lunes, 2 de marzo de 2020

Narrativa de posguerra e teatro, comentarios

Textos para comentar: Antón de Cidrán, Ánxel Fole; A casa de Merlín, de Merlín e familia, Á. Cunqueiro; A esmorga, E. Blanco Amor.

1. Comentario de Antón de Cidrán, Ánxel Fole.

En primeiro lugar poño un enlace ao texto para que o leades.

https://books.google.es/books?id=5Ugj6Mc_GugC&pg=PA95&lpg=PA95&dq=anton+de+cidran&source=bl&ots=Sqm5wR1iYS&sig=ACfU3U2rsQ0QILlvn5UPcrBChPKX88AwfQ&hl=es&sa=X&ved=2ahUKEwiI4Nfi0_LnAhWvxIUKHc5UBRcQ6AEwCXoECAoQAQ#v=onepage&q=anton%20de%20cidran&f=false

Trátase dun dos relatos do libro Á lus do candil (1953), deste autor lugués.

No comezo do conto podemos observar que hai dous narradores. En realidade, o narrador en 3ª persoa omnisciente o único que fai é contar unha historia a un interlocutor que trata con cortesía (de vostede) que a el lle contaron previamente ("Inanque lle pareza mentira"). O outro narrador é o señor de Sabarei, do que fala máis adiante.
Este recurso a outro narrador aporta verosimilitude á historia, pois dísenos que quen contou a historia é un señor moi competente e tamén afable, que a pesar de ser de clase alta relacionábase co narrador como se fosen iguais (Iso é o que di no primeiro parágrafo).
A seguir conta a historia que podemos resumir así: Antón de Cidrán, un labrego do Páramo, vai a Lugo ao San Froilán xunto co seu compadre Pedro a cabalo. Pola mañá fan os seus negocios e o resto do día dedícanse a comer, beber e divertirse. Á noite volven para a casa, mais no camiño Antón ten unha visión dun morto ao que levan nun carro. Ao día seguinte Antón vai varexar castañas e morre.
Lévano nun carro. É dicir, el vira o seu enterro antes de morrer.
Remata o conto cunha sentencia breve, que é a ensinanza que se tira do conto: "o que ve o seu enterro en vida, xa está cun pé no outro mundo".
Na historia hai detalles realistas como o que se refire ao costume de iren ao San Froilán todos os labregos en varias leguas á redonda, ou as localizacións concretas: tasca da Mosqueira; alusión á rúa do Miño, o camiño da Encomenda, Paradela, Canturín... coller en aparcería un muíño...
En canto á lingua: aparecen trazos propios da lingua falada como o uso de frases feitas (ser moi botado pra diante;comeron e beberon a embute, coma dous abades; non andaban con díxome-díxome nin con pataqueiradas); hai vulgarismos (pra;arrodear) e castelanismos (iban, carretera, pulpo) e tamén formas dialectais (iles, aquil).
No estilo aparecen trazos do conto tradicional oral: apelación aos oíntes ("xa sabedes que todos os labregos"....), remate sentencioso (no final).
En canto ao contido, neste conto aparece a realidade material de Galicia (o comercio da madeira; as feiras; as tascas e restaurantes; o traballo de sacudir as castañas e recollelas) xunto coa realidade espiritual (a festa do San Froilán, a crenza sobre o anuncio da propia morte nunha visión). Algo  que chama a atención se o analizamos con ollos actuais é a escasa relevancia concedida á muller. Todo o dirixen os homes, mentres as mulleres quedan reducidas ao ámbito doméstico. Elas non van á festa; os negocios fanos eles (gañan os cartos e tamén os gastan e o único que lles dedican a elas é unha "cousiña" que lles mercan nela), mentres elas sosteñen a casa (suponse que terían animais na súa casa labrega que precisarían ser coidados).

2. Comentario dun texto de Merlín e familia (1955), de Álvaro Cunqueiro



O señor Merlín, segundo se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea,  a veu herdado para Miranda por unha tía segunda por parte de nai; pero había disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito. Só unha vella camareira de Quintás facía algo de memoria de que, sendo nena, levárona ao enterro dunha señora en Miranda, e tras o crego de Reigosa, que cantaba moi ben, ía don Merlín vestido de negro, agás unha gran bufanda colorada, e xa daquela tiña o meu amo a barba branca.(...) Por don Merlín non pasaban os anos, e disto queixábse coma dunha horamá, pero poucas veces, que o ser del era aparentar franco e aberto, contento co mundo e parrafeador, e sorría moi doado; axudáballe a ser franco os ollos claros, e aquela súa fronte levantada e señora, e ata o aquel que tiña de aloumiñala coa man dereita cando che falaba. Era de poucas carnes, pero moi estribado no seu e garrido, e moi andador. Pero agora non ía contar do señor Merlín, señón face-lo prospeito da súa casa, cando eu vivía en Miranda, posto de mozo de pasamán por once pesos ao ano e mantido, as zocas que gastase e os remontados de chaqueta e calzón, amén de catro pares de medias por aninovo, dous brancos e dous negros.
A primeira na casa, despois de don Merlín, era a miña ama dona Xenebra. Era unha señora moi sentada, verán e inverno coa súa peleriña negra moi bordada de abelorios. Tampouco era do país, e prendía algo na fala. Tiña un pelo loiro moi fermoso e longo, que recollía nun grande moño, e nunca vin pel tan branca coma a súa. Outa, e máis ben gorda, tiña un gran andar, e era moi graciosa de seu no mando algo súpeta eso si e por veces seca, pero moi mantedora da xente e do gando (...) Dicían que era viúva dun gran rei que morreu na guerra, e que tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro. Cáseque non saía da casa, e polo serán sentábase no salón, a carón do balcón grande a bordar(...).De cando en vez paraba de bordar para rascar o lombo cunha manciña de buxo que tiña, montada nunha variña de abelá.
A casa estaba no alto de Miranda, e era grande e ben tallada, cun balcón sobre o camiño de Meira e solaina á cara do sol, e pegado á casa o forno do meu amo que tiña asemade dúas cámaras e por detrás unha corte para as bestas dos visitantes, que esta era do meu coidado, tanto para estrar como para arrendar a eguas e os cabalos. Na cámara grande do forno, sentado na cadeira de brazos de veludo verde, lendo no atril os libros das historias, recibia don Merlín aos hóspedes. Na gaiola de vidro asubiaba o escornabois, e da redoma de bálsamo de Fierabrás pingaba pola billa de buxo  dourado de Monterroso, no vasiño de prata, o roxo e perfumado licor. Eu, cabo do atril, coa palmatoria na man, na que ardía a vela de cera dos trobos de Belvís, seguía atento o dedo de don Merlín, que ía polas follas dos libros secretos, rego a rego, soletreando os milagres do mundo. O gato Cerís, un gato albino e cego, viña deitarse aos meus pés.
                                                                         (adaptación tomada de Merlín e familia)

O narrador deste texto e Felipe de Amancia, o paxe de Merlín. Trátase xa que logo dun narrador testemuña, pois é un personaxe secundario que conta o que el viu cando traballaba de criado co mago na súa xuventude. Emprega a 3ª persoa cando presenta os personaxes protagonistas ("o señor Merlín ...era"; dona Xenebra "era", "tiña"...) e a 1ª para falar de si mesmo ("cando eu vivía en Miranda").
Neste texto o narrador presenta e caracteriza os personaxes principais e describe a casa de Merlín.
No referido á caracterización observamos que combina elementos realistas e fantásticos, como é propio do estilo de Cunqueiro.
No caso de Merlín. é un personaxe fantástico, mítico. El sitúa o personaxe nun ambiente galego, pintado e nomeado con realismo: un pazo en Miranda. Menciona lugares concretos, reais e existentes como Quintás ou o camiño de Meira ou Miranda. A descrición é bastante detallada: orixe, trazos físicos (alto, estribado, fronte erguida, barba branca, garrido) e trazos de carácter (contento co mundo, franco e aberto, parrafeador, andador). Unha característica estraña (marabillosa) é que por el non pasaban os anos; xa era vello cando veu. Non hai case memoria diso e segue igual.
Na vestimenta tamén presenta un trazo rechamante: a súa bufanda colorada que loce nun enterro.
Vese que o personaxe está perfectamente adaptado a Galicia. Así, adopta os costumes galegos como o de ir aos enterros de todo o mundo.
No que se refire ao criado, Felipe de Amancia, aparecen aquí as condicións do seu traballo na casa de Merlín, detallando punto por punto cal é o seu salario, parte del en especie, e as súas ocupacións.
O feito de dar detalles tan concretos e tan numerosos contribúe ao verismo, faino máis crible.
Na descrición de dona Ginebra volven aparecer trazos comúns con Merlín. Tamén é un personaxe fantástico tomado da materia de Bretaña, das lendas medievais. Descríbea como unha señora aristocrática, pola súa maneira de vestir, estranxeira, tatexa, con pelo longo loiro, alta e algo gorda.
Tamén está ben adaptada en Galicia, pois ten calidades semellantes a unha muller galega como a de ser "moi mantedora da xente e do gando". Dise que é viúva dun gran rei que morreu na guerra, o rei Artur. Tamén usa obxectos estraños como un peite de ouro, ou unha man de buxo para rascar o lombo. Tamén será algo marabilloso recibir a morte do seu home por un corvo. Os corvos eran tamén na narrativa popular o agoiro da morte.
Polo que se refire á descrición do pazo, é bastante realista e detallada: estancias e o seu uso, pero tamén introduce elementos marabillosos polo medio. Por ex. cando fala do que tiña Merlin na cámara onde atendía os visitantes. Tamén aquí fai unha descrición detallada dos obxectos mencionando por ex. a súa orixe (a vela de cera dos trobos de Belvís", o "escornabois que asubiaba" nunha gaiola de vidro) e aparece un gato un pouco estraño, albino e cego. Son obxectos raros que teñen relación co seu traballo de mago.

 Póñovos tamén un vídeo sobre o autor e a súa obra:
https://www.casamuseoalvarocunqueiro.es/video/

3. Comentario dun fragmento de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), Álvaro Cunqueiro.

Unha sala no castelo de Elsinor. Paredes núas, afumadas. Onde non, pousa o mofo verde que brilla en esmeralda ou ouro vello cando roza a raiolado sol ou a lus das lámpadas. Á dereira unha grande escaleira de pedra que rube á Torre dos Esperteiros. Á esquerda, unha cheminea; no fogar arde un lume canso. Outas bóvedas e podentes trabes de carballo. Unha  única fiestra ao fondo, aberta sobre a néboa da mañá. Aquí e acolá, nas paredes, fiteiras e seteiras. A sala é terrea.Non se escoitan os pasos da xente. O coro baixa amodo pola escaleira.Un fato se xentes escuras, sen idade nin sexo, que visten roupas pardas ou da color do fume e do mofo, que arrimadas ás paredes, confúndense con elas.A parte do coro vana declamando como por quenda, as xentes estas, adiantándose do mesto grupo para dicila, e volvendo presto ao anónimo.Voces, as do coro, súpetas unhas, apaixonadas outras, outras graves e reflexivas.

ESCENA I

O Coro (deténdose na metade da escaleira, apoiando as mans na varanda)

Benvidos a Elsinor, señores! Aquí en elsinor todos temos pechado por mor do vento. Non hai no mundo lugar máis venteado que Elsinor. Todo ten que estar dentro: a xente, o gado, o xardín. E é culpa do vento irado.A ninguén lle prace saír de Elsinor con tanto vento fóra, semellante a un grande exército ouveador que cerca Elsinor por toda unha longa noite. Por iso os de Elsinor somos xente de pálida pel. Quen sae ao campo en Elsinor?(Seguen baixando). É a verdade; estamos en demasía xuntos entre as peredes antigas de Elsinor. Un home é el mesmo, e asemade, unha chea de homes, uns donos de seu, criados outros e cada quisque arrastra por cámaras e corredores  os vagos pensamentos propios, os soños, as arelas, as inquedanzas e as iras, a ambición, a luxuria, o medo tamén ...(...)

ESCENA II

Entra Hamlet por unha porta á dereita, debaixo do rechán da escaleira. Viste de negro con capa curta. Trae nunha man un libro e noutra unha viola. Pousa ambas as cousas nunha cadeira que hai preto da fiestra.

CORO Bos días, flor da mocidade! A brétema non deixa hoxe mirar o teu reino. Naves ancoraron na badía non ousando navegar, que non se ben distingue o mar da terra.
HAMLET Bos días! Pero, quen es ti?Que fas na antecámara de El Rei de Dinamarca?
CORO Son o coro. En toda peza de teatro debe de asistir o Coro. Son un e son moirtos. Pode ser a noite e o día, verbas secretas, boatos que corren, sombras que pasan de aquí para acolá escoitando. Eu son o señor vagas sospeitas, don murmuracións, micer memorias de tempos idos, don ollo fisgando por unha pechadura, un profeta na praza ...
HAMLET E o teu testemuño é verdadeiro?
CORO Soamente en parte. Garda ben para ti mesmo que es unha señoría ilustre, un príncipe real, unha nobre e ergueita cabeza, un corazón xeneroso, un espírito leal, un breviario, en fin, de prtfrcta xentileza encadernado de luxo en pel suave e perfumada, e, no lombo, solemnes letras de ouro. Podo eu, o Coro, ler todas as túas páxinas en outa voz dediante desta ilustre concorrencia?
HAMLET Non. Páxinas hai en min que a min mesmo mas vedo. Outras soamente as podería ler eu, finxindo coa miña voz máis confidente, coma quen agasalla a escusa cun vaso de licor de prezo, vido de moi lonxe. Ouviche algunha vez falar a serpe?Unha voz semellante precisaría. Outras páxinas de meu son confusos soños emborrallados. Outras hai que son un pouquiño de música doce á hora vespertina.
CORO Ofelia, quizais!
HAMLET Como o sabes? (Achégase á cadeira, toma  a viola nas mans e pulsa dúas cordas. Volve pousala). Si, Ofelia. Esta é a música, o luceiro, o cheiro das rosas de Oriente nas noites de verán. Ofelia! Ponte no meu lugar; abondarame Ofelia? Hei de ser sempre un estudante namorado? Madurecen os froitos nos hortos, o trigo chega a sazón e é segado, o poldro brincador faise pesado palafrén. Pode unha alma estar sempre pendente dun sorriso?



Este fragmento do Hamlet de Cunqueiro presenta en primeiro lugar unha anotación e logo xa comeza o diálogo.

En todo o texto destaca a linguaxe ben traballada do autor, con grande riqueza léxica e de recursos literarios. En canto a recursos técnicos, aparece o coro, propio do teatro clásico grecorromano, que non aparecía na obra de Shakespeare.

 Vou colgar tamén un vídeo da película Doentes, feita a a partir da obra homónima de Roberto Vidal Bolaño.






No hay comentarios:

Publicar un comentario