martes, 21 de abril de 2020

Lirios e rosas para Luz Pozo. Máis tarefas para o alumnado de 2º de Bac. e 4º.

Onte faleceu Luz Pozo, con 97 anos. Tivo unha vida longa e ben aproveitada (publicou durante 70 anos); era unha persoa de vasta cultura, grande talento e vitalidade e deixou unha obra de enorme trascendencia, comezando a tendencia feminina e feminista na nosa poesía xa na posguerra.

Estudámola nos dous cursos, polo que vou mandar ler dous artigos de prensa sobre ela e tamén facer algún comentario de texto.
Poño unhas fotos de flores que teño actualmente, que plantei o ano pasado e acaban de florecer por primeira vez. E un enlace a unha entrevista á autora da Universidade de Vigo.

Mesmo é unha poeta recoñecida a nivel internacional, xunto con outros poetas galegos, como podedes comprobar en Nós diario.
https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/chus-pato-manuel-rivas-alba-cid-poetas-galegas-portal-internacional-asymptote/20200417135419095471.html










Mirade en Nós diario a nova e tamén en  https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2020/04/21/span-langglas-faiscas-facian-fuxir-as-tebrasspan/0003_202004G21P35992.htm



Póñovos tamen enlace  a cambios importantes para o 2020 na ABAU.

Para bacharelato: facer a proba de selectividade do exame da 2ª av., os de 2º A e B, pero farán outra os de 2º C.

Está nas probas de selectividade 2014. O poema empeza "As veces me pregunto por que eu non son como as demais mulleres"..., Luz Pozo.
Os de 2ª C farán outra do poeta lugués Darío Xohan Cabana, de setembro  2008: " Non volverei á casa onde nacín"...
E vede que son os pampillos. Moi coñecidos por usarse por ex. na confección de alfombras florais. A segunda foto son os chuchameles:






Prazo: Os que poidan envialo esta semana, que o envíen. O resto,  a semana que vén.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmos/system/files/lingua+galega.+s%C3%ADntese+te%C3%B3rica.pdf

Para 4º de ESO: comentario de texto do poema. Enviar ata a fin da semana que vén (maio).

Primeira memoria
Abrín os ollos
 e sentín a chuvia polas tempas e a nuca.

Cheguei cando o silencio oscila
para se erixir en pórtico do tempo.
Unha forma interior compartía os movementos
dos astros
e chegan palabras,
ríos escuros de ledicia,
voces que traspasan os muros,
navíos inocentes que foxen nas pupilas.

Abrín os ollos e e sentín a chuvia.

Agora recordo unha praza baleira
por onde pasan ventos de saudade como unha man
coñecida e incerta.
Lémbrome das rúas sen arestas,
das pedras marcadas con líquenes,
dos vaporiños que soan nas tardes de néboa
cando fica o peirao en sombras e silencio.

Tería que dicir co poeta
"Vin  a sombra, sen ollada, sen lámpadas".
Mais a luz vai comigo.

Abrín os ollos.

Luz Pozo, Códice calixtino

Cuestións:

1. Analiza no poema cal é o suxeito lírico? En que situación se atopa?
2. Cal é o tema do poema?
3. Estrutura.
4. Explicación do contido e dalgúns recursos literarios.
5. A métrica.

Aclaracións para a realización do comentario:

- Para entenderdes o texto, sería bo que o lésedes varias veces. Tamén que busquedes o léxico que vos resulte descoñecido.
- A pregunta 1 refírese a cal é a perspectiva que adopta a poeta. Iso vese pola persoa que emprega.
- A 2 refírese a cal é a idea máis importante do texto, expresada de maneira breve, nun sintagma.
- A 3 consiste en indicar as partes do texto e dicir a idea principal de cada unha.
- 4. Explicar todo o que entendamos do que comunica este texto.
- 5. Métrica. Axústase a estrofas tradicionais ou non? Hai rima?

De repaso de lingua para BAC.: O infinitivo conxugado.

1. Conxuga sempre que sexa posíbel o infinito. Se non se pode, explica por que.

- Para calcular a forza da descarga eléctrica debedes empregar este dispositivo.
- Para escribir unha nova carta fai falla que nos ditedes punto por punto que queredes poñer.
- Non vos é posíbel saber quen telefonou para pedir a cita co oculista.
- Ao vir os teus irmáns, ponte a fritir o peixe para comer logo todos.
- Con disolver as manifestacións contra a fraude electoral non van lograr que as autoridades internacionais deixen de apoiar as protestas.
- Convén tirar das camas todos os colchóns e poñelos nas ventás para evitar o fogo inimigo.
- Vimos chegar os veciños ás cinco da mañá.
- Querías saber que pasaría coa terceira avaliación.
- Calar os do cuartel e saír ti chorando, foi cuestión de minutos.
- Non deberías pedir a súa partida de nacemento sen agardar a que volva de Cuba.
- É imprescindíbel preparalo axiña se queremos marchar hoxe.
- Se sabedes quen telefonou podedes dicirllo a Martiño.
2. Forma oracións de infinitivo conxugado cos seguintes pares de palabras. Procura que as haxa de diferentes tipos de subordinadas.
- parador/elixir
- aloumiñar/rapaces
- rebater/argumentos
- esnaquizarse/alma
- agachar/segredos

De repaso do verbo para 4º ESO:

1. conxuga:
P1 presente ind. valer; p2 pret. indicativo reducir; p3 copretérito poñer e pór; p4 antepretérito estar;
p5 pospretérito ir; p6 pres. subx. valer e vir.
2. Segmenta indicando os seus constituíntes e analiza:subades, esperarei, seredes, facermos e dixeren.
3. Pon exemplos de tres casos diferentes (con distintas vogais radicais) de verbos con alternancia vocálica e conxúgaos no pres. indicativo, pres. de subx. e imperativo.
4. Inventa oracións correctas con estes tipos de perífrases:
- aspectual imperfectiva, aspectual perfectiva, aspectual reiterativa, aspectual incoativa, temporal de futuridade e modal de probabilidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario