lunes, 25 de noviembre de 2019

O comentario de textos: "Na taberna", de Ramón Cabanillas e "Toda humilde belleza", de Noriega Varela




..........Na taberna



Os mozos mariñeiros da fiada

lémbranse rindo alleos de coidados;

cheira a aceite e pemento requeimados

rustrido de xurés en caldeirada.



Conta o patrón nun corro a treboada

do ano setenta –historia de afogados–;

e empuxándose, inando, entran mollados

os homes dunha "lancha de enviada".



Pasa de man en man a xerra roiba

de albariño, e namentres cae a choiva

o vento fai tremar a casa enteira,



detrás do mostrador clarexa o ceo

nas trenzas de ouro, no mirar sereo,

na sorrisa de luz da taberneira.


Ramón Cabanillas, No desterro,1913

A foto e o texto sacámolos da unidade da AELG sobre o autor.


Para facermos un comentario de textos, o primeiro paso é lérmolo as veces que sexa preciso. A seguir, consultaremos as dúbidas, por ex. mirando nun dicionario as palabras descoñecidas ou noutras fontes.

Aclaracións sobre o vocabulario:

fiada: reunión de veciños para fiar liño ou la. Normalmente neses traballos colectivos tamén se facía festa.
alleos de coidados: despreocupados.
rustrido: adubo feito con aceite, allo e pemento para dar sabor á comida.
xurés:  peixe azul. A norma actual é xureis.
inar (inando) impar. Facer o ruído característico do impo. Saloucar, arfar, respirar con dificultade.
"lancha da enviada" lancha de socorro.
roiba cor dourada do viño albariño
tremar O normativo é tremer. Estremecerse pola acción do vento e a choiva.
sorrisa O normativo é sorriso.

Unha vez lido e entendido o texto, comezamos o comentario.

Empezamos por unha pequena introdución na que situamos o texto en relación co contexto histórico, social, político. Indicamos o autor, a obra, o movemento literario. A continuación indicamos o xénero literario.Logo a perspectiva que adopta o autor.
Despois dicimos cal é a temática e o tema concreto. A seguir indicamos a estrutura.

O paso seguinte é a análise da linguaxe tendo en conta os diversos niveis desta: nivel fónico, nivel morfosintáctico e nivel léxico semántico. En cada nivel analizamos os recursos literarios propios dese nivel.
Pasamos entón á interpretación do contido.
Finalmente, facemos unha pequena conclusión.

O poema "Na taberna" pertence á primeira obra de R. Cabanillas titulada No desterro. Esta publicouse en 1913. A época é a preguerra, unha etapa moi importante na literatura galega polo número e calidade das obras literarias publicadas. Isto foi posible grazas á evolución do galeguismo que se transformou en nacionalismo co nacemento das Irmandades da Fala (1916;1918).
R. Cabanillas foi coñecido como o "poeta da raza" pola súa colaboración coas iniciativas da época: as Irmandades, o movemento agrario e pola súa poesía combativa e anticaciquil, que lembraba a de Curros.Considérase o poeta máis importante da súa xeración por combinar na súa obra elementos que lembran os grandes autores do Rexurdimento xunto con outros innovadores: a influencia do modernismo e do saudosismo.

Este poema pertence á súa poesía lírica, xa que predomina nel a expresión dos sentimentos do autor.
A temática é costumista, pois presenta unha escena típica: recrea un ambiente. O costumismo de Cabanillas é innovador por incluír elementos do modernismo.
O tema o ambiente dunha taberna mariñeira.

Respecto á estrutura, `podemos dividir o texto nas seguintes partes:

1ª parte: versos 1 a 8 Trata sobre o que fan as persoas na taberna: os mozos/o patrón.
2ª parte: versos 9 a 11 Contraste entre o que se fai dentro e o que pasa fóra.
3ª parte: versos 12 a 14 O efecto marabilloso da taberneira.

Polo que se refire á linguaxe, no plano fónico destaca o seguinte:

Trátase dun texto formado por catorce versos hendecasílabos con rima consonante distribuída como segue: ABBA,ABBA,CCD,EED. Polo tanto é un soneto, unha estrofa clásica.

