jueves, 13 de febrero de 2020

Un día para o amor

Creo que os máis sabemos que isto do Día dos Namorados é un invento comercial para sacarlle os cartos á xente. Tamén deberiamos estar precavidos contra a idea do "amor romántico" que tentan vendernos.
 Moi logrado o eslogan dos membros da biblioteca: "No amor hai moito conto"... E na literatura e na vida tamén hai moito amor, e máis que fai falla, pois os humanos precisamos moito amor e moitos coidados para saírmos adiante, xa que somos extremadamente fráxiles.
Sobrecolle o efecto da falta de amor. Estes días lemos no xornal a nova duns pais que guindaron o seu fillo recén nacido ao río Carrión en Palencia. A falta de humanidade é terrible. Xa están no cárcere.
En realidade, en Galicia o día do amor sería antes: o Día da Candeloria, que se di que é cando casan os paxaros. Dise que é a festa da luz, do amor e da amizade, o 2 de febreiro.

Cos meus anos, penso que sei algo sobre o que o amor non é:

- depender doutra persoa; pensar nela e esquecerse de un. O amor debe levar á plenitude de dous, non á dependencia emocional.

- dicir todo o día "Quérote". Máis ben é estar aí cando te precisan.

- regalar bombóns e flores. O refrán di que a ninguén lle amarga un doce, pero tanto bombón e tanto corazonciño xa empalaga un pouco. Hai moito que dar e moito que agasallar. Calquera cousa, un detalle que sabes que lle vai gustar. Ao mellor só darlle apoio nalgunha iniciativa do seu interese.

- controlar ao outro constantemente. Pedirlle contas de todo, afogalo; non deixalo respirar. Non deixarlle gardar os seus segredos e espazos propios. Controlarlle o móbil. Con quen vai, os seus amigos...como viste, que aspecto ten ...

- aferrarse a unha relación que xa non funciona. obrigar a alguén a seguir con un aínda que non queira.

Pero mellor ca min falaron de amor algúns poetas galegos. Poñereivos algunhas mostras.


Por ex. o de Celso Emilio Ferreiro , poeta da Xeración do 36, da poesía de posguerra, "Eu en ti", do que poño  un enlace ao  vídeo de Salvador  Sobral e Ave Rábade, sobre a forza do amor que vén do inicio dos tempos.
Outra versión é a da cantante galega Uxía.

A seguir vai un de Luz Pozo, que presenta un amor sensual. Ela é luguesa, ribadense, membro da Real Academia Galega e  a mellor poeta da Promoción de Enlace, tamén da posguerra, que aínda o ano pasado con 96 anos publicou un libro, Pazo de Tor.

                                                 
                                                                               O PAXARO NA BOCA

                                                                    Os teus paxaros choven miudiño
                                                                    sobre das miñas arbres e tamén
                                                                    sobre destes meus beizos que che cantan.
                                                                    Eu fago conta de que son de terra,
                                                                    na túa beira de aire e peixes louros
                                                                    Recibindo o sabor da túa paisaxe:
                                                                    húmedas aves novas do teu peito.
                                                                   Aquí estou meu amor, aquí me choves.

                                                                            Luz Pozo Garza, O paxaro na boca , 1952

E agora un de Salvador García Bodaño, poeta da Xeración das Festas Minervais, da posguerra.

ESCOITA este silencio, miña amada,
este ámbito de nós onde te sinto,
os corpos enlazados, labirinto
de amores no aire limpo da luzada.

Escoita esta canción arrebatada
que pulsa no meu sangue o vello instinto,
silente paixón, lume que presinto
a arder no escuro val da túa ollada.

Deixa que fique aquí nesta tenrura,
pois o amor é tamén doce estadía
tal que fite a partida de amargura.

Déixame entón, así, nesta alegría
de terte xunto a min, lene dozura
mansa como o clarear do novo día.

S. García Bodaño, Poemas de amor a Xulia


Amais poño un de Antón Avilés de Taramancos, gran poeta do amor, como o anterior da Xeración das Festas Minervais. E un enlace a un comentario do mesmo que fixen noutro blog meu, que aparece na súa última entrada publicada.

                                               PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

Todo canto amei perdéuseme contigo:

a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.

Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.

De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.

