Mirando en Internet para propoñer actividades sobre o Día da Paz vexo este título que me semella suxerente e que casa ben coa actividade que os dun 4º ESO fixeron por iniciativa propia: un mural sobre a paz. As cores dos paxaros representan diferentes bandeiras.
viernes, 29 de enero de 2021
Paisaxes de paz
miércoles, 20 de enero de 2021
A Xela Arias In memoriam
Comezou un novo ano coa esperanza de que as cousas vaian a mellor, pois o pasado xa foi bastante desventurado, e os humanos temos límite de resistencia á adversidade. Por iso acáelle ben o dito:
Ano novo con ben veñas,
como o sol entre as estrelas,
os cabritos coas cabras
e os años coas ovellas.
Seguimos cos refráns dos meses e xa houbo aportacións interesantes do alumnado, que poñeremos e tamén vou facer eu algunha.
Por ex. algúns refírense ao crecemento dos días que inflúe no ánimo da xente, na produción de ovos das pitas, que vai a máis; outros aluden á climatoloxía ou aos labores propios deste tempo.
Aí van uns cantos:
As verzas en xaneiro saben a carneiro; en marzo darllas ao criado; en outono volven ao mesmo dono (recollido en Sarria); Por San Xulián adianta o día o paso dun can; Xaneiro xieiro. A madeira da túa casa en xaneiro has de cortala; En xaneiro, pon o alleiro; En xaneiro, dúas capas e un sombreiro; Chamáchesme galo cairo porque nacín en xaneiro, mais se o zorro non me come, hei cantar no teu poleiro (tamén de Sarria). En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro; Polo Santo Antón xa a galiña pon, pola Candelaria, a boa e a mala.
Coñecemos recentemente a nova da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Xela Arias. Case inmediatamente puxémonos a traballar na difusión da súa obra entre o alumnado e estamos á agarda das súas creacións.
💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧💧
Moitas persoas sentíronse conmovidas pola súa morte temperá e subscribirían sen dúbida estes versos:
O MEU 💙 ESTÁ
SEN TI
AO VENTIMPERIO
Foto de Gelís López (DSC_8010) tirada no Courel, do blog
allidondereinalacalma.blogspot.com
Poño tamén un enlace a un poema de Cristal Méndez Queizán adicado a Xela Arias e ao seu libro Darío A diario.
E remato cos meus poemas escritos na súa memoria.
I. A Xela Arias, in memoriam
Na noite de insomnio
xorden par ti
palabras,
Xela Arias.
Fuches da terra ao mar
ave ávida de vida
liberdade.
Os teus pés
levaban na memoria
o tacto da terra
o voo das aves
os prados os bosques antigos
da Vilerma.
Logo veu o mar
e as algas
a busca da voz.
A fala foi compás
para moverte na cidade
ameazada
polo ruído de máquinas.
No medio do tráfico
andaches veloz
ás veces ás apalpadas.
Levaches unha vida
fulgurante e rápida.
Goza de paz e acougo,
Xela Arias!
II. O idioma
O idioma é iso
que nos fai sentir vivos
saltimbanquis
mantendo o necesario equilibrio
meténdome
nun mar abisal de algas e salitre
ondas que nos fan sentir bicos
amar o mar
amigo de peixes algas verdes visguentas
sentindo o arrolo
de sons e auga
surfeando na táboa
con medo a caermos
érgueteme manténteme
protéxeme da destrución
da nada.
Entre a tempestade e a calma
sentimentos encontrados.
Tes que estar tes que ser
ou non somos
nada.
O idioma: ese mar
que por enteiro me asolaga!
jueves, 10 de diciembre de 2020
Decembrar
Hai uns días lin no xornal Nós diario un interesante artigo de opinión de Mª Pilar García Negro con ese título.
E así aprendin unha palabra nova sobre o tempo meteorolóxico. Unha palabra tan natural e nunca vista por min, como tampouco o substantivo decembra. Póñovos o enlace.
E si, temos un tempo propio de decembro; tivemos neve, sarabia, temos frío e choiva durante días. O agardado no inverno, aínda que vén un pouco cedo.
Seguiremos tamén cos refráns, que xa está a recoller o alumnado e a ilustrar.
Para decembro propoño De Santos a Nadal é o inverno natural; No Nadal alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote; Os allos en Nadal nin nados nin por sementar.
Tamén vos vou falar do concurso dos youtubeiros para promocionar o uso do galego na rede. Póñovos un enlace á nova sobre os premiados en Praza Pública. Paréceme especialmente simpático o do rapaz nacido en Perú que planta patacas e cociña.
Seguindo con Nós diario, vemos novas sobre o apalpador, que en breve vai achegarse polo Nadal. Non diredes que non é ben máis bonito que o Papá Noel que ultimamente está ata na sopa!
E tamén vou poñer algo sobre as manifestacións natalicias do noso alumnado, aínda que sexa un Nadal apagado polas circunstancias que vivimos. Velaí a árbore de Nadal de 4º A.
lunes, 2 de noviembre de 2020
A proxección internacional do galego
Recoméndovos ler un artigo sobre a aprendizaxe do galego en Londres, publicado en Praza Pública.
