Mostrando entradas con la etiqueta poesía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poesía. Mostrar todas las entradas

lunes, 8 de junio de 2020

Reflexións sobre actualidade e tarefas para 4º de ESO

Póñovos un enlace a un artigo de opinión de Juan Antonio Pinto Antón en El Progreso, un dos poucos autores que soe escribir os seus artigos en galego nese medio. Trata sobre diversos conflitos abertos no mundo neste momento:

https://www.elprogreso.es/opinion/juan-antonio-pinto-anton/corazons-das-
tebras/202006031942211442097.html


Tarefas para 4º sobre léxico e  sintaxe (prazo ata o día 12 de xuño):

Realizar as actividades do libro de texto de 1 a 4 da páx. 168, 1 ata a 3 da 169 e do 2 ao 6 da 173, todos inclusive.


Tamén vou traervos un artigo sobre Luz Pozo de Francisco  Díaz- Fierros, "Ambiente e natureza en Luz Pozo Garza":
https://academia.gal/tribuna

Nel menciona, por ex. a presenza das flores na poesía da autora como unha manifestación da beleza que ela quere comunicarnos.

Subo tamén as fotos do lilium (laranxa e abaixo vermello), actualmente en flor, as rosas e as azucenas. E tamén puxen unha dun dente de allo, que a algúns lles viria ben levar para a selectividade. Vistes o tamaño? As cabezas deses allos só teñen uns catro dentes. E as cereixiñas do verán, que este ano se adiantaron un pouco e andan os paxaros a facerlles a festa.












E máis música galega, para todos:

https://www.nosdiario.gal/video/cultura/boyanka-kostova-muinheira-interior-video-oficial/20200605091256099057.html

E poño tamén un enlace a un texto para a reflexión de Suso de Toro en Nós diario:

https://www.nosdiario.gal/opinion/suso-de-toro/negros-negras/20200604094830098972.html

martes, 21 de abril de 2020

Lirios e rosas para Luz Pozo. Máis tarefas para o alumnado de 2º de Bac. e 4º.

Onte faleceu Luz Pozo, con 97 anos. Tivo unha vida longa e ben aproveitada (publicou durante 70 anos); era unha persoa de vasta cultura, grande talento e vitalidade e deixou unha obra de enorme trascendencia, comezando a tendencia feminina e feminista na nosa poesía xa na posguerra.

Estudámola nos dous cursos, polo que vou mandar ler dous artigos de prensa sobre ela e tamén facer algún comentario de texto.
Poño unhas fotos de flores que teño actualmente, que plantei o ano pasado e acaban de florecer por primeira vez. E un enlace a unha entrevista á autora da Universidade de Vigo.

Mesmo é unha poeta recoñecida a nivel internacional, xunto con outros poetas galegos, como podedes comprobar en Nós diario.
https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/chus-pato-manuel-rivas-alba-cid-poetas-galegas-portal-internacional-asymptote/20200417135419095471.html










Mirade en Nós diario a nova e tamén en  https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2020/04/21/span-langglas-faiscas-facian-fuxir-as-tebrasspan/0003_202004G21P35992.htm



Póñovos tamen enlace  a cambios importantes para o 2020 na ABAU.

Para bacharelato: facer a proba de selectividade do exame da 2ª av., os de 2º A e B, pero farán outra os de 2º C.

Está nas probas de selectividade 2014. O poema empeza "As veces me pregunto por que eu non son como as demais mulleres"..., Luz Pozo.
Os de 2ª C farán outra do poeta lugués Darío Xohan Cabana, de setembro  2008: " Non volverei á casa onde nacín"...
E vede que son os pampillos. Moi coñecidos por usarse por ex. na confección de alfombras florais. A segunda foto son os chuchameles:






Prazo: Os que poidan envialo esta semana, que o envíen. O resto,  a semana que vén.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmos/system/files/lingua+galega.+s%C3%ADntese+te%C3%B3rica.pdf

Para 4º de ESO: comentario de texto do poema. Enviar ata a fin da semana que vén (maio).

Primeira memoria
Abrín os ollos
 e sentín a chuvia polas tempas e a nuca.

Cheguei cando o silencio oscila
para se erixir en pórtico do tempo.
Unha forma interior compartía os movementos
dos astros
e chegan palabras,
ríos escuros de ledicia,
voces que traspasan os muros,
navíos inocentes que foxen nas pupilas.

Abrín os ollos e e sentín a chuvia.

Agora recordo unha praza baleira
por onde pasan ventos de saudade como unha man
coñecida e incerta.
Lémbrome das rúas sen arestas,
das pedras marcadas con líquenes,
dos vaporiños que soan nas tardes de néboa
cando fica o peirao en sombras e silencio.

Tería que dicir co poeta
"Vin  a sombra, sen ollada, sen lámpadas".
Mais a luz vai comigo.

Abrín os ollos.

Luz Pozo, Códice calixtino

Cuestións:

1. Analiza no poema cal é o suxeito lírico? En que situación se atopa?
2. Cal é o tema do poema?
3. Estrutura.
4. Explicación do contido e dalgúns recursos literarios.
5. A métrica.

Aclaracións para a realización do comentario:

- Para entenderdes o texto, sería bo que o lésedes varias veces. Tamén que busquedes o léxico que vos resulte descoñecido.
- A pregunta 1 refírese a cal é a perspectiva que adopta a poeta. Iso vese pola persoa que emprega.
- A 2 refírese a cal é a idea máis importante do texto, expresada de maneira breve, nun sintagma.
- A 3 consiste en indicar as partes do texto e dicir a idea principal de cada unha.
- 4. Explicar todo o que entendamos do que comunica este texto.
- 5. Métrica. Axústase a estrofas tradicionais ou non? Hai rima?

De repaso de lingua para BAC.: O infinitivo conxugado.

1. Conxuga sempre que sexa posíbel o infinito. Se non se pode, explica por que.

- Para calcular a forza da descarga eléctrica debedes empregar este dispositivo.
- Para escribir unha nova carta fai falla que nos ditedes punto por punto que queredes poñer.
- Non vos é posíbel saber quen telefonou para pedir a cita co oculista.
- Ao vir os teus irmáns, ponte a fritir o peixe para comer logo todos.
- Con disolver as manifestacións contra a fraude electoral non van lograr que as autoridades internacionais deixen de apoiar as protestas.
- Convén tirar das camas todos os colchóns e poñelos nas ventás para evitar o fogo inimigo.
- Vimos chegar os veciños ás cinco da mañá.
- Querías saber que pasaría coa terceira avaliación.
- Calar os do cuartel e saír ti chorando, foi cuestión de minutos.
- Non deberías pedir a súa partida de nacemento sen agardar a que volva de Cuba.
- É imprescindíbel preparalo axiña se queremos marchar hoxe.
- Se sabedes quen telefonou podedes dicirllo a Martiño.
2. Forma oracións de infinitivo conxugado cos seguintes pares de palabras. Procura que as haxa de diferentes tipos de subordinadas.
- parador/elixir
- aloumiñar/rapaces
- rebater/argumentos
- esnaquizarse/alma
- agachar/segredos

De repaso do verbo para 4º ESO:

1. conxuga:
P1 presente ind. valer; p2 pret. indicativo reducir; p3 copretérito poñer e pór; p4 antepretérito estar;
p5 pospretérito ir; p6 pres. subx. valer e vir.
2. Segmenta indicando os seus constituíntes e analiza:subades, esperarei, seredes, facermos e dixeren.
3. Pon exemplos de tres casos diferentes (con distintas vogais radicais) de verbos con alternancia vocálica e conxúgaos no pres. indicativo, pres. de subx. e imperativo.
4. Inventa oracións correctas con estes tipos de perífrases:
- aspectual imperfectiva, aspectual perfectiva, aspectual reiterativa, aspectual incoativa, temporal de futuridade e modal de probabilidade.

sábado, 22 de febrero de 2020

Día de Rosalía

Co gallo da celebración do Día de Rosalía e seguindo as directrices da AELG, o 27 de febreiro fixemos actividades co alumnado para lembrar esta insigne figura inaugural das nosas letras, lendo e comentando algún dos seus poemas e facendo algunha actividade colectiva máis no salón de actos, que decoramos para a ocasión.






Tamén a tivemos presente na decoración do taboleiro de dinamización lingüística:


                                         
Como un dos temas centrais da súa obra é a emigración, reflexionamos sobre el, posto que é un tema moi actual e moi tratado na nosa literatura. Por ex. falamos dos seres errantes que se ven obrigados a ir polo mundo buscando oportunidades e unha mellora na súa calidade de vida.
O mundo é grande e ha de acoller os homes e mulleres de boa vontade, integralos, incluílos, darlles posibilidades de saír adiante, de encontrar o seu sitio.
Tamén falamos da integración dos diferentes, os que teñen distinta lingua, distinta cultura, distinta orientación sexual; cadaquén ten dereito a unha existencia digna, independentemente desas circunstancias. Ante todo somos persoas e como tales deberiamos poder vivir.
A actividade co alumnado está destinada tanto a secundaria como a bacharelato. partimos da lectura dos prólogos de Cantares Gallegos e Follas Novas que fixo o alumnado de 2ª de Bac. para logo seguirmos con lecturas continuadas dos seus poemas.







Actualmente hai no mundo moitos seres que se ven desprazados dos seus lugares de orixe por diversos motivos, cos que en certo modo me identifico. Eu  escribín este texto titulado "Errantes" que ten que ver coa memoria.

"Errantes"
capitulo I

Aquel mes de xullo pasou algo extraordinario e nunca visto no lugar:

o ceo tinguiuse de "rubeolas"(así mo dixo unha veciña da miña parroquia; o normativo sería roibéns) e os camiños semellaban ríos de sangue.
Con vinte e poucos anos foi chamado a filas para ir á guerra polo exército nacional.
 Familia, terras e facenda tiveron que quedar atrás.
Pouco despois, ... morreu rebentado pola metralla na trincheira na fronte de Bilbao.
Non se soubo máis. Nin os ósos voltaron.
Deixara dous orfos e outro en camiño. Muller e fillos, sen amparo.

Panorámica de Bilbao
                                                 Bilbao (Wikipedia, CC - BY (Paul Arps))

Capitulo II

Con vinte anos é chamado a filas para facer o servicio militar en Zaragoza, alí ao ladiño da casa, el que fora orfo de pai e ao pouco tamén de nai.
Alá se foi como asistente dun capitán puteiro e borracho.
A maior gloria desta etapa foi o percorrido polo paseo vestido co traxe de capitán que recollera da tinturería.
Sobreviviu a duras condicións de vida, comendo o inmundo rancho, facendo manobras no Pireneo de Huesca, lavando a cara nunha fonte xeada ás sete da mañá.
Só ao pouco de morrer, se soubo que daquela estivera moi malo aló, e houbera morrer.
Aquí ficaran a muller e o fillo, outro en camiño. El, finalmente, voltou san e vivo.

Basílica de Nuestra Señora del Pilar y río Ebro
                                          Zaragoza (Wikipedia, CC - BY (Turol Jones)


Capítulo III

Con vinte anos foi polo mundo a traballar na hostalería nunha aldea na montaña (Bluche, uns 1300 m de altitude, Suíza), inmigrante ilegal. Sobe por primeira vez nun funicular. Pasa logo longas xornadas laborais. Nos días libres, dedícase a patear, a descubrir paisaxes: Sion, Montana Village, Sierre, Crans-Montana.

Ao lado os "nenos ben do mundo" estudan na École des Roches, un centro privado con internado que é escola de hostalaría, con piscina privada e múltiples actividades extraescolares (un sudamericano que a cada tres palabras dicía cabrón; xunto a este outros de Oriente Medio; mozos e mozas felices, noivados do máis exótico). Os traballadores da lavandería eran de Samos, Lugo, Portugal.

Todo era propiedade privada, ata os contedores do lixo tiñan un cartel: PRIVÉ. Non se podía nin coller unha ameixa dunha árbore. Enseguida dicían que era roubar; iso si, comeu máis amorodos ca nunca na vida, collidos na horta da filla dos donos do hotel, nos descansos no medio da xornada laboral.

Nun día libre visita cun coñecido os pastores que alindan as vacas no monte no desxeo, permanecendo tres meses en cabanas, illados do mundo, sen apenas baixar aos poboados. Alí elaboraban tamén enormes queixos, cos que se facía a "raclette". Comparte con eles un "ragout" de tenreira con verduras.

Ao baixar por unha ruta de sendeirismo á beira do abismo. había cruces dos que alí ficaron. Montañeiros errantes.

Tamén voltou, porque a terra é a terra e na casa hai alguén á espera.

Durante varias xeracións todos fomos errantes porque a vida é ... ese camiño que nos leva.

Crans Montana.jpg
                                          Montana Crans (Wikipedia, dominio público)

Rota de sendeirismo en Crans Montana

As vacas na montaña no verán

Tamén quero amosarvos unha nova que gardei; apareceu o 13 de outubro de 1997 no xornal O correo galego e fala sobre os galegos que ían ás segas a Castela, algo que tamén reflicte Rosalía no poema "Castellanos de Castilla", de Cantares Gallegos. No blog non sei se se verá ben, pero vaise expoñer nos corredores para que se poida ler, a carón do texto rosaliano.




Quero amosarvos tamén a versión de "Castellanos de Castilla" de Malaxente.

Tamén é moi fermosa a versión de "A xustiza pola man"do grupo Nao.   https://www.youtube.com/watch?v=d23RIA-so_g

Interesante é a dun youtubeiro mesturando versos de Rosalía de Follas Novas e outros de Cantares Gallegos.https://www.youtube.com/watch?v=LngQmRe_Ems&list=PLFXqaO35oJRZJHNfwB78cGb0tHvhdGaZJ&index=6&t=0s

E finalmente poño a de "Adiós ríos, adiós fontes" de Astarot: https://www.youtube.com/watch?v=UCk-Judop0I.

Impresionante, moi fermosa, a lámpada de papel con versos de Rosalía, feita pola profesora de Plástica e o seu alumnado. Fermoso tamén o vestido de gala aportado por outra compañeira do Seminario de Lingua Española. Nós trouxemos unha maleta de madeira do ano 1956 que había pola casa (a que un carpinteiro do lugar lle fixo a meu pai para ir á mili) e unha camisa de liño do tempo dos avós, con tecido máis fino por adiante (a pechera e o cos) e co lombo de estopa, o tecido máis basto e áspero.






As compañeiras de galego e lingua española fixeron un vídeo que visionou o alumnado.
Ao longo do día 27 de febreiro fixemos lecturas colectivas continuadas da obra de Rosalia nas horas de clase de lingua galega.

En 2º de Bac. lemos os prólogo de Cantares Gallegos no grupo A, que compartiu a actividade co alumnado de PMAR , que recitou dous poemas. Logo escoitamos versións modernas destes e vimos os vídeos. En 2º C recitamos poemas de Cantares Gallegos e algún de Follas Novas, participando todo o alumnado. En 4º A só dous alumnos participaron na lectura de poemas e coincidimos co alumnado de 1º de BAC. que leu máis poemas.













lunes, 9 de diciembre de 2019

Inverno




O inverno chegou. Con el o frío e as cores tristes, os días pequenos, a calor do lume a carón da cociña. Tamén traemos un pouco de poesía para alegrar estes días tristes. É tempo de estudar para termos logo un bo nadal.








Choveu e arroiou, "ameteu " o río, alagouse a horta. Logo xeou e houbo néboa.

Déixovos algúns poemas para ler. Espero que vos gusten e vos fagan gozar. A vida continúa e hai moito que celebrar.

Inverno na miña vila
Fino ceo de telaraña
cinza de pérola.
Un galo canta,
flama sobre a neve.
As murallas durmen,
redondas e brandas.
Roto o resorte do pobo,
as voces caen en cabezales
de nardos.
Horas sin ferro.
Reló de fariña:
neve.
Sairá a lúa,
como unha raxa de melón
fría e dulce.
Luís Pimentel (1885-1958)
Sombra do aire na herba (1959)


Panos brancos
                             esfiañados
                                                       da nebra 
ouveando 
                        polos vales 
                                                       polos soutos i as devesas marelas 
                                                                                                      en busca dun caborco 
 ou dunha valiña outa                                             que os acolla 
                                                                                                                i os faga acougar!
 Fiañas da nebra 
                         rubindo
                                                     e baixando               
                                                                                                 á gaiola do aire 
polas serras érmedas
                                                                  e polos soutos espidos do Nadal!
                         
                                                     Uxío Novoneyra
No poema, como nos caligramas das vangardas (Caligrammes, Guillaume Apollinaire),  disposición do texto ten valor expresivo, querendo imitar as nubes da néboa.
                                                        
LOAIRAS de sol 
Ventaladas d´aire
 E razadas d´auga!
 / 
DENDE nino pequeno
 Voun ver sempre o ríu que ameteu 
Que me fai ise aceno
 Que sein eu.  
                                     Uxío Novoneyra, Os eidos


SOL DE INVERNO
Quen escribe lembra como entramos
tras a intensa nevarada:
os ollos cegados pola luz,
as folerpas no cabelo,
os pálidos semblantes recubertos
por esa frialdade nova,
chegada furtivamente do exterior,
que penetra os aterecidos membros
como un lampexo revelando
unha certa perplexidade, un aceno.
Trátase da mesma situación unha
e outra vez, baixo aparencia
ben distinta: a neve,
a ponte vella, a canteira abandonada
á vexetación, os escuros camiños.
Intactos lugares do temor
que nos recollen en nós mesmos.
Como o vento que pouco
a pouco se vai debilitando
e deixa pousado nos muros
o aroma das follas, o alento do bosque,
así a túa respiración,
así a túa respiración
ao pé do lume, íntimo
latexo que captura a mirada,
que nos recolle en nós mesmos.
E nos entrega cinza, espello
tal vez do deterioro, tal vez
do desafecto, o frío.
O teu amor é como unha brisa entre ramaxes.
O teu amor é sol de inverno.


Martín Veiga