E agora, vai algún da poesía actual. Por ex. o de Pilar Pallarés, máis angustiado, sobre o desamor. Esta autora coruñesa acaba de recibir o Premio Nacional de poesía en 2019 polo seu libro Tempo fósil.


Como doe o silencio
cando o amor acaba.
Quedas como estatua de ferro enferruxado
crispada nun adeus
ao fondo do camiño
e eu teño que seguir
(outros brazos agardan).

Quédasme xa moi lonxe,
eu sen ti e ti sen min ao final desta historia
lamentábel.

Como doe o silencio
Non sei como pasou.Foi a tristeza
xuntándose de a poucos,
as palabras non ditas,os rancores calados,
medo,tempo,distancias,
sospeitas que percorreron o peito como eguas,
e agora estás moi lonxe,
irremediábelmente ti,
dos outros,
nada meu.

Como doe o silencio cando morren os días
da paixón e do odio namorado.
Face a face, contemplo as vellas horas
(e ti nelas ,calada-
mente contra os ventos malditos)
e sei que son poeira, restos, nada,
apenas arrepío na caveira dun morto.

Quedas lonxe,moi lonxe,
e eu estou caendo,perdéndome,
abismándome,
como un escuro buzo,
no silencio.
Cando o amor acaba.

Pilar Pallarés: Sétima soidade, 1983

Desde a Biblioteca propúxose ao alumnado, ou a quen queira participar, facer algunha composición que teña por temática o amor, abríndoa a calquera amor, calquera persoa que para eles signifique algo importante. A ver como resulta.

O curso pasado eu fixera esta, que ilustrei cunha foto de curiosas cenorias da miña horta:

Ámame libre

Xuntos, pero non revoltos,
xuntos mais non asfixiados,
 cada un co seu espazo.

Amar non é afogar,
encoller, anular.
Preciso aire para respirar.

Ámote libre,
con plenitude.
Déixote vivir.
Vive!

Ámame libre
para avanzar e soñar,
expandirme, progresar.
Libre!

Deixa vivir e vive!


Como nos ensina a natureza, cada individuo precisa o seu espazo para medrar na vida.


O amor tamén pode ser amor á familia e, en particular, vou poñer un adicado á avoa, de Avilés de Taramancos, que a vincula ás orixes.


Avoa, nai anterga ensumida na terra,
cando mastigo o pan estou bicando
o teu sangue inmortal apodrecido,
o froito do teu corpo semeado: A tua saiva
que através dos séculos renasce.
Doce esterco da vida! Bebo a auga
do cano dos teus ósos cando bebo.
Aniñada nos eidos teces a inconsútil firmeza
do adival que me guia e asegura: Ariadna.
É a túa man a que revive o lume,
pomba escura do tempo na lareira.
De ti provén a áscua e o fermento do canto,
a sillaria na que me sinto forte, o arco
do costelar que afondas, as raíces
minerais que sostentan
do xerme do teu colo, a miña vida.


Antón Avilés de Taramancos, As torres no ar, 1989



Engado, finalmente, unhas coplas da poesía popular que falan da nai. A primeira delas cantábaa miña avoa con moito sentimento, posto que cando ela naceu súa nai morreu de parto.

Miña nai, miña naiciña,
coma miña nai ningunha,
que me quenta a miña cara
coa calorciña da súa.

Outras estrofas son:

Coa calorciña do seu
o meu corpo me quentaba;
deitábame no barrelo
e a biquiños me arrolaba.

E a biquiños me arrolaba
pra que eu durmira calado;
miña nai, miña naiciña,
moito che teño chorado.

Miña nai como é tan pobre,
cando non ten que me dare,
éncheme a cara de bicos
e despois rompe a chorare.



martes, 4 de febrero de 2020

Hai futuro

Quero achegarvos unha información sobre reflexións acerca da lingua e o seu futuro feitas por  diversos persoeiros e que foi publicada en Praza pública e me parece moi interesante.
Dela extraio a seguinte conclusión: se queremos futuro para a nosa lingua, debemos crer nel, traballar por el con ilusión, implicarnos e poñer o noso gran de area.

Velaí queda o enlace.

Sobre todo gústame o vídeo de Rosa Aneiros sobre o que aprendeu ensinando os fillos a andar en bicicleta, que metaforicamente tamén se pode aplicar á lingua. Nela as nais danlles pé aos fillos para manexarse na vida, sabendo que elas estarán sempre detrás para apoialos ... ata que voen sós.

jueves, 30 de enero de 2020

Día da Paz, 30 de xaneiro de 2020

Con motivo da celebración do Día da Paz propuxemos ao alumnado do centro diversas actividades como coñecer os diversos símbolos para celebrar esta data: a pomba, as mapoulas, as grúas de origami...Tamén traballamos o glosario de termos pola paz e a non violencia.

Velaí algunhas mostras deses traballos. Na primeira aproveitei fotos da miñas mapoulas. Na segunda aparecen os poemas de Celso Emilio Ferreiro "Irmáns" e "Poema nuclear", que comentamos na clase en 4º de ESO e en 2º de Bac. Na terceira, temos a pomba da paz e os termos relacionados con ela. Finalmente, coa colaboración do alumnado, fixemos un ramo de pólas de maceira decoradas con grúas de origami.







Tamén quero amosarvos un coñecido poema do lugués Lúís Pimentel, sobre os "paseos", que eran frecuentes despois da Guerra Civil española. Trátase do famoso "Cunetas". En 4º de ESO xa falamos disto, pois estamos dando a literatura de posguerra.

Cunetas 
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
...........................................

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.


Luís Pimentel, Lugo, marzo 1937

Segundo o profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, no seu libro Arte literaria, trátase dun poema cun tema principal e varios secundarios.
O argumento sería: nunha Galiza asolada polos ametrallamentos, alguén fala laiándose en medio do terror. O poeta camiña polos abatidos arrabaldos populares, sabendo que cada día hai un morto na cuneta.
O tema central é pois a represión en Galicia durante a Guerra Civil. Máis concretamente fálase dos "paseos", que consistían en sacar as persoas das súas casas, fusilalas e deixalas abandonadas nas cunetas das estradas.
Como temas secundarios aparecen o silencio temeroso, a invocación divina, a identificación dos que sofren cos que aman a Galicia, a persecución de mestres e obreiros, a esperanza na xustiza que xurdirá destes martitirios, a soidade do poeta en medio da desolación, a identificación dos pazos como lugares de conspiración, o pranto das mulleres ante os cadáveres dos seus homes... ou o misterio de Galicia.
O poema comeza con artificios baseados na repetición de palabras, como a reduplicación e o paralelismo. Estes sérvenlle para expresar un sentimento obsesivo, a angustia do poeta polo que ve ao seu redor.
"Galicia ametrallada nas cunetas" sería unha metonimia, artificio retórico do plano semántico consistente en nomear a parte polo todo ou, neste caso, o lugar polos seus poboadores.
As persoas expresan a dor cos seus berros, pero son advertidas de que non poden falar en voz alta; é dicir, non poden expresarse con liberdade, porque se impuxo o silencio. Nin sequera hai liberdade para chorar!
Fai unha reflexión sobre o difícil que é facer un home, é dicir, facer unha persoa cabal; pola contra, destruíla é moi fácil, como xa amosou antes.
Tamén hai metáforas como "lama, sangue e bágoas nos sulcos son semente". Con isto quere dicir que as mortes inxustas de persoas darán os seus froitos.
O poeta camiña baixo a choiva ensimesmado, mirando cara ao seu interior ("enviso"), e di que lle será difícil atopar palabras para os seus versos. A realidade é tan dura que lle vai custar atopar as palabras para falar dela.
 Pasa a carón dun pazo, que el considera un lugar onde se trama o crime. O aire fíxose irrespirable ("hai un aire de pombas mortas"). Usa o símbolo da pomba (recurso do plano semántico), que representa a paz, pero ao estar morta indica que non a hai). O ambiente está dominado polo medo e non hai posibilidade de comunicación entre as persoas. Segue vendo bandeiras esfarrapadas e homes mortos nas cunetas, mulleres que choran por eles. Entón vénlle á cabeza o símbolo rosaliano da negra sombra, que el identifica co misterio de Galicia. Este é un símbolo ambivalente, posto que deixa abertas as portas á esperanza. Máis alá dos elementos que aparentemente conforman Galicia, hai algo máis profundo e verdadeiro.



