martes, 31 de marzo de 2020

Boa tarde aos de 2º de Bac. Probas de selectividade, Solucións

Vou publicar as solucións das dúas probas que realizastes estes días, as dúas de xuño 2019.

Velaí vos van:

Proba A: Baséome nas respostas de Antía Domíguez con algunha pequena modificación.

1. O primeiro enunciado quere dicir que Dian Fossey levou a situación ao límite. Coa súa maneira de actuar (presionando os indíxenas psicoloxicamente) estaba a arriscarse e sabíao, pero seguiu adiante sen vacilar, apertando os indíxenas ao extremo. "Tensar a corda" quere dicir levar unha situación ao límite. Normalmente tensa a corda o forte e sofren as consecuencias os máis débiles, como é tamén o caso aquí.
A corda "era fráxil" porque os indíxenas estaban nunha situación moi delicada, que mesmo ameazaba a súa subssistencia, e iso implicaba un enorme perigo.

2. de carácter forte- dise que unha persoa ten este carácter cando se amosa segura de si mesma e defende os seus puntos de vista con enerxía e decisión, sen someterse facilmente a outras persoas.
caza furtiva- caza ilegal de animais, ben por carecer de licenza, por cazar especies protexidas ou en época de veda.
xente esfameada- persoas que pasan fame habitualmente, por careceren dos recursos básicos para o seu sustento.
superstición- crenza nalgunha realidade máxica ou sobrenatural sen base racional que explicaría algúns sucesos.
animista- Dise da persoa que cre que todos os seres, animais ou obxectos teñen alma ou espírito.

3. As cuestións relativas aos pobos indíxenas soen xerar controversia entre persoas con puntos de vista diferentes sobre a súa problemática.
O habitual é que os indíxenas se visen desprazados ou explotados polos que se consideran "civilizados".
Deberiamos plantexarnos se isto é xusto, lóxico, racional.Eu penso que non.
Durante séculos foi frecuente que a vida destes pobos, que vivían nos seus territorios con recursos propios sen problemas, se vise perturbada  pola chegada de homes que se chamaban a si mesmos civilizados. Estes, movidos pola ambición, colonizaron os territorios, saquearon os recursos, expulsáronos dos seus fogares e obrigáronos a sobrevivir como puideron. En ocasións, víronse obrigados a internarse nas rexións que outrora foran os seus dominios para buscar alimentos. E entón, as autoridades botáronos de novo. E iso empeoraba se tiñan que cazar algunha especie protexida como último recurso para subsistir
Os indíxenas non son, acaso, humanos coma os demais?
O conflito vén de atrás e hoxe en día deberiamos ser quen de atoparlle solucións: protexer as especies en extinción é importante, pero non o é menos permitir aos indíxenas o acceso a recursos que lles permitan vivir dignamente.
É responsabilidade dos gobernos facilitar a vida dos seus súbditos, por ex. mellorando a súa instrución, promovendo melloras na agricultura e o desenvolvemento económico dos seus países.

4. Non debe levar preposición a o CD pois iso é o máis frecuente e non é un dos casos de excepción. por ex. , cando segue un nome propio. Ex. Vin a Luís.
No segundo e terceiro casos: leva a o CI, porque esa é a marca desa función sintáctica. No terceiro tamén leva preposición a: Unha meiga castigaría aquel que fixese dano aos gorilas. É CI.

5. Oración complexa:
Sprep.: E + Termo prep., subs. CCT vai dentro do PV
Dian Fossey, SN, sux. N subs.
combateu SV/PV N, verbo
esta práctica SN, CD Det. + N demostrativo, substantivo
xogando coa superstición dos indíxenas O. sub. adv., CCM
PV/SV N, verbo + CCI, sprep. E + Termo prep., Termo, SN, Det. art. + N subs-+ Mod, sprep.
formado por E + Termo, prep., SN , Det. art. + N. subs.


Proba B: neste caso a 1 é de Laura González Lemos e a redacción é de Yasmina.

1."O poder non precisa escusas", Con iso refírese a que as perosas con poder non teñen que dar explicacións a ninguén nin responsabilizarse dos seus actos, polo que non precisan desculpas de ningún tipo.
"Calquera persoa que ten un millón de dólares é superior ao resto" Iso quere dicir que o poder non vén dado pola grandeza dos seus actos ou polos seus coñecementos, senón que as persoas poderosas son as que máis cartos teñen, xa que poden controlar outros individuos e mesmo gobernos como queiran.
2.premonitoriamente anunciando antes de tempo algo que vai suceder nun futuro
falangueiro dise da persoa que lle gusta moito falar e é de conversa agradable
limpeza étnica acción de homoxeneizar etnicamente un país, deixando unha soa raza, xa sexa expulsando o resto ou eliminandoas.
orzamento militar cantidade de diñeiro que un país destina aos gastos do exército
3.
Este texto móstranos o caso de Windrip, un líder carismático que chegou a ser presidente dos EE.UU sen contar co apoio do seu partido e cun programa político que non respondía ás demandas dos cidadáns. Algo similar ocorreu en 2017 coa elección de Trump como o novo presidente americano; esta vitoria foi algo inesperado para a poboación, que reaccionou con preocupación ante o novo goberno republicano.
Na miña opinión, políticos destas características poden subir ao poder por varias razóns:
En primeiro lugar, un destes factores pode ser o desexo renovador do pobo. É dicir, en ocasións, tras un longo mandato dunha forza política que non rematou de satisfacer as necesidades dos cidadáns, estes votan ao candidato contrario coa esperanza de que se poidan cumprir os seus desexos. Ás veces, a xente abúrrese de ver no poder á mesma persoa tanto tempo e decide cambiar para tratar de mellorar.
En segundo lugar, líderes como Windrip ou Trump poden gañar as eleccións presidenciais debido á ignorancia da poboación. Poden darse casos nos que os individuos dun país non sexan conscientes das consecuencias que terá determinado goberno e, polo tanto, o voten. Relacionado con isto, moitas veces, os candidatos deciden centrarse nunha parte específica de cidadáns e dirixir a súa campaña electoral cara a eles. Por exemplo, se agora en España un político se presenta ás eleccións e promete establecer medidas contra os homosexuais ou os inmigrantes, probablemente obterá apoios de moitos anciáns, xa que consideran que estas medidas tradicionais son a base do bo funcionamento do país. Isto explica que unha gran parte das persoas de avanzada idade estean a favor do franquismo.
Creo que todo o mundo se debería informar correctamente antes de dar o seu voto a unha persoa que pode acabar cos dereitos e liberdades da cidadanía.
4. se1 é unha conx. completiva que introduce unha o. subordinada substantiva de CD.
se2 é unha conx. condicional, o. sub. adverbial condicional, nexo
se3 pronome persoal átono, índice de impersonalidade.
5. Vogais semiabertas: serio, cómico, retórico, muller; vogais semipechadas: teren, chinés, persoa.

Antes da suspensión de clases xa indicara aos que asistiron o venres que tiñan que ir lendo a parte de semántica polo libro de texto e facer os exercicios. En caso de dúbidas, deben enviarmas polo correo e respondereinas.


Póñovos ademais un enlace á páxina da USC para informarvos sobre titulacións académicas, visto que non se van celebrar os encontros fisicamente, como estaba previsto. É no enlace

Estará operativa a partir do día 4 de abril.
Ata a próxima

No hay comentarios:

Publicar un comentario