No plano morfosintáctico destaca o predominio dos substantivos e adxectivos que axudan a describir o ambiente que o autor intenta recrear.
No comezo do texto aparece un hipérbato: "os mozos mariñeiros da fiada lémbranse"... Na seguinte estrofa tamén están desprazados do lugar habitual os suxeitos das oracións, que aparecen despois do verbo: o patrón, os homes. Deste xeito faise énfase nas accións.
Os verbos están en presente de indicativo ou en xerundio, o que indica acción durativa.
No plano léxico semántico usa vocabulario corrente relacionado con accións cotiás dos mariñeiros no tempo de descanso: contar historias, falar, beber viño, co estado anímico: alleos de coidados, mirar sereo...
Para recrear o ambiente usa substantivos e adxectivos e presta especial atención ás sensacións percibidas por diferentes sentidos: auditivas (o riso, as historias que escoitan, o son da choiva e o vento, o de impar), olfactivas (cheira a aceite e pemento requeimados, rustido de xurés en caldeirada), cromáticas (a cor roiba do viño, as trenzas de ouro da taberneira). Este é un trazo modernista.
Ademais aparecen recursos literarios como a antítese: o contraste entre o que ocorre fóra e dentro da taberna. Mentres fóra se conxuran os elementos para crear desasosego, dentro respírase paz e tranquilidade. Usa a hipérbole: "e o vento fai tremar a casa toda".
Tamén hai imaxes como "as trenzas de ouro", "a sorrisa de luz da taberneira". O ouro pode connotar beleza, riqueza, paz e a luz brillo, fermosura, sabedoría e acougo.
Tamén está usado metaforicamente "Detrás do mostrador clarexa o ceo". É dicir, a beleza e o acollemento que atopan os mozos por parte da rapaza fanos sentir ben, como se o mundo exterior non existise. Fanlles sentir que o mundo é perfecto. Esquecen calquera aspecto negativo que poida haber.

Podemos interpretar o contido como segue:

O poeta fálanos duns mariñeiros que se atopan reunidos na taberna ao regreso do seu traballo no mar. Con eles está tamén o patrón e entretéñense falando de lembranzas e naufraxios, mentres beben albariño (isto permite situar a taberna pola zona de Cambados, lugar onde naceu Cabanillas). Están relaxados e entón entran os membros dunha lancha de socorro.
Remata a historia falando da paz que se respira na taberna, en boa parte debida á presenza da fermosa taberneira.

O poeta recrea marabillosamente o ambiente dunha taberna dunha pequena poboación mariñeira cunhas poucas pinceladas e escollendo o léxico, fixándose nas percepcións sensoriais que a definen, como os olores, os sons, as cores que lle dan a súa peculiaridade. Nela atopan acougo os mariñeiros despois da dura xornada no mar, protexidos dos elementos e contemplando a beleza da taberneira.



A seguir imos comentar un dos poemas máis fermosos de Antonio Noriega Varela.


Toda humilde belleza

Vago xirón de brétema, atavío

soberbio da irta xesta, reidora,

fulgurante doíña de rocío

(pazo do sol e lágrima da aurora);



raiola de luar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,               
ou das redes da a araña un tenue fío,
toda humilde beleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso… Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,

que nos mantos dos pinos, que se engríen,

que nas blondas do mar, que se rebela.
          Do ermo

Para o presente comentario imos seguir o publicado no libro Lecturas de Nós, de Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Comezamos polo léxico.


fulgurante brillante, que desprende luz, resplandecente
doa cada bóla dun colar
irta ergueita, erecta
caro querido
nume a inspiración poética
blondas hoxe diriamos  ondas do mar
engreirse castelanismo, mostrase orgulloso, fachendoso

Ramón Gutiérrez considera que este poema pertence á etapa do poeta do lirismo da natureza. É un texto moi logrado no que o autor rompe coa súa produción anterior, que continuaba o ronsel costumista do séc. XIX, para incorporar elementos relacionados co saudosismo portugués de poetas como Antero de Quental, Guerra Junqueiro ou Teixeira de Pascoaes. 
O texto pertence polo tanto, á poesía máis excelsa e orixinal do autor e nel dá conta do santuario que é para o poeta a montaña espida e inhóspita (o ermo), un locus amoenus onde o vate se recrea na contemplación dos aspectos mínimos do cosmos, facendo unha loanza á vida retirada e amosando unha vocación de misantropía.

