martes, 14 de abril de 2020

Tarefas de literatura, 4º de ESO

Os exercicios da páx. 306 tratan sobre a poesía de posguerra, na que ten unha grande importancia a figura de C. E. Ferreiro.
Trátase de coñecer mostras dos seus textos, lelos, entendelos e logo explicalos.

Tamén poderiades escoitar versións musicadas deses textos. por ex. do poema "Irmáns".

1. O texto 1 ten unha temática social ou cívica. Lembrade que co nome de "longa noite de pedra"designouse a etapa da posguerra, pola opresión, falta de liberdades, a persecución política...

O texto 2 tamén ten temática cívica, pois fala dun dos sinais de identidade máis relevantes do noso pobo: a lingua.

Desa mesma temática é o texto 3. que fala sobre a irmandade entre os homes, que sería un tema universal.

O texto 4 é de temática satírica, vai dirixido aos xoves para animalos a construír unha Galiza mellor.

O texto 5 tamén ten temática satírica pois denuncia o imperialismo opresor.

O texto 6 ten temática satírica, xa que ridiculiza unha persoa pola súa decadencia moral.

O texto 7 é poesía intimista, xa que llo adica á súa amada, dicindo que é ela quen lle dá forza para vivir.

2. A pedra é un símbolo, unha realidade concreta obxectiva mais a palabra emprégase tamén  cun significado abstracto.
Por unha parte está o significado denotativo da palabra, o significado ordinario desa palabra como aparece definida no dicionario. Mais por outra, cobra importancia o significado connotativo, que é o máis importante na poesía.
Celso Emilio escribiu ese poema estando encerrado nunha cela do mosteiro de Celanova, por culpa dunha denuncia falsa. É dicir, que hai esa realidade: unha cela escavada na pedra, onde el está rodeado por esta.
Peo tamén hai o uso simbólico da palabra para suxerir algo abstracto relacionado cos sentimentos do autor nesas circunstancias. A pedra asóciase entón á escuridde, ao frío, á insensibilidade dos homes, que non son quen de amosar sentimentos, empatía, comprensión... Por iso el se sente morrer e identifica todo o que o rodea cunha longa noite de pedra, unha época terrible na que todo é sufrimento. O único que non é de pedra é a voz do poeta.

3. É unha lingua proletaria porque é usada polas clases baixas, os obreiros ou os mariñeiros e labregos, os que a mantiveron historicamente desde os Séculos Escuros.
No poema expresa unha dicotomía entre os que a usaron e sufriron represión e os que non o fixeron, os opresores.
Os  versos que falan dos defensores da lingua son:

a fala dos avós que temos mortos ... e os tres seguintes.

Tamén:

Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

E ademais:

que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío
pra os que súan e choran...

4. Fai referencia ás persoas comprometidas con Galicia; os homes "bos" do himno galego. Sofren unha alienación, pois a súa historia non se conta na lingua propia, que sería o normal.

5. Os que a falan: mariñeiros, labregos da linguaxe, homes bos que sofren longo,...
Os que non: patufos desleigados, pequenos mequetrefes, soberbios, ruís e poderosos, finchados, estúpidos e valeiros.

6.Trátase dun poema de verso libre sen rima, polo que o ritmo se constrúe coas repeticións e o paralelismo. Por ex. non falo pra os soberbios/non falo pra os finchados...; eu fáloa porque si... porque...

7. O poema vai dirixido a persoas que el considera irmáns, por compartir con eles ideas ou sentimentos, vivencias..., independentemente da súa orixe. Mentres, di que non se identifica con persoas que ten ao seu carón. É dicir, a proximidade é física pero non interior.

8. Os recursos máis destacados son as repeticións e os paralelismo. O verso Coma un irmán che falo, repítese continuamente (cinco veces), dándolle ao poema características semellantes a un himno.

9. O poeta expresa a esperanza de que a xente nova actúe de maneira distinta  a como o fai a colectividade galega de Venezuela, á que critica.

10. O poeta pídelle á mocidade que sexa revolucionaria e rebelde e rexeite as persoas que lle mintan, respectando a terra onde se vive (Venezuela) ou onde se naceu (Galiza).

páx. 308.

1. O maior obxecto de interese da obra de Neira Vilas é o mundo infantil e a emigración.

2. Certamente houbo distintas maneiras de tratar o tema da emigración na literatura. O curso pasado vistes o tratamento dese tema en Rosalía; este curso en Castelao e C. E. Ferreiro e agora en Neira Vilas. 
Rosalía denuncia as causas e consecuencias sociais da emigración. Algo parecido fai Castelao. (Recoméndovos ler o conto "O pai de Migueliño"). Os dous ven a emigración como un fracaso de Galicia e algo moi doloroso para os que a protagonizan. Celso Emilio Ferreiro amosa nos seus textox dúas posturas contrapostas respecto ao tema. Nun poema anima a xente a emigrar, ante a terrible situación que hai no país; é dicir, presenta a emigración como unha oportunidade. Pero logo de emigrar el mesmo a Venezuela amosa unha visión negativa dela. Quéixase os galegos emigrados que se adican a explotar os seus propios compatriotas. E di que a emigración é unha ferida, unha sangría que non remata.
Neira Vilas tamén presenta a crúa realidade da emigración, as dificultades de adaptación, o fracaso...

3. O termo aplícase a aqueles libros que venden moitos exemplares ao longo de moito tempo., mentres que un bestseller sería o libro do que se venden moitos exemplares pero nun tempo limitado.

4. Memorias dun neno labrego está traducida ao asturiano, éuscaro, portugués, catalán, castelán, inglés, francés, alemán, italiano, checo, búlgaro, ruso, chinés e esperanto e conta ademais cunha adaptación para braille. Podedes lelo se queredes nesta avaliación en lugar do de lectura.
Pódese ler na rede en PDF.

Aínda que está ambientada no rural galego na posguerra, a situación social da que fala é extrapolábel a calquera lugar do mundo. Os desexos que amosa Balbino son tamén universais: a xustiza, ter unha vida digna, expresar o que sente mediante a escrita. É unha obra universal

No hay comentarios:

Publicar un comentario