Hai xa un tempo que o galego deixou de ser unha ligua que só interesa na aldea. Agora xa circula pola aldea global.https://praza.gal/mundo/galego-en-londres-descubrir-galicia-nunha-aula-do-reino-unido.
Tamén a entrevista a Martín Veiga , director do Centro Irlandés de Estudos Galegos de Cork, Irlanda en La Voz de Galicia.
Continuando co tema da entrada póñovos información publicada no xornal Galicia Exterior o 17 de nov. de 2020 sobre os estudos de galego no mundo.
Hogano estúdase galego en 36 universidades situadas en diversos países do mundo, onde traballan 27 lectores de galego, licenciados en Filoloxía Galega, dando clase de lingua e cultura galegas, conversación,...etc.
E xa orientando o asunto en relación coa materia que está a dar o meu alumnado de 4º e 2º de Bac este ano, direi tamén que a Xeración Nós, da que arestora celebramos o centenario, foi pioneira nisto de relacionar a nosa cultura coa cultura europea e polo tanto de inserirnos no hábitat cultural que nos corresponde. Por ex. fixérono traducindo ao galego fragmentos do Ulises de James Joyce (Otero Pedrayo).
Aínda que pareza que non ten relación con isto, vou compartir convosco unha foto dun souto que fixen a fin de semana. A relación co tema é que, como dicía Otero Pedrayo, a paisaxe é un elemento fundamental do que somos. Por iso debería permanecer sen modificacións esenciais. Supoño que estaredes de acordo que un souto coidado coma o da foto merece pervivir pola súa beleza e mesmo pola súa utilidade. Non preferiredes a eucaliptización que nos asola actualmente!
Ademais, como diciá Castelao, a mellor maneira de proxectarnos fóra é afirmando a nosa identidade, coñecendo o noso para partir cara ao universal.
Máis recentemente (2014) varios autores recibiron o Premio Nacional de Tradución pola tradución desa obra enteira.
Tamén quería dar noticia da incorporación dunha muller máis na RAG, a catedrática de Lingüística Románica Mª Dolores Sánchez Palomino, profesora na Universidade da Coruña e que fora compañeira da nosa promoción de Filoloxía Románica. Parabéns polo seu importante traballo e éxito.
jueves, 22 de octubre de 2020
Outono de éxito para as escritoras galegas
Historicamente vénselle dando maior relevancia é escrita feita por homes, mais pouco a pouco as mulleres van acadando un lugar importante nas letras, e Galicia non é unha excepción.
No xornal Praza pública adícanlles un importante artigo aos éxitos recentes destas escritoras, que copan o ránking dos premios literarios, varios mesmo a nivel nacional, especialmente no eido da poesía.
Poño enlace ao artigo de Praza pública
No mesmo xornal publicouse un artigo de opinión de Berta Dávila sobre a escrita feminina, co gallo da celebración do Día da escritora (19 de outubro).
En El Progreso aparece un artigo sobre Olga Novo, poeta de Pobra de Brollón, unha das galardoadas.
En La Voz de Galicia aparece o interesante artigo sobre outra das premiadas, Alba Cid.
E antes xa saira en Praza pública outro sobre Oriana Méndez, autora de O corazón pronúnciase extenso, gañadora do premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón (este é algo anterior, de abril do 2020).
martes, 22 de septiembre de 2020
Volvemos ... Benvidos: saúde e sorte, compañeiros
Anuncian chuvias...que non acaban de chegar, cambio de tempo, cambio de ánimo e disposición...
Expectativas.
Dispostos a volver. collemos folgos, preparámonos a disfrutar da estación que se aveciña, con novas cores, novos olores e novos sabores.
Benvidos. Comezamos a singradura, con incertidume, con enerxía, con esperanza e ilusión no porvir...
sentimentos encontrados mais firmes propósitos de servir de apoio aos que nos rodean.
Compartindo vivencias desde estas páxinas.
Para empezar retomamos a reflexión e traballo con refráns comezada no curso pasado.
Para estes días son axeitados por ex. estes:
San Miguel das uvas maduras, moito me tardas e pouco me duras, En setembro, vendima correndo. Setembro ou leva as pontes ou seca as fontes. Temperá é a castaña que por setembro regaña.
Choupín choupiñeiro, onde está o teu compañeiro?
A horta de outono mantén o seu dono
(É evidente a verdade do refrán como se ve nas fotos tiradas en novembro deste ano)
Tamén vos poño foto dos figos migueleños, todo azucre, que están agora en sazón.
O San Miguel foi o 29 de setembro.
É tempo de apañar as castañas, que foron caendo dos ourizos regañados, de secalas e de facer o magosto.
Para os de 2º Bac, vou poñer un enlace ao vídeo sobre a gheada.
jueves, 25 de junio de 2020
Máis sobre o Día de Rosalía: fotos de actividades, refráns 4º, traballos sobre léxico 2º Bac.
Tamén vou incluír un enlace á nova sobre a publicación do cómic sobre Elisa e Marcela por parte de Xulia Vicente con motivo do Día do Orgullo.
Recomendo tamén o artigo de opinión de Mª Xosé Queizán en Praza pública.
Rutas Literarias do Museo Provincial de Lugo:
Unha aperta!

_in_Spring.jpg)



