No texto o poeta declara a súa fascinación polos elementos máis humildes da paisaxe montesía como a brétema, a pinga de orballo, a flor do toxo ou o vagalume, que iluminan a súa musa, fronte a outros esplendorosos, soberbios e bravíos, que conforman o aspecto máis perceptible da paisaxe, pero non teñen un engado especial para o eu lírico.
Isto ten que ver coa concepción franciscana do autor, que recorre á nominación deses elementos mínimos que conmoven o seu ánimo.

A estrutura do texto é : primeira parte, os dous serventesios onde presenta o tema. A beleza presente en aspectos da natureza que soen pasar inadvertidos. A segunda parte fórmana os tercetos, onde se reforza e contrasta a idea temática. A inspiración do poeta baséase nos elementos humildes, opostos a outros máis maxestosos, que non merecen a súa atención.
Todo o poema aglutina moitos termos alusivos á natureza e algúns tamén teñen relación coa temporalidade, como a aurora, o lunar ou a estrela, e tamén as flores do toxo ou as rosas, que nos remiten á primavera.

A primeira estrofa está ateigada de imaxes que revelan unha mutación ou metamorfose. Esta prodúcese grazas a unha serie de metáforas en aposición. A brétema faise atavío soberbio da irta xesta; a pinga de orballo transfórmase en pazo do sol e lágrima da aurora. Nesa dobre imaxe hai ademais unha hipérbole e unha personificación, que resaltan a magnificencia e tenrura das cousas humildes. Os adxectivos tamén contribúen a destacar a dignidade dos elementos nomeados: vago pode interpretarse como "vagoroso" e irta como "erecta" para falar do porte nobre e distinguido da xesta; reidora pode aplicarse á xesta ou á doíña de rocío; esta tamén é enxalzada co adxectivo fulgurante, relativo ao esplendor desa xoia de auga. Ademais nesta estrofa a ausencia de verbos ponnos diante dunha contemplación estática do esplendor e palpitación emotiva dos elementos modestos da natureza.

A estrofa II desenvolve o motivo sentimental co que concluía a anterior (a lágrima) mediante as prosopopeas xeradas polos verbos bica, chora e mais a declaración do eu lírico: toda humilde belleza me namora. A adxectivación é nesta estrofa menos solemne, máis contida: mareliña, tenue, humilde.
Logo vén a alteración sintáctica ou da tea de araña un tenue fío para expresar co hipérbato a emoción do poeta, que volve dicir "toda humilde belleza me namora", verso que constitúe a perfecta síntese da poética de Noriega.

O primeiro terceto enlaza co último verso da estrofa precedente, pois volve aparecer o eu lírico  e resalta  outra vez a súa preferencia polo minúsculo, referíndose agora ao vermiño de luz, incrementado cun sufixo de valor afectivo. O poeta di que o seu nume,  a súa inspiración é debedora dos aspectos sinxelos da natureza, os cales agachan unha poderosa luz reveladora. Isto explica que aparezan tantos elementos luminosos dispersos no poema: fulgurante, sol, aurora, raiola de lunar, vermiño de luz, estrela.

A continuación o eu lírico manifesta a súa opción estética e conecta con outra contraposición  da derradeira estrofa; sen rexeitar  abertamente o esplendor, altiveza e furor da natureza grandiosa, relega estas rechamantes manifestacións a prol do que é pequeno e luminoso.

En resumo, a nominación capta a esencia dos elementos mínimos da natureza, que transmutados, revelan a súa riqueza estética. ao tempo que as personificacións suxiren a emoción que exhalan as cousa humildes, cifra do lirismo franciscano de Noriega Varela.







1 comentario: