe: plano fonolóxico, plano morfosintáctico, plano léxico semántico.Análise dos recursos esyilísticos de cada nivel e o seu valor expresivo. Interpretación do contido.
V. Conclusión.

Facédeo e enviádemo ao correo. Logo poñerei nesta semana a solución.

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…
Longa noite de pedra 1962