miércoles, 6 de noviembre de 2019

A tradición do samaín

Publico esta entrada coa intención de dar a coñecer a tradición do samaín, especialmente para aquel alumnado que vén de fóra e descoñece a orixe desta celebración.

Trátase dunha tradición moi antiga, cuns 3000 anos de antigüidade, que provén dos celtas. Samaín significa en gaélico "fin do verán". É dicir, dá comezo ao período considerado escuro, en que rematan as colleitas,  pois no tempo frío non se pode sementar, e isto prodúcese o 31 de outubro.
A festa entendíase como unha celebración en que os vivos e os mortos entraban en contacto; críase que ese día os mortos podían acudir a comer e beber ás súas casas. polo que se dispuñan altares con comida e bebidas para eles nas portas das casas e facíanse grandes fogueiras
En Galicia, soíanse poñer candeas ou brasas no interior de nabos ou cabazas previamente baleiradas para que se mantivera a luminaria sen se apagar co vento ou a choiva, co que se cumpriría o ritual de guiar as ánimas que esa noite andaban liberadas polos camiños. Tamén podía cumprir outro fin, que sería meter medo aos nenos.
A tradición mantívose viva especialmente nalgunhas zonas de Galicia, como Cedeira, onde ás cabazas lles chaman calacús, e recentemente estase a recuperar en moitos outros lugares, grazas ao labor desenvolvido nas escolas.
Entendemos que ten moito sentido revivir as nosas raíces en lugar de copiar o que os americanos nos exportan como algo seu, cando en realidade é algo que primeiro houbo aquí e que eles fixeron derivar nunha cousa distinta e moito máis macabra.
O samaín é unha tradición ancestral que logo foi cristianizada, asociándose ao Día de defuntos e despois ao Día de Todos os Santos.
No mundo anglosaxón derivou no Hallowen, que significa Día de Todos os Santos.

Esta tradición aparece por ex. na película de Oliver Laxe "O que arde", situada no Courel.

No xornal El Progreso alude tamén a unha tradición local sarriá que era facer "santos", uns bonecos de masa doces que se comían por esas datas (lembro mercalos de nena na cantina da miña parroquia). Agora volven facelos nalgún establecemento da vila.
Lástima que a noticia se escriba en castelán. 

Sería interesante que o alumnado se implicase un pouco máis nesta celebración.

Póñovos un enlace a imaxe da wikipedia sobre decoración do samhaín. Nela vense nabos e cabazas decorados.
.
O outono é ademais tempo de colleitas antes da chegada dos fríos do inverno. Póñovos algunhas fotos para ambientar a entrada un pouco.

Roxamos o forno para facermos pan e empanada, porque como di o refrán: Tempo frío e fornos quentes, alegría prós meus dentes.











Tamén probamos a cultivar millo branco, que é ese que tedes abaixo. Era unha variedade autóctona que se usaba para comer a xente; chamábanlle tamén millo da xente. Colgámolo nun cabo para que  seque. Logo degrañámolo e moémolo e peneiramos a fariña con idea de elaborar pratos tradicionais que facía miña nai cando eramos nenos: a torta de millo e as papas de millo.


Na casa dos avós fixeron algúns arranxos. Na entrada consérvase unha árbore xenealóxica da familia.


Velaí o meu bodegón, coas mostras da colleita enriba da artesa onde amaso o pan.


E tamén vos poño unha das galletas que fixo a miña amiga Rocío para o Samaín e unha torta decorada cunha tea de araña.





Debaixo móstrovos o hórreo da casa dos avós, que se mantén como vedes, aínda que agora terá pouco uso. Lembro a avoa sentada xunto da porta degrañando millo para dárllelo ás pitas.





Mirando en internet atopei este fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro que fala sobre o hórreo e as paisaxes da infancia, esas que nos conforman, segundo di Oliver Laxe, o famoso cineasta.

Daquil perdido Edén soio me queda,
na néboa da memoria, un hórreo.
Un mundo, ¡tan inorme!,
nas tépedas tardiñas do outono.

Alí o fogar, alí a oficiña,
alá o teatro i os cómicos.

Alí navigaciós e viaxes,
alá cantigas e contos.

Brincaba a ser un home sin sabere
que era moi triste aquil meu xogo.

Todo pasóu. A vida
foi polo tempo dando tombos.

De todo me esquecín. Soio me lembro
daquil Edén, na sombra  daquil hórreo.

Celso Emilio Ferreiro
(Longa noite de pedra, 1962)

No hay comentarios:

Publicar un comentario