miércoles, 1 de abril de 2020

Para 4º, solucións aos exercicios destes días. Comentario, C.E. Ferreiro

Ola, rapaces! Todo ben? Espero que si dentro do que cabe.

Ide traballando, que logo poñerei as solucións, pero déixovos un tempo aínda para que me enviedes os exercicios. Por certo, que vos atopo un pouco vagos, pois moitos aínda non contactastes comigo. Eu responderei a todos!
 Un consello:
se dubidades, podedes consultar o dicionario da RAG para comprobar se é como vós pensades ou non. Así teredes menos erros.
Polo que se refire aos exercicios de literatura, debedes ler con atención os textos e responder razoando. Non se responde copiando a teoría. Non chega escribir unha liña de resposta e ao chou!

Tamén sería desexable que aproveitásedes o confinamento para ler en galego. Podedes ir lendo o libro da terceira avaliación, facer un traballo e enviarmo ao correo. Póñovos un esquema dos puntos relevantes que tedes que tratar.
Propoño ademais un novo, por se vos resulta interesante: Sechu Sende, Made in Galiza. Acabo de ver que o hai na rede en PDF, e ten relación con contidos deste curso de sociolingüística.

1. Introdución. Podedes falar un pouco do autor, da importancia da súa obra, éxito, etc., brevemente.
2. Os temas máis importantes do contido. Non só enumeralos; reflexionar un pouco sobre o tratamento que lles dá o autor.
3. A caracterización dos personaxes: físico, maneira de ser, evolucionan ou non... Non é relevante o anecdótico.
4. O espazo e o tempo. Con explicacións. Non só sucede en tal sitio e en tal ano. Por ex. mencionando como describe os lugares, de que época se trata, o ambiente...
5. Valoración persoal: conclusións que tiras ti despois desta lectura. razoar e amosar que o comprendiches.

Tamén é moi recomendábel mantervos informados co xornal Nós diario, que podedes ler en Internet.

Vou poñer un comentario literario do poema "Deitado fronte ao mar" de Celso Emilio Ferreiro.

Para facer un comentario literario completo cómpre tratar polo menos estes puntos:
I. Introdución, onde se fala do autor, o libro ao que pertence, o movemento literario, a época.
II. Temática e tema. Punto de vista.Argumento.
III. Estrutura: partes e idea principal de cada parte.
IV. Análise da linguaxe: plano fonolóxico, plano morfosintáctico, plano léxico semántico.Análise dos recursos esyilísticos de cada nivel e o seu valor expresivo. Interpretación do contido.
V. Conclusión.

Facédeo e enviádemo ao correo. Logo poñerei nesta semana a solución.

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…
Longa noite de pedra 1962

No hay comentarios:

Publicar un comentario