sábado, 21 de marzo de 2020

8 de marzo, Día Internacional da muller

Mulleres afoutas, mulleres loitadoras, que abriron camiños, ás veces mulleres anónimas (iso que chaman a intrahistoria) que sacaron adiante familias numerosas cos seus esforzos, coas súas arelas... orgullosas do que lograron. No centro o alumnado por segundo ano fixo traballos baixo o lema "Sarriás con fortaleza", que se expuxeron no corredor do edificio principal.

Tamén se fixo no centro, a iniciativa do Seminario de Educación Plástica e Visual e coa colaboración de varios seminarios, unha exposición coa proposta de adicar nomes de rúas a personaxes femininas para darlles visibilidade e saíu en El Progreso.

 Eu vou colaborar cunha historia.

Unha desas mulleres foi a miña  avoa materna: Mercedes Somoza González, nacida en Pape (Sarria). Eu crieime con ela e mesmo lle chamaba mamá. Na miña mocidade botoume o responso, que consistía en dicir unhas oracións facendo unha petición. Entón o responso podía ir ben ou mal e iso indicaba se se ía cumprir o que pedía ou non. E foi mal. Ela acertou.

Cando naceu, ficou orfa, pois súa nai morreu de parto. Daquela os partos eran na casa e mesmo podían ser sen médico. Con sorte, terían unha matrona acompañándoas ou, ao mellor, só a axuda das veciñas máis experimentadas.
Seu pai casou inmediatamente cunha irmá da muller morta. Había que criar a filla e el non sería quen de facelo só. Eses amaños que facían antes: casar por necesidade!
Logo o novo matrimonio tivo máis fillos: catro. Pero a vida non foi moi doada para Mercedes. Ela era a maior e  axiña tivo que colaborar nos traballos axudando o pai: cargar carros de nabos, leña, o que cadrase. Non era ben tratada nin querida na casa porque era filla da herdeira e tiña boa parte da herdanza. Para poder casar,  tivo que fuxir da casa.
 Cando chegou á do home, todo era miseria e necesidade. O avó participou en dúas guerras: a de África e a Guerra Civil, pero por sorte sobreviviu.
Criou e sacou adiante nove fillos, sans e correitos, como ela mesma dicía, que valeron para andar polo mundo e defendérense.
A avoa e a casa dos avós sempre foron para min unha referencia de dignidade e traballo.

Alí conservan a casa de pedra con solaina de madeira e unha árbore xenealóxica da familia que miña tía colocou na entrada.



Vou engadir uns vídeos publicados polo xornal El País, aínda que están en castelán, porque trata os temas do gusto pola lectura e os libros e o do silenciamento das mulleres na historia da cultura e semelloume moi interesante.

Póñovos, pois os enlaces: 

https://youtu.be/nZ0DAHNCUQ8  e tamén https://www.youtube.com/watch?v=yw7C_MLqgQw

No hay comentarios:

Publicar un comentario