viernes, 29 de enero de 2021

Paisaxes de paz

 Mirando en Internet para propoñer actividades sobre o Día da Paz vexo este título que me semella suxerente e que casa ben coa actividade que os dun 4º ESO fixeron por iniciativa propia: un mural sobre a paz. As cores dos paxaros representan diferentes bandeiras.


O título lévame a reflexións sobre o tema. Partindo de frases sobre a paz que aparecen tamén na Internet, como a de Isamu Noguchi (creador do Xardín da paz, na foto abaixo, xunto ao edificio da Unesco en París): "Nós somos unha paisaxe de todo o que vimos".


  Michel Ravassard, CC BY-SA 3.0 IGO  Wikimedia Commons

Paréceme tan certo iso que di!
A paisaxe sempre foi algo importante para nós os galegos, para todos os nosos escritores, e esta moldea a alma.
Como pode haber paz cando todos os días só ves ao teu redor destrución? Como ocorre en tantos lugares do mundo como Palestina, Siria, Libia, Somalia... cando todo ao teu redor é miseria e inxustiza? 
Non pode haber paz se non hai xustiza, se non hai dignidade, se non contas co imprescindible para vivir, se non hai igualdade. Tampouco sen auga potable, imprescindible para a vida. Por iso as xentes no mundo actual teñen que ver paisaxes indesexadas que non son de paz, que non lles permiten crecer como persoas. 
Deberiamos sentirnos privilexiados por estarmos nunha paisaxe de paz e facermos o posíbel para que non mude, porque as consecuencias diso son devastadoras para os individuos. 
Paisaxes de paz son os bosques antigos de árbores autóctonas que aparecen nas fotos de paisaxes galegas senlleiras en La Voz de Galicia. 



Tamén me chamou a atención neste diario hoxe unha ilustración nun artigo de opinión que ten por protagonistas dous nenos emigrantes explotados. Moitas paisaxes non deberían existir, pero hainas: a destrución en Palestina, os asentamentos xudíos, a paisaxe desolada que deixan as guerras, as fábricas téxtiles e as minas onde traballan nenos metendo os seus corpos miúdos entre as fendeduras do terreo...



Aquí entre nós tamén é preciso traballar pola paz desde a educación e a formación en valores. Ensinar actitudes de respecto polos demais, de respecto á diversidade, de colaboración e resolución pacífica dos conflitos.






No hay comentarios:

Publicar un comentario