jueves, 30 de enero de 2020

Día da Paz, 30 de xaneiro de 2020

Con motivo da celebración do Día da Paz propuxemos ao alumnado do centro diversas actividades como coñecer os diversos símbolos para celebrar esta data: a pomba, as mapoulas, as grúas de origami...Tamén traballamos o glosario de termos pola paz e a non violencia.

Velaí algunhas mostras deses traballos. Na primeira aproveitei fotos da miñas mapoulas. Na segunda aparecen os poemas de Celso Emilio Ferreiro "Irmáns" e "Poema nuclear", que comentamos na clase en 4º de ESO e en 2º de Bac. Na terceira, temos a pomba da paz e os termos relacionados con ela. Finalmente, coa colaboración do alumnado, fixemos un ramo de pólas de maceira decoradas con grúas de origami.







Tamén quero amosarvos un coñecido poema do lugués Lúís Pimentel, sobre os "paseos", que eran frecuentes despois da Guerra Civil española. Trátase do famoso "Cunetas". En 4º de ESO xa falamos disto, pois estamos dando a literatura de posguerra.

Cunetas 
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
...........................................

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.


Luís Pimentel, Lugo, marzo 1937

Segundo o profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, no seu libro Arte literaria, trátase dun poema cun tema principal e varios secundarios.
O argumento sería: nunha Galiza asolada polos ametrallamentos, alguén fala laiándose en medio do terror. O poeta camiña polos abatidos arrabaldos populares, sabendo que cada día hai un morto na cuneta.
O tema central é pois a represión en Galicia durante a Guerra Civil. Máis concretamente fálase dos "paseos", que consistían en sacar as persoas das súas casas, fusilalas e deixalas abandonadas nas cunetas das estradas.
Como temas secundarios aparecen o silencio temeroso, a invocación divina, a identificación dos que sofren cos que aman a Galicia, a persecución de mestres e obreiros, a esperanza na xustiza que xurdirá destes martitirios, a soidade do poeta en medio da desolación, a identificación dos pazos como lugares de conspiración, o pranto das mulleres ante os cadáveres dos seus homes... ou o misterio de Galicia.
O poema comeza con artificios baseados na repetición de palabras, como a reduplicación e o paralelismo. Estes sérvenlle para expresar un sentimento obsesivo, a angustia do poeta polo que ve ao seu redor.
"Galicia ametrallada nas cunetas" sería unha metonimia, artificio retórico do plano semántico consistente en nomear a parte polo todo ou, neste caso, o lugar polos seus poboadores.
As persoas expresan a dor cos seus berros, pero son advertidas de que non poden falar en voz alta; é dicir, non poden expresarse con liberdade, porque se impuxo o silencio. Nin sequera hai liberdade para chorar!
Fai unha reflexión sobre o difícil que é facer un home, é dicir, facer unha persoa cabal; pola contra, destruíla é moi fácil, como xa amosou antes.
Tamén hai metáforas como "lama, sangue e bágoas nos sulcos son semente". Con isto quere dicir que as mortes inxustas de persoas darán os seus froitos.
O poeta camiña baixo a choiva ensimesmado, mirando cara ao seu interior ("enviso"), e di que lle será difícil atopar palabras para os seus versos. A realidade é tan dura que lle vai custar atopar as palabras para falar dela.
 Pasa a carón dun pazo, que el considera un lugar onde se trama o crime. O aire fíxose irrespirable ("hai un aire de pombas mortas"). Usa o símbolo da pomba (recurso do plano semántico), que representa a paz, pero ao estar morta indica que non a hai). O ambiente está dominado polo medo e non hai posibilidade de comunicación entre as persoas. Segue vendo bandeiras esfarrapadas e homes mortos nas cunetas, mulleres que choran por eles. Entón vénlle á cabeza o símbolo rosaliano da negra sombra, que el identifica co misterio de Galicia. Este é un símbolo ambivalente, posto que deixa abertas as portas á esperanza. Máis alá dos elementos que aparentemente conforman Galicia, hai algo máis profundo e verdadeiro.



Ademais déixovos dúas versións en vídeo do coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro, "Irmaus", sobre a fraternidade entre os homes, superando as barreiras e as diferenzas.
https://www.google.com/search?q=you+tube+coma+un+irmau+che+falo+karaoke&oq=you+tube+coma+un+irmau+che+falo+karaoke&aqs=chrome..69i57.18584j1j7&sourceid=chrome&ie=UTF-8

https://www.youtube.com/watch?v=hYeFeDgeGbg

Ademais vou poñervos un enlace a un vídeo relacionado coa reacción social contra a violencia de xénero, que non deixa de aumentar o seu número de vítimas.

En varios cursos comentamos o seguinte poema de Celso Emilio Ferreiro:

Poema nuclear

¡Que ben, que a bomba vén co seu rebumbio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo,
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.
Os outos funcionarios.
Os outos fiñanceiros.
Os outos ideais.
¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que paren fillos
polvo serán, mais polvo namorado.

Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas da beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, escelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba vén! Nun instantiño
amable primavera faise cinza
de vagos isotopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! a bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
axiña vén, velaí vén, bon amigo.

¡Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡Booong!!!

Celso Emilio Ferreiro en O soño sulagado, 1955

Trátase dunha composición pertencente á obra O soño sulagado (1955), de Celso Emilio Ferreiro, un poeta da Xeración do 36, da poesía de posguerra. En canto ao xénero literario, é poesía lírica. O tema é o efecto destrutor da bomba, é dicir, o antibelicismo. Será daquela poesía social (temática), por tratar temas que afectan ao conxunto da sociedade.
Esta obra trata diversas temáticas que  reaparecen no seguinte libro, Longa noite de pedra (1961).
O fundamental do contido deste poema é  a denuncia dos efectos destrutivos da bomba, que arrasa a paisaxe ao seu paso e remata coa vida das persoas.
En canto á linguaxe destaca o uso dun léxico científico técnico, que era pouco usual na poesía: plutonio plutocrático, átomos, cobalto hidroxenado, isotopos.
Mediante as exclamacións expresa emotividade. Todo o texto se basea no recurso do nivel semántico chamado ironía: "¡Que ben que a bomba vén!". Quere dicir que o poeta non se alegra de que chegue a bomba; quere dicir xusto o contrario. Esa frase é relevante e por iso aparece repetida abrindo e pechando o poema e dándolle a este estrutura circular. 
Tamén son frecuentes os recursos do nivel fónico como a aliteración, presente por ex. nos dous primeiros versos para dar idea do son da chegada da bomba; "a bomba bong a bomba co seu bombo"; a onomatopea: "boong", reproduce o son real da bomba ao estourar. A paronomasia: bomba. bombo; bong, bon; bon,ben, ven.
Tamén destacan os recursos do nivel morfolóxico baseados na repetición como a anáfora: a bomba,,, a bomba é o comezo de varios versos dunha estrofa; paralelismo: os outos edificios/os outos ideais..., repite a mesma estrutura en varios versos. A derivación: a morte morta.
Outro recurso relevante é a enumeración asindética coa que expresa o caos que se instaura como consecuencia da guerra.
O texto comeza coa expresión dos sentimentos do poeta pola chegada da bomba. Fai partícipe destes ao amigo, mediante o vocativo "bon amigo". A chegada da bomba supón a invasion de moitas cousas que teñen connotacións negativas: aramios, martelos, formigas, matarratos...
A bomba trae ademais a destrución da vida social: os edificios, os funcionarios e os ideais convértense en "borralla radioactiva". Desaparecen os pais, as nais, as persoas honorables e menos honorables e mesmo o amor e a morte (o verso "polvo serán mais polvo namorado" é unha alusión a un poema de Quevedo que fala da pervivencia do amor despois da morte. Ese trazo chámase intertextualidade, que consiste en poñer en relación textos de diferentes épocas e autores).
Elementos antitéticos son: magnates e mangantes ou cabaleiros cubertos, descubertos. É un paradoxo.
"Nun instantiño a alegre primavera faise cinza" é un verso que expresa con claridade a destrución que trae a bomba, que transforma o mundo nun lugar irrespirable. O "arco de átomos triunfaes" é a transformación dunha expresión: arcos triunfais. Estes soían construírse para gloria dos vencedores dunha guerra.
O poema remata co estalido das palabras: onomatopeas e paronomasia e aliteración para reproducir o son da bomba ao estourar.
A conclusión é que nos está ben por ser como somos, por facermos un mundo malo e inxusto.


No hay comentarios:

Publicar un comentario