miércoles, 26 de febrero de 2020

A poesía de posguerra: teoría e comentarios

Vou empezar por colgar un vídeo que explica o tema xeral da poesía de posguerra, falando dos autores máis relevantes desta etapa.

https://www.youtube.com/watch?v=itdD2vwdsUY

Vou poñer un enlace ao comentario de textos do poema "Penélope", de Nimbos, de Xosé Mª Díaz Castro, poeta de posguerra da Xeración de 1936, que publiquei noutro blog da miña autoría. A entrada é a do 14 de maio de 2014.

Comentaremos algún dun poeta da Promoción de Enlace e outro da Xeración das Festas Minervais.

"En tódolos pobos hai un neno murcho", Luz Pozo Garza, O paxaro na boca.

En tódolos pobos hai un neno murcho,
 sen niños, nin merlos, nin píos.
Un neno que coñece as esquinas tristes,
cidades somerxidas, peixes mortos
e o laiar da noite coma un anxo negro.

Polo vento morno bolen os paxaros
e as pedras reloucan embaixo das herbas.
Os peixes máis claros esvaran.
Hai festa nos prados.
mais en todas partes hai un neno murcho.
As arbres son gaitas,
mais en todas partes hai un neno murcho.
As rapazas fían,
mais en todas partes hai un neno murcho.
Roca bullangueira,
mais en tódolos pobos hai un neno murcho.

Este poema de Luz Pozo, poeta de posguerra da Promoción de Enlace, insírese na liña solidaria, pois céntrase na figura dun "neno murcho". É un neno triste e pobre, como o dalgún poema de Luis Pimentel ("Enterro do neno pobre", Sombra do aire na herba), de cuxa poesía a poeta fixera un estudo.
Con esta imaxe, o neno murcho que aparece en todos os lugares, a autora pretende denunciar a penuria moral e material da posguerra en Galicia, centrándose na infancia.
Destacan os recursos baseados na repetición de palabras, como a anáfora. O primeiro verso repítese cinco veces no texto, con pequenas variacións. Esta insistencia expresa a penosa realidade que vivían os nenos na época. Ao comezo do poema dise todas as carencias que tiñan (sen...nin...nin), referidas á triste vida que levaban, que se suxire co emprego de adxectivos de connotacións negativas: somerxidas, tristes, mortos. Están rodeados dunha natureza triste, simbolizada polos laios da noite (personificada e comparada cun anxo negro).
Na seguinte estrofa a alegría do ambiente, con paxaros que bolen e mesmo pedras que reloucan, contrasta coa tristeza dese neno anónimo, ao igual cá festa nos prados ou as arbres que tocan a gaita, suponse que coa axuda do vento.
Finalmente, o poema fala de rapazas que fían (converten en fío o liño ou a la), unha actividade que si se facía nas aldeas nese tempo (miña nai aínda a fixo ou as miñas tías), para o que se axudaban coa roca (unha vara delgada cunha parte máis ancha nun extremo no que se ía enrolando o liño ou a la para logo fiala) e co fuso.

Resultado de imagen de fiar liño ou la coa roca imaxe

Imaxe de distintos tipos de roca para fiar, Parderrubias

Agora vai un de Xohana Torres, poeta de posguerra, da Xeración das Festas Minervais, do libro Do sulco (1957),  titulado "Nai".

Tiña unha fita roxa no cabelo.
Lembro tódalas flores dos meus vasos de nena.
Tiña bicos á tarde, que tesouro,
e bulía en buratos pra dentro dos seus ollos.
A tarde tiña ás de paxaro, quentiño, quentiño,
as túas mans, riscadas do traballo,
calaban moitas veces pra carexarme miúdo ...
Eran días sen medo ós corvos sobre  a testa
porque todo era estrela.
Logo, que logo, houbo voar de follas, nomes, xentes.
Abrín portas, pecheinas, non se acouga con tanta multitude;
corrín a ser muller. E na tola carreira, perdín a fita roxa
que me chamaba nena. Debeu levala o vento
co froito dos anos, meus anos ...
¿Pra que terían ás de paxaro os dedos
que niñaban limpezas no cabelo?
Nai onte laveiche os ollos. E na palma mollada
repousaron aquelas tardes, a fita dunha vida mellor.
Ollos da miña nai. Cobizos de lareira sempre o fogo.
Seica os ventos vos perden ou vos choran! ...
Sen eles, miña historia non ten ollos.

O poema é un texto de temática intimista sobre a lembranza da nai. Esta aparece como centro da súa infancia, xa que lle dá agarimo, protección e seguridade na súa vida.
Aparecen símbolos como a estrela, con connotacións positivas, pola luz que desprende e o brillo, relacionadas coas emocións que espertaba nela a nai. Logo vai pasando o tempo, ela deixa de ser nena. Isto exprésao co ·voar da follas", con abrir portas e pechalas, coa carreira para ser muller. Cando un é novo ten moita présa por vivir, por ser adulto, por experimentar novas emocións, mais isto tamén conleva perdas.
Agora mudaron as tornas e é ela quen coida a nai, a que lle lava os ollos cando morre. Entón invádea a nostalxia do pasado, a lembranza da infancia perdida que non volverá, a carón da lareira.
Os ventos, personificados, choran  a morte da nai. 
A fita vermella que aparece en tres ocasións simboliza a inocencia e a pureza da infancia, que ela di que perdeu no paso da infancia á madurez. Debeu levala o vento; e ao final, o vento tamén leva a nai.
A figura da nai aparece asociada a sensacións visuais (a fita vermella), táctiles (bicos, as mans que a carexaban, os dedos tiñan ás de paxaro, a palma mollada)... lémbralle flores, paxaros quentiños. A estes opóñense os corvos, que indican o medo, neutralizado por ela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario