lunes, 24 de febrero de 2020

Entroido 2020

Xa vén aí o Entroido, coa súa fartura, co porco de rei. Coas súas cores e festas. Con goces e sombras.
No instituto argallouse unha festa, como non podía ser menos. Imos dar noticia dela.

Colgo algunhas fotos da decoración do centro para estas festas: en primeiro lugar as orellas coas que nos agasallou Xesús, o compañeiro de lingua española co motivo do seu aniversario; logo vén o taboleiro de dinamización lingüística.



Alumnado e profesorado colaboramos para as actividades celebradas o venres a última hora e ata nos atrevemos e marcamos o baile da froita, rematando co lema: "Cinco froitas ao día, daranche moita enerxía".










E tamén poño unha da Panadería Pallares, que soe decorar o seu escaparate segundo a época do ano.



Por outra banda, vouvos falar dalgunha tradición de entroido de mérito na nosa terra. En especial, falarei de entroidos lucenses como o entroido ribeirao de Chantada e o oso de Salcedo, os dous máis importantes na nosa provincia.
Polo que se refire ao primeiro, renaceu polo ano 1996, da man dos veciños de Santiago de Abaixo e algunhas aldeas máis dos arredores, e desde entón non parou de celebrarse. É un entroido moi vistoso, con varios días de celebración, diversos personaxes e mesmo representacións teatrais feitas polos veciños.
Comeza o domingo lambedoiro ou de septuaxésima, tamén coñecido como fareleiro e borralleiro, moi relacionado coa gastronomía, e no que se tisnaba a xente con fariña ou borrallo.
Despois vén o domingo corredoiro ou de sesaxésima en que se fan xogos ou pequenas representacións teatrais.
Logo vén o domingo de quincuaxésima ou domingo de entroido.
Finalmente, é o martes de entroido, no que chegan á vila os volantes, acompañados de numerosas comparsas. Faise o testamento da máscara, onde se repasa a vida dos veciños da zona, En Vilaúxe celebran o enterro do Santo Entroido. Méteno nunha caixa mortuoria e cóbreno con follas. Os volantes bailan arredor del e o cura e o sancristán tentan resucitalo para que non morra a festa. El, finalmente, érguese para regresar o martes de carnaval. O martes volve meterse na caixa, pero agora si é para non volver ata o ano seguinte.
As personaxes deste entroido son os volantes, que levan encol da cabeza enormes puchos que chegan a pesar 15 quilos. Teñen estrutura de madeira de vimbio e deles colgan  as cintas ou colonias. Tamén están adornados con flores de papel ou outras figuras. Os volantes levan nos ombros coloridos panos chamados portugueses. Son personaxes masculinos e a súa vestimenta inferior é de tea con bandas de cores rechamantes (vermella e amarela; hoxe tamén branca e azul). Levan tamén un cinto de coiro de porco do que colgan 24 campás, chamadas machos ou femias, segundo o son que produzan, e que serven para facer ruído e ir anunciando a festa.
Outro personaxe é o peliqueiro, contrapunto do volante. Viste con farrapos e roupa vella. Soe cubrir a cara cunha careta de pel e ten como rol abrirlle camiño ao volante cunha correa de coiro que axita e coa que fai afastar a xente. Por detrás levan unha grande campá do xugo dos bois e tamén levan unha pelica. Podían ir acompañados dos mecos e os maragatos.
A característica máis relevante desta festa son os oficios, pequenas representacións teatrais de ton satírico sobre temas de actualidade que afectan a vida cotiá dos veciños. Non son exclusivos deste entroido pois hainos por ex. en Salcedo (Lugo) ou en Viana do Bolo (Ourense).
A simboloxía deste colorido entroido dise que ten que ver coa fertilidade ou terían a intención de enganar a natureza para que remate o inverno e veñan circunstancias climáticas máis benignas.

Podedes ver máis información nos seguintes enlaces:

https://www.youtube.com/watch?v=CmDLof7TZEY&has_verified=1

https://www.panibericana.com/2019/02/08/entroido-carnaval-lugo-galicia/

Outro entroido orixinal e moi famoso en Lugo é o do Oso de Salcedo.


https://www.youtube.com/watch?v=ngDNWdFAyTo

En Verín, epicentro do entroido, fanse orixinais máscaras de maneira artesanal, como podemos ver no vídeo:   https://youtu.be/IV4_RDbN62A
En Xinzo de Limia, as pantallas saíron hoxe, domingo 16 de febreiro: https://www.youtube.com/watch?v=NOv0xvvExjE












No hay comentarios:

Publicar un comentario