Mostrando entradas con la etiqueta lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lectura. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de junio de 2020

Máis sobre o Día de Rosalía: fotos de actividades, refráns 4º, traballos sobre léxico 2º Bac.



Vai ser a última entrada do curso e nela vou incluír algunhas fotos máis de actividades feitas durante este curso como a exposición sobre R. Carballo Calero en Lugo, as Rutas Literarias do Museo Provincial, que non puxera antes, ou algunha máis do Día de Rosalía, así como unhas de traballos do alumnado de 4º sobre refráns e de 2º de Bac. sobre léxico de nomes de plantas.
Tamén vou incluír un enlace á nova sobre a publicación do cómic sobre Elisa e Marcela por parte de Xulia Vicente con motivo do Día do Orgullo.
Recomendo tamén o artigo de opinión de Mª Xosé Queizán en Praza pública.



                                           Rutas Literarias do Museo Provincial de Lugo:




Día de Rosalía:


















Refrán de Silvia López Díaz


Refrán de Laura López López


Nubes de palabras de léxico sobre plantas:






Parabéns a todos. alumn@s e compañeir@s, e grazas pola vosa colaboración para que puideramos chegar a porto en tan boas condicións nunha travesía con tantas dificultades engadidas! Puiden aprender moito convosco! Moitas grazas de corazón!

Que teñades un bo verán e tomedes alento para continuar un camiño frutífero e decidido cara a unha formación como futuros cidadáns responsables e felices.
   

                                                                          Unha aperta!











martes, 12 de mayo de 2020

En maio, aínda a vella quenta o tallo.Propostas de traballo para 4º e 2º bacharelato.

Seguimos con refráns, algo que viñemos traballando todo o curso.

Este significa que aínda que en maio vai quecendo o tempo, non quenta o suficiente para deixarmos de precisar achegarnos ao lume e máis, claro, se un ten certa idade. E o tallo é un mesote pequeno que xustamente se usaba para iso, para sentar a carón do lume. Podedes velo na imaxe (talo, en troques, é unha parte dunha planta.Por ex. o liño é unha planta de talo leñoso). Tamén se ve algo, na marxe esquerda, un escano, que era o banco das cociñas de lareira no que se comía, pois soía ter un mesado que podía subirse ou baixarse a conveniencia. A foto é de Creative Commons CC BY-SA 3.0, e o autor P. Lameiro. Esta lareira está en Lalín.



Tamén vos poño un enlace a unha canción nova que fala sobre as circunstancias que estamos a vivir e dános pistas para ocuparmos o noso tempo, aínda que sei que non estades ociosos, precisamente. Parece que esta situación esperta a creatividade e tamén as ganas de compartir.Tamén é interesante outra proposta publicada tamén en Nós diario, Mañá, que vos recomendo.

E tamén algo de baile.

A proposta de traballo desta semana (prazo ata o venres 15) é de lectura, tradución, reflexión e crítica a partir dun texto xornalístico de opinión. Se xa estivese en galego sería perfecto. Porén, así poderemos traducilo. É traballo voluntario para Bac., pois algúns alumnos pedíronme máis traballo (os que precisan obter nota alta).

Para 4º é obrigatorio, xa que a súa avaliación é máis tarde.

Trátase dun artigo de opinión de Manuel de Lorenzo en  El Progreso.
Tamén vos animo a participar na iniciativa publicada en Nós diario en apoio do uso da lingua galega.

A/ Para 2º de Bac.:

1.Traducir.
2.Elaboración dun texto ben estruturado, coherente, cohesionado, adecuado á situación comunicativa, que respecte a gramaticalidade.
Reflexionar como cambiou o mundo e como debería cambiar.
En xeral, é tan boa a vida da xente como a que describe o autor como a súa vida actual?Que problemas están a xurdir por ex. no mundo do traballo ou da escola?
3. Gramática: explicar as diferenzas no sistema verbal entre galego e castelán neste texto e a colocación dos pronomes átonos no texto galego. Enlace ao curso de galego de Nós diario.
4. Fonética: indicar os tipos de n nestas palabras e expresións: non o vía, insensato, inhumano, ben, ben o sabías, enredo, trouxérono, trouxéronnolo. Indica transcrición fonética e realización en cada caso e por que.
5. Sintaxe: analiza a oración.

Ningún pais do mundo que aspire a niveis altos de desenvolvemento pode non contar coa súa lingua propia".

Poño tamén o enlace a unha páx. que me mandou Lucas para repaso de Literatura Galega de 2º de Bac. O autor é un estudante de 2º tamén.
https://www.youtube.com/channel/UClZ-fWAY2dGzcKXBW5HmlLA/videos.


B/ Para 4º:

1.Traducir os catro primeiros parágrafos.
2. Redacción: Cando eramos felices. Co mesmo título que pon o autor, pero mudando a perspectiva. Como vemos cada un a nova situación e como cambiou a nosa vida.Que cambios nos gustaría que se producisen no futuro próximo?
A redacción debe ser un texto ben organizado; non só a resposta a esas preguntas usadas como pistas.

 Déixovos tamén unhas imaxes das miñas plantas que rebentan en cores coa primavera.











miércoles, 4 de diciembre de 2019

Outono

O outono comezou e iso trouxo novas sensacións ós poboadores do instituto.

O ambiente foi cambiando e achegouse o frío, a escuridade, as pantasmas, os medos, os misterios ...
Pasar polo corredor ou a biblioteca metía medo...








Un grupo de profesores desde o EDL do Xograr e desde a biblioteca artellamos unha actividade de lecturas acaídas á época e, para darlle unha emoción. decoramos o corredor,  a biblioteca e o taboleiro de Dinamización Lingüística con motivos relacionados co outono. Fixemos manualidades de outono con elementos naturais (follas secas, froitos, herbas e ata plumas de ave ...): mouchos, un ourizo cacho e un esquío, un centro de mesa cunha base de carballo, unha espiga de millo, cardos, bugallos, musgo; tamén un vello castiñeiro con follas amarelas. Dispuxemos unha mesa no corredor con elas e con libros en varias linguas con estas temáticas e outra na biblioteca. Decoramos esta con tearañas e unha grosa e ameazante araña, con guirlandas con motivos de morcegos, pantasmas (feita por Andrés de 4º A) e tamén gatos negros. Puxemos candeas, que acendemos mentres liamos, e unha cabaza decorada con outra no interior máis pequena que alumeaba, un esqueleto, teas de araña. E moitos, moitos libros.







 Realizamos actividades de lectura na biblioteca con varios cursos de secundaria, algunhas de textos narrativos e outras de textos poéticos.
En  xeral, a actividade tivo boa acollida polo alumnado, aínda que mellor nuns cursos ca noutros.

En Lingua Galega de 3º de ESO lemos poemas de medo de diversos autores.
En lingua galega en 4º de ESO lemos algún texto de literatura popular (lendas de mouros ou a verdadeira historia do home lobo de Allariz) e tamén algún literario: "Sobre a morte de Bieito", de Rafael Dieste; " Os lobos", de Á. Fole e "Viña do alén", do mesmo autor.






Déixovos tamén un poema de María Lado sobre novembro, recitado por ela mesma.