Ademais déixovos dúas versións en vídeo do coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro, "Irmaus", sobre a fraternidade entre os homes, superando as barreiras e as diferenzas.
https://www.google.com/search?q=you+tube+coma+un+irmau+che+falo+karaoke&oq=you+tube+coma+un+irmau+che+falo+karaoke&aqs=chrome..69i57.18584j1j7&sourceid=chrome&ie=UTF-8

https://www.youtube.com/watch?v=hYeFeDgeGbg

Ademais vou poñervos un enlace a un vídeo relacionado coa reacción social contra a violencia de xénero, que non deixa de aumentar o seu número de vítimas.

En varios cursos comentamos o seguinte poema de Celso Emilio Ferreiro:

Poema nuclear

¡Que ben, que a bomba vén co seu rebumbio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo,
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.
Os outos funcionarios.
Os outos fiñanceiros.
Os outos ideais.
¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que paren fillos
polvo serán, mais polvo namorado.

Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas da beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, escelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba vén! Nun instantiño
amable primavera faise cinza
de vagos isotopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! a bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
axiña vén, velaí vén, bon amigo.

¡Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡Booong!!!

Celso Emilio Ferreiro en O soño sulagado, 1955

Trátase dunha composición pertencente á obra O soño sulagado (1955), de Celso Emilio Ferreiro, un poeta da Xeración do 36, da poesía de posguerra. En canto ao xénero literario, é poesía lírica. O tema é o efecto destrutor da bomba, é dicir, o antibelicismo. Será daquela poesía social (temática), por tratar temas que afectan ao conxunto da sociedade.
Esta obra trata diversas temáticas que  reaparecen no seguinte libro, Longa noite de pedra (1961).
O fundamental do contido deste poema é  a denuncia dos efectos destrutivos da bomba, que arrasa a paisaxe ao seu paso e remata coa vida das persoas.
En canto á linguaxe destaca o uso dun léxico científico técnico, que era pouco usual na poesía: plutonio plutocrático, átomos, cobalto hidroxenado, isotopos.
Mediante as exclamacións expresa emotividade. Todo o texto se basea no recurso do nivel semántico chamado ironía: "¡Que ben que a bomba vén!". Quere dicir que o poeta non se alegra de que chegue a bomba; quere dicir xusto o contrario. Esa frase é relevante e por iso aparece repetida abrindo e pechando o poema e dándolle a este estrutura circular. 
Tamén son frecuentes os recursos do nivel fónico como a aliteración, presente por ex. nos dous primeiros versos para dar idea do son da chegada da bomba; "a bomba bong a bomba co seu bombo"; a onomatopea: "boong", reproduce o son real da bomba ao estourar. A paronomasia: bomba. bombo; bong, bon; bon,ben, ven.
Tamén destacan os recursos do nivel morfolóxico baseados na repetición como a anáfora: a bomba,,, a bomba é o comezo de varios versos dunha estrofa; paralelismo: os outos edificios/os outos ideais..., repite a mesma estrutura en varios versos. A derivación: a morte morta.
Outro recurso relevante é a enumeración asindética coa que expresa o caos que se instaura como consecuencia da guerra.
O texto comeza coa expresión dos sentimentos do poeta pola chegada da bomba. Fai partícipe destes ao amigo, mediante o vocativo "bon amigo". A chegada da bomba supón a invasion de moitas cousas que teñen connotacións negativas: aramios, martelos, formigas, matarratos...
A bomba trae ademais a destrución da vida social: os edificios, os funcionarios e os ideais convértense en "borralla radioactiva". Desaparecen os pais, as nais, as persoas honorables e menos honorables e mesmo o amor e a morte (o verso "polvo serán mais polvo namorado" é unha alusión a un poema de Quevedo que fala da pervivencia do amor despois da morte. Ese trazo chámase intertextualidade, que consiste en poñer en relación textos de diferentes épocas e autores).
Elementos antitéticos son: magnates e mangantes ou cabaleiros cubertos, descubertos. É un paradoxo.
"Nun instantiño a alegre primavera faise cinza" é un verso que expresa con claridade a destrución que trae a bomba, que transforma o mundo nun lugar irrespirable. O "arco de átomos triunfaes" é a transformación dunha expresión: arcos triunfais. Estes soían construírse para gloria dos vencedores dunha guerra.
O poema remata co estalido das palabras: onomatopeas e paronomasia e aliteración para reproducir o son da bomba ao estourar.
A conclusión é que nos está ben por ser como somos, por facermos un mundo malo e inxusto.


viernes, 24 de enero de 2020

O inxusto reparto da riqueza no mundo

Este foi un dos temas de reflexión propostos ao alumnado de 2º de Bac. nun exame, da man do texto xornalístico de Rosa Aneiros de 2006, sobre Iqbal Masih.

O tema ten miga e tamén segue a ser moi actual. O mundo está gobernado inxustamente, causando moita dor e padecemento á maioría, mentres uns poucos se reparten toda sorte de regalías.
Vemos por ex. que medra escandalosamente o mercado de  produtos de luxo, mentres en moitas partes do planeta as persoas non teñen asegurada nin a supervivencia.
A inxustiza xenera desequilibrios e tamén moita anguria e opresión. Pero as elites seguen tranquilas. desprezando aos que lles botan en cara as súas culpas.
Así, en EEUU vemos como Donald Trump se mofa das sensatas reflexións dunha rapariga de 16 anos sobre o cambio climático. En Galicia, vemos aos profesores da Facultade de Medicina de Santiago desprezando o galego, que case non usan para impartir clases e iso terá consecuencias para os pacientes (recentemente saíu un caso de vulneración dos dereitos dun menor por falar galego https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/o-sergas/20200114194511089589.html). Con anterioridade saíra nos xornais o aprezo dunha estudante de medicina foránea polo galego, o seu interese por aprendelo porque lle facilitaba a comunicación cos pacientes nas prácticas. Xa hai uns anos dixo Rigoberta Menchu, Premio Nobel da Paz 1992, que a paz pasa polo respecto ás minorías e aos pobos (" Eu creo firmemente que o respecto á diversidade é un piar fundamental na erradicación do racismo, a xenofobia e a intolerancia";" a paz é filla da convivencia, da educación e do diálogo.O respecto ás culturas milenarias fai nacer a paz no presente").
 Vemos que a maioría das persoas pobres no mundo son mulleres. Que casualidade!E os máis ricos, homes. Tamén o denunciara Rigoberta Menchu. O mundo para mellorar e ser máis xusto ten que contar coas mulleres ("Unha muller con imaxinación é unha muller que non só sabe proxectar a vida dunha familia, a dunha sociedade, senón tamén o futuro dun milenio").
Mentres, dise que en moitos países hai democracia. Iso é así formalmente, pero, a realidade?
Cunha xustiza que non funciona porque non trata a todos igual, con paraísos fiscais... con elites que están por riba do ben e do mal, non hai democracia nin dereitos humanos nin nada.
O capitalismo é un sistema opresor e sen garantías, sen asomo de humanidade, como denuncia a escritora no seu artigo publicado en El progreso.
Nós persoalmente pouco podemos cambiar deste mundo. Estamos aparentemente no lado bo do mundo (quero dicir, o máis levadeiro), o norte, pero non por iso estamos a salvo. As decisións de calquera mandamais poden mudar os equilibrios. Por ex. Donald Trump está sendo unha ameaza que pode dar ao traste coas relacións internacionais ou o comercio, con consecuencias negativas en moitos países. E mañá pode ser outro calquera... calquera iluminado con poder nas mans.



miércoles, 25 de diciembre de 2019

Refráns dos alumnos de 2º de Bacharelato




Na primeira avaliación o alumnado de 2º de Bac. fixo un traballo de recollida e ilustración de refráns.
Velaí algúns resultados.







Ademais de facer os vídeos, tamén os expuxemos no corredor para que se poidan ver.












lunes, 9 de diciembre de 2019

Inverno




O inverno chegou. Con el o frío e as cores tristes, os días pequenos, a calor do lume a carón da cociña. Tamén traemos un pouco de poesía para alegrar estes días tristes. É tempo de estudar para termos logo un bo nadal.








Choveu e arroiou, "ameteu " o río, alagouse a horta. Logo xeou e houbo néboa.

Déixovos algúns poemas para ler. Espero que vos gusten e vos fagan gozar. A vida continúa e hai moito que celebrar.

Inverno na miña vila
Fino ceo de telaraña
cinza de pérola.
Un galo canta,
flama sobre a neve.
As murallas durmen,
redondas e brandas.
Roto o resorte do pobo,
as voces caen en cabezales
de nardos.
Horas sin ferro.
Reló de fariña:
neve.
Sairá a lúa,
como unha raxa de melón
fría e dulce.
Luís Pimentel (1885-1958)
Sombra do aire na herba (1959)


Panos brancos
                             esfiañados
                                                       da nebra 
ouveando 
                        polos vales 
                                                       polos soutos i as devesas marelas 
                                                                                                      en busca dun caborco 
 ou dunha valiña outa                                             que os acolla 
                                                                                                                i os faga acougar!
 Fiañas da nebra 
                         rubindo
                                                     e baixando               
                                                                                                 á gaiola do aire 
polas serras érmedas
                                                                  e polos soutos espidos do Nadal!
                         
                                                     Uxío Novoneyra
No poema, como nos caligramas das vangardas (Caligrammes, Guillaume Apollinaire),  disposición do texto ten valor expresivo, querendo imitar as nubes da néboa.
                                                        
LOAIRAS de sol 
Ventaladas d´aire
 E razadas d´auga!
 / 
DENDE nino pequeno
 Voun ver sempre o ríu que ameteu 
Que me fai ise aceno
 Que sein eu.  
                                     Uxío Novoneyra, Os eidos


SOL DE INVERNO
Quen escribe lembra como entramos
tras a intensa nevarada:
os ollos cegados pola luz,
as folerpas no cabelo,
os pálidos semblantes recubertos
por esa frialdade nova,
chegada furtivamente do exterior,
que penetra os aterecidos membros
como un lampexo revelando
unha certa perplexidade, un aceno.
Trátase da mesma situación unha
e outra vez, baixo aparencia
ben distinta: a neve,
a ponte vella, a canteira abandonada
á vexetación, os escuros camiños.
Intactos lugares do temor
que nos recollen en nós mesmos.
Como o vento que pouco
a pouco se vai debilitando
e deixa pousado nos muros
o aroma das follas, o alento do bosque,
así a túa respiración,
así a túa respiración
ao pé do lume, íntimo
latexo que captura a mirada,
que nos recolle en nós mesmos.
E nos entrega cinza, espello
tal vez do deterioro, tal vez
do desafecto, o frío.
O teu amor é como unha brisa entre ramaxes.
O teu amor é sol de inverno.


Martín Veiga




miércoles, 4 de diciembre de 2019

Outono

O outono comezou e iso trouxo novas sensacións ós poboadores do instituto.

O ambiente foi cambiando e achegouse o frío, a escuridade, as pantasmas, os medos, os misterios ...
Pasar polo corredor ou a biblioteca metía medo...








Un grupo de profesores desde o EDL do Xograr e desde a biblioteca artellamos unha actividade de lecturas acaídas á época e, para darlle unha emoción. decoramos o corredor,  a biblioteca e o taboleiro de Dinamización Lingüística con motivos relacionados co outono. Fixemos manualidades de outono con elementos naturais (follas secas, froitos, herbas e ata plumas de ave ...): mouchos, un ourizo cacho e un esquío, un centro de mesa cunha base de carballo, unha espiga de millo, cardos, bugallos, musgo; tamén un vello castiñeiro con follas amarelas. Dispuxemos unha mesa no corredor con elas e con libros en varias linguas con estas temáticas e outra na biblioteca. Decoramos esta con tearañas e unha grosa e ameazante araña, con guirlandas con motivos de morcegos, pantasmas (feita por Andrés de 4º A) e tamén gatos negros. Puxemos candeas, que acendemos mentres liamos, e unha cabaza decorada con outra no interior máis pequena que alumeaba, un esqueleto, teas de araña. E moitos, moitos libros.







 Realizamos actividades de lectura na biblioteca con varios cursos de secundaria, algunhas de textos narrativos e outras de textos poéticos.
En  xeral, a actividade tivo boa acollida polo alumnado, aínda que mellor nuns cursos ca noutros.

En Lingua Galega de 3º de ESO lemos poemas de medo de diversos autores.
En lingua galega en 4º de ESO lemos algún texto de literatura popular (lendas de mouros ou a verdadeira historia do home lobo de Allariz) e tamén algún literario: "Sobre a morte de Bieito", de Rafael Dieste; " Os lobos", de Á. Fole e "Viña do alén", do mesmo autor.






Déixovos tamén un poema de María Lado sobre novembro, recitado por ela mesma.