lunes, 4 de mayo de 2020

Maio de letras. Novas tarefas para 4º e 2º de Bac.

Comezamos cun enlace ao traballo do Departamento de Lingua Galega e Literatura e alumnado do CPI dos Dices sobre Ricardo Carballo Calero, o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, publicado en Nós diario. Entre outros contidos, aparece a súa relación con Lugo a través do Colexio de Fingoi, tema sobre o cal xa tivemos a oportunidade de ver a exposicíón no noso centro.

Tamén quero achegarvos algo sobre a tradición dos maios, que se resiste a desaparecer neste ano por culpa do confinamento. En Redondela celebraron maios dixitais ou desde os balcóns, como puidemos ver nos medios de comunicación. Tamén en Ourense houbo maios malia a pandemia. Se vos fixades, vedes que tamén nos maios ten protagonismo a humilde flor amarela chamada pampillo, da que xa vos falara, xunto con outros elementos como os bugallos, o fiúncho ou a xesta.

E xurdiu unha nova versión do célebre poema de Curros Enríquez, O maio.

Tamén nos quedaremos sen Correlingua. A ver se polo menos xorde algunha actividade relacionada con el tamén.

Tarefas para 4º:

Repaso:

1. Recoñecer a estrutura das palabras, os distintos constituíntes que as forman (Poden ser morfemas derivativos: prefixo, sufixo; lexema ou raíz; morfemas flexivos: xénero, número ou os morfemas verbais- VT, MMT,MNP).

 Para iso: A/ segmenta nos seus constituíntes as seguintes palabras: funcionamento, desacougo, percorrido, poemarios, reintegracionismo, vichelogrego, tradicionais, paraugueiro.

B/ Clasifica as palabras en simples, derivadas, compostas e parasintéticas.

2. Indica o xénero destes substantivos: costume, viaxe, ponte, arte, dor.
A seguir busca un adxectivo variable que poida acompañar cada substantivo e constrúe unha oración correcta con cada par (subst. + adx.). Ex. Cor vermella

Avance:

Fai as actividades de ortografía da páx. 139 do libro de texto.

Le a páx. 140 no libro de texto. Logo fai unha refutación dos preconceptos máis frecuentes relacionados co galego (que aparecen no cadro do fondo). É dicir, tes que rebater as ideas erróneas sobre o galego que ás veces se emiten por descoñecemento da realidade.

Entrega ata o 11 de maio.

Para 2º de Bac.:

Vocabulario en relación co tema de semántica e con foto:



Lugar onde se sementan e se crían certas plantas durante un curto período de tempo para seren logo transplantadas.

morteiro, semilleiro, pebideiro, porral, porreiro e sementeiro.

Ex. Sementei un alcouve de leitugas (sembrar, castelanismo). Para teres bos sementeiros, recolle a túa propia semente (e naceránche as leitugas bastas coma pelos de can; non se perderá un gran).

Na primeira foto vese o morteiro onde entresachei as leitugas (fun quitando as sobrantes, rareándoas). Na segunda, no pebideiro que entresachara antes, xa medraron as leitugas (estas, coma nós, precisan de espazo para crecer). E as que están en regos foron transplantadas.

De coñecerdes outros nomes para isto, enviádemos.

Outra maneira de reproducírense as plantas é por esgallos, escallos ou tanos (castelán esquejes).
É dicir, cortando unha galla e plantándoa. Así sairalle logo raíz.

Pero para que unha árbore dea froito de calidade, cómpre enxertala, e isto faise introducindo pugas nun patrón. Este logo ten que prender.

Póñovos tamén unha foto dun cacto chamado rabo de gato, que florece en primavera.


                                   

 A primeira tarefa é a lectura dun artigo sobre o ruralismo e a soberanía alimentaria, de Gustavo Duch. Ler e logo redactar. Facer unha reflexión persoal sobre o tema que comenta o autor no texto (unhas vinte liñas).


Seguimos con tarefas sobre literatura actual:

Poesía dos 80 e os 90. Poesía actual.

Facer as actividades da páx. 261-262 do libro de txto: 2, 5, 7 e 11.
Da páx. 264: 14.

Narrativa:

Da páx. 285: 2,3, 5. 7 e 8.

A data de entrega é ata o 11 de maio.

Póñovos tamén un poema de Emma Pedreira, que foi galardoado como o mellor poema do mundo no IV Premio Internacional de poesía Jovellanos. Espero que vos guste.


‘Lista da compra da viúva’, Emma Pedreira

Lista da compra da viúva
Na lista da compra só hai cousas para min.
Non coitelas, non arrebatadas ameixas e infusións contra doenzas inventadas.
Non hai pan exótico para queimar nunha tixola mentres ti e mentres eu,
non hai caprichos para desfacérseche na lingua.
Nin tabaco para o despois.
Na lista da compra só hai aire e sombra,
ítems dos que eu preciso,
e xa non gasto en comer nin en chorar,
xa non tatúo nada na porta da neveira nin escollo lugares en mapamundis contritos para fixar aquí fomos/ou non/felices.
Na miña lista da compra volven mesturarse os meus dez anos cos meus oitenta.
Hai panos do naris e algodóns e doces polos que doo entre bágoas, entre moas.
Na lista da compra volve haber cousas que fai tempo que non.  Tiritas e suturas, contencións para o desangrase. Fío para o desgarro, xeo para as feridas.
Xa me vou esquecendo de luxar as lúas das uñas con canela e curry, xa non me sinto na danza da fritura e da noite e xa non elixo a froita por como se pareza a súa pel á túa,
afundindo  as miñas xemas dos seus extremos.
Volve haber cigarros, tapóns para os ollos, pinturas para recalcar os meus poros lacazáns, e etiquetas nas que marcar cada lugar de min que non se pode tocar máis.
Volve haber pintalabios que non me arrincarás a beixos, maquillaxe para este último golpe (que irá mudando a súa cor como o plátano maduro), panos de papel para desbordamentos, masilla para as miñas fendas de ruína.
E compresas.
Porque esta mañá -probablemente- perdemos a última oportunidade
de ser os terribles pais
dunha indómita nada.




No hay comentarios:

Publicar un comentario