martes, 2 de marzo de 2021

Refráns de marzo e máis ...

 É o mes do San Xosé, algún ano de Semana Santa, tempo de facer a poda nas viñas, de comezar outros labores do campo para ir preparándoo para sementar. O tempo é cambiante, con raiolas  de sol e tamén frío, choiva. Van chegando paxaros coma o cuco ou espertando outros animais do letargo invernal.

Póñovos logo algúns: Marzo marzán, pola mañá cara de rosas pola tarde cara de can. Quen en marzo non poda a súa viña, perde a vendima. No mes de marzo e abril, o cuco ha de saír, se ós tres meses non volveu é porque morreu. O que en marzo non fende en abril non estende. Cobras en marzo, neves en abril.

O sol de marzo mata a dama no palacio, o de abril mata o porco o cubil e o de maio mátao no pasto (recollido en Sarria).

Codex Manesse /Dixitalización da Universidade de Heidelberg ( http://digi.ub.uni-heidelberg.de/)

E como este mes é un mes de mulleres, póñovos enlace ao artigo de La Voz de Galicia sobre 20 mulleres da cultura en Galicia.

Tamén poño enlace ao interesante artigo de Iria Veiga en Nós, diario, para que vexan eses que consideran as feministas unhas radicais ou obsesas que repiten sen razón un mantra. Segue habendo no mundo razóns para o feminismo, e por iso é necesario seguir coa loita pola visibilidade e polo futuro, polas nosas fillas.

Tamén poño enlace a outra nova relevante relativa ao galego en La Voz de Galicia.

Recomendo tamén o interesante artigo sobre unha moza galego-alemá en La Voz de Galicia.

jueves, 4 de febrero de 2021

Febreiriño corto ...

 Febreiro é un mes curto pero intenso. De frío, sen podermos traballar na terra apenas, á parte de comezar coas podas de froiteiras ...Os días van medrando e hai máis luz. O día 2 é a Candeloria, cando casan os paxariños. Por mediados lembramos o amor e a amizade con actividades da Biblioteca onde pode participar toda a comunidade escolar. 

Animámosvos tamén a seguir cos refráns e aportamos algún noso recollido en Sarria e do que hai variantes noutros lugares:

Febreiriño corto cos seus días vinte e oito; se tivera máis catro, non quedaba can nin gato nin hastas ao carneiro nin orellas ó pigureiro.

Quere dicir que en febreiro, grazas que o mes é curto, porque se non acababa con todo e todos, polo tempo cru característico deste mes. O "pigureiro" é o pastor de ovellas, que ao andar polo monte, está pouco protexido fronte ao frío.

Outro referido tamén a dureza do tempo deste mes é : febreiro frebas dá, se non as deu xa as dará.

Outro máis recollido de Nós, diario (12-2-2021): Polo San Valentiño, a amendoeira esbrocha o grumiño.

Póñovos tamén enlace a un interesante artigo de opinión de Marga do Val en Nós diario: https://www.nosdiario.gal/opinion/marga-do-val/febreiro/20210204204049115205.html

Pero tamén ten cousas boas este mes, como as nabizas, os grelos, ... o entroido cos seus traxes e tradicións, ... as sobremesas de entroido.

De nabizas e grelos fala tamén Nós, diario hoxe. As nabizas son as follas do nabo, que poden comerse no comezo do inverno. Mais agora en febreiro saen os grelos, mais tenros e máis saborosos. Son os rebentos que saen da perola do nabo e que máis tarde botarán a flor e a semente. Esta chámase nabiña e ten forma semellante á das coles, chamada coíña.

Lugo ten fama de bos nabos. Antes eran moi consumidos para alimentación do gando pero vanse sementando menos; máis ben só algúns para nabizas. Na TVG saíron en Malicia Noticias hai uns días uns nabos xigantes que chegaban a pesar 13 quilos. Os meus non lles envexan nada, como podedes observar. 




É unha variedade moi produtiva, con enorme perola, que roen con degoro os coellos, e tamén dá moi bos grelos. Noutros lugares de Galicia estes chámanse cimos ou cimóns. Nós recollemos a semente, e nace moi ben.

Tamén é tempo de doces de entroido como as filloas ou as flores. Eu fixen unhas chulas de mazá moi xugosas e sabedeiras.


Xa apuntan as primerias flores: os crocus e os narcisos xa empezaron a florecer e anímanse a saír os gromos do nashim ou pera xaponesa.




Tamén vou poñer enlace ao vídeo sobre a defensa da diversidade lingüística elaborado por varias institucións culturais de diversas comunidades de España. En días anteriores saíron novas sobre as dificultades para empregarmos o galego en certos ámbitos como o da xustiza, onde despois de 33 anos de normalización lingüística seguimos tendo un 1% de uso do galego e moitas dificultades se queremos facer unha denuncia na nosa lingua.,https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/horas-comisaria-poder-poner-denuncia-galego/20210209165532115457.html .

Para os interesados na poesía galega, poño enlace á nova sobre Alba Cid e o seu recente Premio Nacional  de poesía joven Miguel Hernández: https://praza.gal/cultura/en-mais-dun-caso-a-poesia-galega-contemporanea-foi-quen-de-adiantar-exploracions-tematicas-ou-abrir-linas-de-fuga

Para rematarmos o mes alegremente, poño algo de música, un enlace a un vídeo de Xavier Díaz e adufeiras de salitre, grupo do que forma parte a profesora do noso centro Noemí Basanta. Fermosa música abofé!

E xa para deixarvos, póñovos enlace a unha nova de La Voz de Galicia sobre o novo profesor de galego, que queda no meu posto, Miguel Silva Sande. Estades de sorte!!!  Un artista!!!

O curso pasado xa ecoitaramos na celebración do Día de Rosalía as súa versión da poeta. Espero que saibades aproveitar as súas ensinanzas.

Apertas virtuais a todos!!!!!!! Sede felices pero con xeitiño!!!!!!

💚💜💗💛💓💔💗💚💙💜💛😍💗💖💙💚💛

viernes, 29 de enero de 2021

Paisaxes de paz

 Mirando en Internet para propoñer actividades sobre o Día da Paz vexo este título que me semella suxerente e que casa ben coa actividade que os dun 4º ESO fixeron por iniciativa propia: un mural sobre a paz. As cores dos paxaros representan diferentes bandeiras.


O título lévame a reflexións sobre o tema. Partindo de frases sobre a paz que aparecen tamén na Internet, como a de Isamu Noguchi (creador do Xardín da paz, na foto abaixo, xunto ao edificio da Unesco en París): "Nós somos unha paisaxe de todo o que vimos".


  Michel Ravassard, CC BY-SA 3.0 IGO  Wikimedia Commons

Paréceme tan certo iso que di!
A paisaxe sempre foi algo importante para nós os galegos, para todos os nosos escritores, e esta moldea a alma.
Como pode haber paz cando todos os días só ves ao teu redor destrución? Como ocorre en tantos lugares do mundo como Palestina, Siria, Libia, Somalia... cando todo ao teu redor é miseria e inxustiza? 
Non pode haber paz se non hai xustiza, se non hai dignidade, se non contas co imprescindible para vivir, se non hai igualdade. Tampouco sen auga potable, imprescindible para a vida. Por iso as xentes no mundo actual teñen que ver paisaxes indesexadas que non son de paz, que non lles permiten crecer como persoas. 
Deberiamos sentirnos privilexiados por estarmos nunha paisaxe de paz e facermos o posíbel para que non mude, porque as consecuencias diso son devastadoras para os individuos. 
Paisaxes de paz son os bosques antigos de árbores autóctonas que aparecen nas fotos de paisaxes galegas senlleiras en La Voz de Galicia. 



Tamén me chamou a atención neste diario hoxe unha ilustración nun artigo de opinión que ten por protagonistas dous nenos emigrantes explotados. Moitas paisaxes non deberían existir, pero hainas: a destrución en Palestina, os asentamentos xudíos, a paisaxe desolada que deixan as guerras, as fábricas téxtiles e as minas onde traballan nenos metendo os seus corpos miúdos entre as fendeduras do terreo...



Aquí entre nós tamén é preciso traballar pola paz desde a educación e a formación en valores. Ensinar actitudes de respecto polos demais, de respecto á diversidade, de colaboración e resolución pacífica dos conflitos.






miércoles, 20 de enero de 2021

A Xela Arias In memoriam

 Comezou un novo ano coa esperanza de que as cousas vaian a mellor, pois o pasado xa foi bastante desventurado, e os humanos temos límite de resistencia á adversidade. Por iso acáelle ben o dito: 

Ano novo con ben veñas,

como o sol entre as estrelas,

os cabritos coas cabras

e os años coas ovellas.

Seguimos cos refráns dos meses e xa houbo aportacións interesantes do alumnado, que poñeremos e tamén vou facer eu algunha.

Por ex. algúns refírense ao crecemento dos días que inflúe no ánimo da xente, na produción de ovos das pitas, que vai a máis; outros aluden á climatoloxía ou aos labores propios deste tempo.

Aí van uns cantos: 

As verzas en xaneiro saben  a carneiro; en marzo darllas ao criado; en outono volven ao mesmo dono (recollido en Sarria); Por San Xulián adianta o día o paso dun canXaneiro xieiro. A madeira da túa casa en xaneiro has de cortala; En xaneiro, pon o alleiro; En xaneiro, dúas capas e un sombreiro; Chamáchesme galo cairo porque nacín en xaneiro, mais se o zorro non me come, hei cantar no teu poleiro (tamén de Sarria). En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro; Polo Santo Antón xa a galiña pon, pola Candelaria, a boa e a mala.

Coñecemos recentemente a nova da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Xela Arias. Case inmediatamente puxémonos a traballar na difusión da súa obra entre o alumnado e estamos á agarda das súas creacións.



💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧

 


Moitas persoas sentíronse conmovidas pola súa morte temperá e subscribirían sen dúbida estes versos:



O MEU 💙 ESTÁ 

SEN TI

AO VENTIMPERIO


                             
                        Foto de Gelís López (DSC_8010) tirada no Courel, do blog 

                                                           allidondereinalacalma.blogspot.com

  Poño tamén un enlace a un poema de Cristal Méndez Queizán adicado a Xela Arias e ao seu libro Darío A diario.

E remato cos meus poemas escritos na súa memoria.

I. A Xela Arias, in memoriam

Na noite de insomnio

xorden par ti

palabras,

Xela Arias.

Fuches da terra ao mar

ave ávida de vida

liberdade.

Os teus pés

levaban na memoria

o tacto da terra

 o voo das aves

os prados os bosques antigos 

da Vilerma.

Logo veu o mar

e as algas

a busca da voz.

A fala foi compás

para moverte na cidade

ameazada

polo ruído de máquinas.

No medio do tráfico

andaches veloz

ás veces ás apalpadas.

Levaches unha vida

fulgurante e rápida.

Goza de paz e acougo,

Xela Arias!

II. O idioma

O idioma é iso

que nos fai sentir vivos

saltimbanquis

mantendo o necesario equilibrio

meténdome 

nun mar abisal de algas e salitre

ondas que nos fan sentir bicos

amar o mar

amigo de peixes algas verdes visguentas

sentindo o arrolo

de sons e auga

surfeando na táboa

con medo a caermos

érgueteme manténteme

protéxeme da destrución

da nada.

Entre a tempestade e  a calma

sentimentos encontrados.

Tes que estar tes que ser

ou non somos

nada.

O idioma: ese mar 

que por enteiro me asolaga!

jueves, 10 de diciembre de 2020

Decembrar

 Hai uns días lin no xornal Nós diario un interesante artigo de opinión de Mª Pilar García Negro con ese título.

E así aprendin unha palabra nova sobre o tempo meteorolóxico. Unha palabra tan natural e nunca vista por min, como tampouco o substantivo decembra. Póñovos o enlace.

E si, temos un tempo propio de decembro; tivemos neve, sarabia, temos frío e choiva durante días. O agardado no inverno, aínda que vén un pouco cedo.


Póñovos as pobres pitiñas paticando pola neve e o horto e os campos cubertos cando empezaba a derreterse.


Seguiremos tamén cos refráns, que xa está a recoller o alumnado e a ilustrar.







Para decembro propoño De Santos a Nadal é o inverno natural; No Nadal alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote; Os allos en Nadal nin nados nin por sementar.

Tamén vos vou falar do concurso dos youtubeiros para promocionar o uso do galego na rede. Póñovos un enlace á nova sobre os premiados en Praza Pública. Paréceme especialmente simpático o do rapaz nacido en Perú que planta patacas e cociña.

Seguindo con Nós diario, vemos novas sobre o apalpador, que en breve vai achegarse polo Nadal. Non diredes que non é ben máis bonito que o Papá Noel que ultimamente está ata na sopa!

E tamén vou poñer algo sobre as manifestacións natalicias do noso alumnado, aínda que sexa un Nadal apagado polas circunstancias que vivimos. Velaí a árbore de Nadal de 4º A.




O alumnado de 2º ESO tamén colaborou co profesorado de varios seminarios para a instalación que se fixo no corredor exterior entre os edificios, que pon en relevo os cambios nas relacións aos que obriga a covid-19. O nome desta é "O xardín das apertas". Os alumnos colaboraron con reflexións acerca dos cambios que trouxo nas relacións persoais e na vida cotiá do centro a pandemia.

No recreo fíxose un baile no patio exterior onde participaron alumnos e algunhas profesoras.
Póñovos algunhas fotos:








Rematamos cunha boa nova publicada hoxe: a Real Academia Galega decidiu dedicar o ano 2021 a homenaxear a sarriá Xela Arias. Póñovos o enlace á nova en Faro de Vigo.

 E agora quero enviarvos tamén unha mensaxe de bos desexos para este Nadal e para o ano vindeiro a todos.

💝💝💝👼👼💏💏👩👩👪👪👪💖💖💖👦👦👦🙌🙌😸😸😏😐💗💗💗



lunes, 2 de noviembre de 2020

A proxección internacional do galego

 Recoméndovos ler un artigo sobre a aprendizaxe do galego en Londres, publicado en Praza Pública.

Hai xa un tempo que o galego deixou de ser unha ligua que só interesa na aldea. Agora xa circula pola aldea global.https://praza.gal/mundo/galego-en-londres-descubrir-galicia-nunha-aula-do-reino-unido.

Tamén a entrevista a Martín Veiga , director do Centro Irlandés de Estudos Galegos de Cork, Irlanda en La Voz de Galicia.

Continuando co tema da entrada póñovos información publicada no xornal Galicia Exterior o 17 de nov. de 2020 sobre os estudos de galego no mundo.

Hogano estúdase galego en 36 universidades situadas en diversos países do mundo, onde traballan 27 lectores de galego, licenciados en Filoloxía Galega, dando clase de lingua e cultura galegas, conversación,...etc.

E xa orientando o asunto en relación coa materia que está a dar o meu alumnado de 4º e 2º de Bac este ano, direi tamén que a Xeración Nós, da que arestora celebramos o centenario, foi pioneira nisto de relacionar a nosa cultura coa cultura europea e polo tanto de inserirnos no hábitat cultural que nos corresponde. Por ex. fixérono traducindo ao galego fragmentos do Ulises de James Joyce (Otero Pedrayo).

Aínda que pareza que non ten relación con isto, vou compartir convosco unha foto dun souto que fixen a fin de semana. A relación co tema é que, como dicía Otero Pedrayo, a paisaxe é un elemento fundamental do que somos. Por iso debería permanecer sen modificacións esenciais. Supoño que estaredes de acordo que un souto coidado coma o da foto merece pervivir pola súa beleza e mesmo pola súa  utilidade. Non preferiredes a eucaliptización que nos asola actualmente!

Ademais, como diciá Castelao, a mellor maneira de proxectarnos fóra é afirmando a nosa identidade, coñecendo o noso para partir cara ao universal.



Máis recentemente (2014) varios autores recibiron o Premio Nacional de Tradución pola tradución desa obra enteira.

Tamén quería dar noticia da incorporación dunha muller máis na RAG, a catedrática de Lingüística Románica Mª Dolores Sánchez Palomino, profesora na Universidade da Coruña e que fora compañeira da nosa promoción de Filoloxía Románica. Parabéns polo seu importante traballo e éxito.



jueves, 22 de octubre de 2020

Outono de éxito para as escritoras galegas


 Historicamente vénselle dando maior relevancia é escrita feita por homes, mais pouco a pouco as mulleres van acadando un lugar importante nas letras, e Galicia non é unha excepción.

No xornal Praza pública adícanlles un importante artigo aos éxitos recentes destas escritoras, que copan o ránking dos premios literarios, varios mesmo a nivel nacional, especialmente no eido da poesía.

Poño enlace ao artigo de Praza pública

No mesmo xornal publicouse un artigo de opinión de Berta Dávila sobre a escrita feminina, co gallo da celebración do Día da escritora (19 de outubro).

En El Progreso  aparece un artigo sobre Olga Novo, poeta de Pobra de Brollón, unha das galardoadas.

En La Voz de Galicia aparece o interesante artigo sobre outra das premiadas, Alba Cid.

E antes xa saira en Praza pública outro sobre Oriana Méndez, autora de O corazón pronúnciase extenso, gañadora do premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón (este é algo anterior, de abril do 2020).