Mostrando entradas con la etiqueta sarria. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sarria. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de junio de 2020

Aportacións desde Sarria a palabras con memoria; manchar as mans; recomendación lectora

Convído a toda a comunidade educativa do Xograr a que participe e aporte o seu gran de area á recollida do léxico da nosa comarca, colaborando coa sección "palabras con memoria" da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega).
 É algo doado e sinxelo de facer: cubrir un formulario coa palabra recollida, o contexto de uso e o lugar e nome do informante, o correo electrónico. Eles responderanvos dicindo se a palabra está presente ou non nos dicionarios e se a van recoller.

Eu xa enviei durante varios anos as que puiden e vounas poñer aquí para que as vexades.

apaxuar Levarse ben dúas persoas por compartir gustos, carácter, etc. (Fontabuín, Sarria)
apilicado, -a Dise da masa do pan cando se pega á artesa (Lier, Sarria)
berengo (ter moito berengo). Refírese a traballo, ocupacións. Por ex. dise cando un labrego ten diversas actividades como granxa, gando vacún, agricultura... (Lier, Sarria)
bizarro, -a Dise das plantas cando están vigorosas e tenras.
cabezas (do leite) Graxa do leite que se acumula na súa superficie cando se deixa en repouso, coa que se fai a manteiga.
carouba ou garouba óso da cereixa (Lier)
caroubeira, garoubeira cerdeira brava. sen enxertar; as súas cereixas teñen menos carne e son acedas.
cendedallo garabullos para acender o lume. (Recollina de miña avoa, de Cesar, cun dito. O carrizo explicaba como se acende o lume dicindo: "Primeiro cendedallo, cendedallo e logo troncos coma a miña perna").
chaparro tipo de fabas de forma arredondada; hainos brancos e pintos. (Na Rioxa tamén se cultivan e mesmo hai unha festa gastronómica adicada a eles; chámanlle caparrón).
chorar (unha planta, unha árbore). Dise cando unha planta ten pouco vigor e semella que vai morrer (Fonteabuín, dise por ex. que o trigo chora cando lle amarelean as follas de pequeno e ten pouca forza, ou dunha árbore recén plantada cando non acaba de arrincar).
chuco (ser bo) Dise dunha persoa que é pouco de fiar.
conxomenear Organizar algo ou chegar a un acordo.Por ex. algunha celebración. Ex. A ver se conxomeneamos a celebración da graduación de Bac.
engorrea engurra. Así dicía a avoa (Cesar, Sarria). Por ex. Parece máis nova do que é, se non foran as engorreas.
espolingarse colocarse nas pólas delgadas dunha árbore para coller o froito. Por ex. na cerdeira. Non te espolingues moito, que podes caer!
espostizar poñer a galiña ovos deformados, con defectos na casca, fráxiles, debido a carencias alimenticias.
mao chámase así cada tira ou franxa en que se partía a terra para a sementeira do pan. Delimitábase cravando unhas pallas ou unhas ramas no chan e logo sementábase a boleo.
mandaxe e faxe Mandar algo e tempo despois ter que facelo, porque aínda non foi feito. Dicíamo miña nai cando era pequena e me mandaba algo.
parxabán (ser un) persoa ou animal simples, sen malicia.
ratibadas (dar) dores abdominais, cólicos.
sepostallo Úsase na frase deixar o sepostallo. Iso dicíao miña nai cando alguén deixaba parte da comida no prato por ser mal comedor ou non comer a feito.
soñaraza Feito de pasar a noite enteira soñando. Pasei a noite nunha soñaraza.
verdina (ter) Dise que a nabiza ou outras verduras teñen verdina cando están moi verdes e vizosas. As nabizas só saben ben despois de xear porque entón perden algo esa verdina.
zamalatrós (ser un z.) Ser unha persoa pouco coidadosa, que destroza todo (por ex. a maquinaria) (Lier, Sarria)

Póñovos unha foto dos chaparros pintos que sementei despois de anos sen velos por ningures. Por aquí deixaron de sementarse este tipo porque ao cocer soltan tinta e deixan a auga escura; soen preferirse os brancos por iso. 




Non sei se puxen todas as que enviei, pero polo menos estará a maioría.

Sigo actualizando os contidos pata aludir á palabra enviada polo alumno de 2º de Bac. Daniel Fernández Villanueva, recollida en Samos:
tardura co significado de tardanza, aparece no refrán que lle dixo súa nai e ilustrou.
En decembro o sol quenta con tardura e pouco dura.





Póñovos o enlace a un artigo de opinión publicado Praza Pública, moi interesante e clarificador en relación co papel dos traballadores sanitarios na presente crise. Salientaría a reflexión sobre a manipulación da realidade que se fai a través da linguaxe.

Igual de interesante, pero sobre a sementeira, recoméndovos un artigo de opinión de Manuel Vilar en Nós diario.

E tamén unha recomendación de lectura, o libro O paxaro de nácara, de Pura Salceda:
 https://praza.gal/cultura/quixen-apartarme-da-aldea-idilica-virxiliana-pequenos-mundos-tamen-poden-ser-grandes-infernos

Interesante tamén os novos camiños para o teatro galego que se abren actualmente coa obra "Somos criminais": 
 https://praza.gal/cultura/o-exito-de-somos-criminais-na-sua-emision-na-rede-abre-un-camino-para-outras-companias-para-todo-o-teatro-galego.

E o cinema tamén comeza a transitar por novos camiños e a buscar canles para o seu desenvolvemento.
Dando a coñecer o cinema galego en París







sábado, 21 de marzo de 2020

8 de marzo, Día Internacional da muller

Mulleres afoutas, mulleres loitadoras, que abriron camiños, ás veces mulleres anónimas (iso que chaman a intrahistoria) que sacaron adiante familias numerosas cos seus esforzos, coas súas arelas... orgullosas do que lograron. No centro o alumnado por segundo ano fixo traballos baixo o lema "Sarriás con fortaleza", que se expuxeron no corredor do edificio principal.

Tamén se fixo no centro, a iniciativa do Seminario de Educación Plástica e Visual e coa colaboración de varios seminarios, unha exposición coa proposta de adicar nomes de rúas a personaxes femininas para darlles visibilidade e saíu en El Progreso.

 Eu vou colaborar cunha historia.

Unha desas mulleres foi a miña  avoa materna: Mercedes Somoza González, nacida en Pape (Sarria). Eu crieime con ela e mesmo lle chamaba mamá. Na miña mocidade botoume o responso, que consistía en dicir unhas oracións facendo unha petición. Entón o responso podía ir ben ou mal e iso indicaba se se ía cumprir o que pedía ou non. E foi mal. Ela acertou.

Cando naceu, ficou orfa, pois súa nai morreu de parto. Daquela os partos eran na casa e mesmo podían ser sen médico. Con sorte, terían unha matrona acompañándoas ou, ao mellor, só a axuda das veciñas máis experimentadas.
Seu pai casou inmediatamente cunha irmá da muller morta. Había que criar a filla e el non sería quen de facelo só. Eses amaños que facían antes: casar por necesidade!
Logo o novo matrimonio tivo máis fillos: catro. Pero a vida non foi moi doada para Mercedes. Ela era a maior e  axiña tivo que colaborar nos traballos axudando o pai: cargar carros de nabos, leña, o que cadrase. Non era ben tratada nin querida na casa porque era filla da herdeira e tiña boa parte da herdanza. Para poder casar,  tivo que fuxir da casa.
 Cando chegou á do home, todo era miseria e necesidade. O avó participou en dúas guerras: a de África e a Guerra Civil, pero por sorte sobreviviu.
Criou e sacou adiante nove fillos, sans e correitos, como ela mesma dicía, que valeron para andar polo mundo e defendérense.
A avoa e a casa dos avós sempre foron para min unha referencia de dignidade e traballo.

Alí conservan a casa de pedra con solaina de madeira e unha árbore xenealóxica da familia que miña tía colocou na entrada.



Vou engadir uns vídeos publicados polo xornal El País, aínda que están en castelán, porque trata os temas do gusto pola lectura e os libros e o do silenciamento das mulleres na historia da cultura e semelloume moi interesante.

Póñovos, pois os enlaces: 

https://youtu.be/nZ0DAHNCUQ8  e tamén https://www.youtube.com/watch?v=yw7C_MLqgQw