miércoles, 15 de abril de 2020

Repaso de morfoloxía , para alumnado de 2º de Bac. ; exercicios de semántica

Empezamos con música sobre a realidade actual, con Guadi Galego:

 https://www.nosdiario.gal/video/cultura/guadi-galego-xente-confinada/20200414111420095179.html

Póñovos tamén unha canción dun grupo ourensán, Guezos: escoitádea, parte dos beneficios van a fins solidarias.https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2020/04/14/comezar-cero-guezos/00031586880406045920759.htm

Na terceira avaliación na parte de lingua temos que repasar todo o visto. Ademais temos como parte nova a semántica. Especialmente deberían facer estes exercicios as persoas coa segunda avaliación suspensa.
Os que ademais teñan suspenso o libro de lectura de calquera avaliación, deben facer un traballo e enviarmo o máis axiña posíbel (prazo máximo: fin de abril). Nel tratarán os seguintes puntos: temas relevantes e tratamento que lles dá o autor, interpretación do contido (que reflexións suscitou en nós a lectura deste libro?, que sacamos en conclusión?); tratamento do espazo e do tempo; hai un tratamento realista da historia ou non? Aspectos que destacamos como méritos da obra. Por ex. algunha reflexión sobre a linguaxe.
Debería incluír algunha cita do texto en relación coa explicación que fagamos.
Conclusión.

Lémbrovos que hai que enviarme na semana do 20-25 de abril como prazo máximo os exercicios de semántica do libro de texto, unidade 5. Mandáraos cando se suspenderon as clases coa esperanza de corrixilos en clase á volta, pero agora, como isto se prolonga. tedes que enviarmos. Se tedes algunha dúbida, enviádema a través do correo.

DE REPASO:

1. Recoñecer as clases de palabras.

Indica que palabras son as que aparecen nos textos:

a) O mesmo día que Francia anunciaba que no país galo as garderías e escolas reabrirían "progresivamente" a partir do 11 de maio, diversas ONG facían un chamamento ao Goberno español para que as crianzas poidan saír á rúa por quendas e con supervisión".
(Por certo, como é o plural de ONG?)
b)“Fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas, que é unha cuestión dunha altísima complexidade", aseguran. Daquela lembran que "ao comezo ninguén tomou en serio as nosas predicións".

2. Clases de pronomes: indíca en cada caso o tipo que son os que aparecen nas oracións.

Nisto, chegou Fidel.
Algúen cho diría.
Non o sabía ninguén.
Esta non me gusta; tráeme esoutra.
Ese era o meu. Xa volo dixera antes.
Mercaches abondos. Podías darme un.

3. Uso de contraccións; indicar clase de palabras que contraen. Facer enunciados correctos.

Nesta, desas, nel, naquela, diso, doutro, noutras, estoutro, esoutras, aqueloutros, naqueloutros, daqueloutra, desoutros  (e aquilo + outro, pode contraer?)

4. Usos especiais de demostrativos e posesivos. Inventar exemplos cos distintos valores. Por ex. cinco distintos de cada.

5. Funcións dos pronomes persoais e clases (tónicos, átonos). Incluídos pron. de solidariedade, dativo de interese.
- Vímola onte á noite convosco.
. Nunca nolo contaches; gustaríanos sabelo.
- Élles moi bo rapaz; nunca mo quixo cobrar.
- Dóechelle moito a cabeza; padéceas (por ex. migrañas).
. Rompéronchelleme o xoguete ao neno. Pelexáronse por el e acabaron rompéndoo.

6. Conxugar verbos:

p1 pres. ind. valer
p1 pret. ind. vir
p2 pres. subx. moer
p2 pret. subx. rir
p3 antepretérito facer
p3 pospretérito ler
p4 copretérito caer
p4 pres. subx. roer
p5 copretérito instruír
p5 inf. conx. traer
p6 fut. subx. poñer
p6 fut. ind. pór

7. Segmentar palabras: independencia, independente, dependentes, ollomoles, instrución, malentendido, confinamento, aterradores, desafortunadamente e asalariados

8. Segmentar e analizar verbos: caiban, diminuíu,  estiver, faceren, houberdes, irían, teñas e vires.

9. Colocación do pronome átono. Introduce o pronome no lugar correcto (se hai varias posibilidades, indícaas). Xustifica a colocación.

- Logo fas  (a)
- Xa dicía túa nai que ías facer (me, o)
- Eu tamén cría (as).
- Ninguén quería admitir (o)
- Temos que contar (vos, a)

10. Análise sintáctica de:a incógnita sobre canto tempo durará esta situación fai que a sensación de vulnerabilidade sexa maior.

11. Analizar as perífrases: tipo e valor:

- Non dei rematado o traballo; non vou entregalo.
- Deixa de dicirme o que debo facer.
- Púxose a chorar como un desconsolado; debeulle pasar algo grave.
- Teño comido alí moitas veces.
- Tropecei e houben caer polas escaleiras.
- Acabo de chegar e estou empezando a facer a cea.


No hay comentarios:

Publicar un comentario