jueves, 26 de marzo de 2020

Malia todo, chegou a primavera

Dende este blog vou ir dando noticia de accións para a educación xurdidas neste tempo de estarmos na casa. Por ex. a de aprendermos con olloboi : https://www.olloboi.com/projects/eu-son-mulleres-da-sombra-a-luz/

Veu a primavera e brilla o sol e saquei algunhas fotos; non é Holanda, pero case!

En febreiro viñeron os narcisos (case ao comezo, coincidindo co entroido), logo os  xacintos, e agora en marzo os tulipáns. Despois os pensamentos e algunha outra da que non lembro o nome.
Ademais xa teño preparado material para o taboleiro do cambio de estación e un póster sobre Ricardo Carballo Calero. Animádevos tamén e facede vós algunha presentación ou power point sobre o insigne escritor ao que se adican este ano as Letras Galegas!!! Tamén podedes facer algún xogo, que logo podería expoñerse no instituto.

Tamén podedes mantervos informados na nosa lingua grazas a Nós diario.



















En nós diario aparece tamén un vídeo moi interesante sobre a emigración galega.; ese é un dos temas que apareceu no exame de lingua galega de 2º de Bac. O alumnado de 2º de Bac. B e C debería facer a redacción sobre o texto de Rosalía de Castro: "Este vaise i aquel vaise". O vídeo pode axudarvos a encontrar ideas. Os de 2º de Bac. A poderían facer o da relación entre produción e consumo, ou consumismo e produtividade, que apareceu noutro exame.
Velaí as probas. A enviarme a semana que vén.

Proba A, para 2º B e C:


Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
e a manta da cama.
Vendéronlle o carro
e as leiras que tiña;
deixárono soio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"
Cando ninguén os mira,
vense rostros nubrados e sombrisos,
homes que erran cal sombras voltexantes
por veigas e campíos.
Un, enriba dun cómaro
séntase caviloso e pensativo;
outro, ó pe dun carballo queda inmóbil,
coa vista levantada hacia o infinito.
Alǵun, cabo da fonte recrinado,
parés que escoita atento o murmurío
de augua que cai, e eisala xordamente
tristísimos sospiros.
¡Van a deixa-la patria...!
Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno deles,
¡ai!, ¡i adiante está o abismo...!

 Rosalía de Castro, "Pra Habana", Follas Novas

 CUESTIÓNS:

1. Fai un breve resumo do texto indicando o contido de cada unha das partes do poema.
2. Explica cal é o sentido que teñen no texto os dous últios versos.
3. A emigración en Galicia antes e agora, compara a situación da que fala Rosalía coa que se dá hoxe (250 palabras).
4. Fai a análise sintáctica: Vense rostros nubrados e sombrisos; Algún, cabo da fonte recrinado, parés que escoita o murmurio da auga que cai.
5. Segmenta e analiza as forma verbais: vou, venderades, estaren, dixermos, parecía.
6. Dá un sinónimo e un antónimo dos adverbios e locucións adverbiais: antano, devagar, ás toas, abofé, ao xeito.
7. Corrixe e clasifica os desvíos da norma do texto.

Proba B, para 2º de bac. A:


Produción e consumo enchen as nosas vidas. E grazas ó progreso tecnolóxico e á acumulación de capital, só producimos durante media vida, cuarta arriba cuarta abaixo. Agás desgrazas, que sempre hai algunha. Consumidores, porén, sómolo todos dende o berce ata o burato final. E tanto á  hora de producir coma á hora de consumir, un principio informa o noso actuar: obter a máxima satisfacción posible. Agás excepcións, que sempre as hai para calquera regra.
O día da última tractorada, a produtora chairega Carmela da Chousa subiu ós mandos do SAME familiar de 224 cabalos e enfiou cara a Lugo a protestar polo baixo prezo do leite das súas vacas. Logo de arrodear a muralla empoleirada na cabina da súa máquina, a consumidora Carmela paseou as rúas do centro na procura dunha saia nova para estrear na comuñón do seu sobriño. Aínda que lle fervían os ollos por unha peza estampada da marca lalinense Toypes, rematou por mercar outra menos lucida e de marca descoñecida, pero de prezo máis baixo.
Ese mesmo día, a produtora Susa de Valdecales soubo que a empresa na que prestaba os seus servizos, a téxtil Toypes, presentaba un ERE rotatorio por mor da caída no volume de vendas, e que lle ía supor a ela un certo quebranto salarial. De volta á casa logo da xornada laboral, a consumidora Susa entrou no Centro Comercial para facer as compras alimentarías do día seguinte e, no canto do cartón de leite de Pascual -que viña mercando ata o de agora- e vendo como viñan as cousas, decidiuse por un de "marca branca" quince céntimos máis barato.
J. Luis Sucasas, en Vieiros (2009)

1. Expón brevemente a idea que nos quere transmitir o autor co seu texto, máis alá das anécdotas que relata. 
2. Analiza sintacticamente: Ese mesmo día a produtora soubo que a empresa na que prestaba os seus servizos presentaba un ERE rotatorio por mor da caída das vendas.
3. Redacta un texto sobre a importancia que teñen o consumo e a produción (ou o consumismo e a produtividade) no noso modo de vida actual. (Extensión aprox. 200-250 palabras) 
4. Segmenta e analiza as seguintes formas verbais: fervían. enfiou, souberes, terdes e espiramos.
Cales deses verbos presentan alternancia vocálica? Como son as vogais radicais nos tempos afectados? Escríbeos.
5. Escribe oracións correctas con estes tipos de perífrases:
aspectual perfectiva:
aspectual terminativa:
temporal de inminencia:
modal probabilidade
aspectual imperfectiva

No hay comentarios:

Publicar un comentario