jueves, 16 de abril de 2020

Exercicios de repaso para 4º de ESO

Ola, rapaces! Como andades? Espero que ben e con bo ánimo.

Vouvos deixar exercicios para que practiquedes e poidades recuperar a materia os que estean suspensos nas primeiras avaliacións, pero estaría ben que os fixese todo o mundo e mos enviase ao correo (mellor nun doc. de word). De paso, ides ocupando o voso tempo en algo de proveito e avanzando e mellorando. Prazo de entrega máximo: semana  do 20 -25 de abril.

Os que xa levades o traballo máis adiantado ou todos os que queirades podedes participar nun concurso literario do xornal El Progreso. Póñovos o enlace. Hai premios e tamén o contarei para nota se mo enviades a min previamente para corrixir.

1. Unha actividade fácil e formativa que propoño é ler algún xornal en galego. Por ex. recomendo Nós diario ou Praza pública, que podedes ler na rede.
Podedes escoller unha noticia do voso interese e facer un comentario: por que vos interesou? Estades de acordo co plantexado no texto?Cal é a vosa opinión sobre o tema?Que vocabulario novo aprendestes?
Ler e redactar son exercicios magníficos que aumentan as nosas competencias lingüísticas de maneira notábel.

2. No voso libro de texto: ler textos literarios dos temas xa estudados e responder as preguntas.
Por ex. ao comezo, algún poema de R. Cabanillas, algún texto de V. Risco, Otero Pedrayo ou Castelao.
Despois algo de Manuel Mª, Uxío Novoneyra, Luz Pozo.
Iso daravos un coñecemento máis amplo da literatura que estudar só a teoría. Se eses escritores son considerados clásicos, será porque fixeron algo de mérito e iso vese lendo os textos concretos, procurando entendelos e tentando explicalos. E dese xeito aumentará tamén o voso interese pola literatura.

3. Redacta sobre o tratado  no texto de opinión do enlace. Procura ordenar as ideas mediante unha correcta puntuación, separando os parágrafos, e achegando unha conclusión breve ao final. Coida tamén a ortografía: tiles, b/v, etc.

4. Busca nos dous primeiros parágrafos do texto os pronomes persoais. Di se son tónicos ou átonos e cal é a súa función sintáctica.

5. Substitúe o subliñado polo pronome persoal átono correspondente.Lembrade ter en conta a acentuación.

- María pediu un prato vexetariano e Xacobe carne á grella.
- Trouxeron un agasallo ao seu sobriño.
- Merquei ao avó unha pouca froita.
- Dixen aos nenos que fixesen o traballo.
- Fixo o traballo o rapaz.

6. Usa en oracións correctas os pronomes: llo, llelo, nolo, volo, cha, lla.

7. Inventa oracións correctas coas seguintes parellas de palabras:

ravo/rabo, cavo/cabo, vota/bota, rebelar/revelar, vast/basto

8. Acentúa cando cumpra: accesit, atmosfera, subiu, instruido, cambiou, azuis, ademais, zulu,
despois, rapidamente, el, si, miudo, amosounolo, termostato, avaria, gladiolo, rubeola, popurri.

Explica por que non levan til as que non o precisan. (E faino ben! Moléstate en mirar a páx. 42 do libro!)

9. Pon os tiles diacríticos necesarios nas oracións:

- O vento partiu a pola da árbore do xardín.
- A pola xa pon ovos. A nos gústannos moito mias cos da tenda.
- Non che da vergoña facer iso? E que tes pouca.
- Compre ollalo todo a luz do día; vense mellor as cousas! As veces trabucámonos a primeira impresión.
- Non sei se ven teu irmán. Había que sementar a mes.

10.a) Clasifica os determinantes e pronomes (excepto os persoais) que haxa nas oracións:

 - Calquera diría que non o coñeces.
- Ese non ten razón ningunha. Dixo que o voso era o peor traballo.
- Teño varios máis este é o meu cadro preferido.
- Lembro todas as cidades que visitei.
- Fun mercar un cento de repolos e vounos plantar na miña horta.

b) Usa en oracións correctas oito contraccións de prep. + determinante ou prep. + pronome (excepto as de prep. + artigo). Con que outros tipos de determinantes ou pronomes se fan contraccións?Se tes dúbidas mira no libro a páx. 58).

A ver, rapaces, ide facendo e ánimo e fe no futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario